Archive for Abril, 2009

Prone Lugo Asociacion Deportiva

j observa

o resto do
equipo
está en tensión

quedan tres partidos
e aínda poden
entrar nos playoffs

vibran os
músculos
danse
golpes uns aos
outros
para provocar a
adrenalina

pero j dende un
recanto
observa e xa
non lle importa

estaba entusiasmado
ao principio

pero foi vendo pasar
a liga
dende o banco de
suplentes ou
mesmo dende a
tribuna

como hoxe

á hora marcada
os demais saíron
quentar na pista

el pechou a
taquilla
acomodou a chaqueta
e dirixiuse ás
gradas

alí tamén había
entusiasmo

era un partido
difícil

e o estadio estaba
ateigado

no palco
j sentou
nunha punta

o tempo fíxose
infinito
até empezar o partido

até os primeiros
goles

1-0

entusiasmo crecente
só por uns minutos

logo veu o
empate

e máis tarde o
1-2

o ánimo da
afeizón
empezaba a
vacilar

afinal
tampouco existen os
miragres

e j sentiu
por primeira vez
na noite
que non estaba só

no descanso
baixou até
o vestiario

o entrenador
arengaba a tropa

e a tropa
petaba no chan
cos pés nervosos
descargaba coas
palmas
nos bancos

cando foi
hora
saíron outra vez
ao campo

a saltitar
retesados

j viunos
marchar

a sala quedou
baleira

ao lonxe
os berridos da
multitude
eran un un
zunido
vago

abriu a porta
andou o longo
corredor até
a rúa

prone lugo

saíu fóra

o aire frío bateulle
no rostro

* a imaxe é de antonio rodríguez (ajgelado) e está publicada en flickr baixo licencia creative commons.

atlas

dende o seu
trono en
mauritania

o rei atlas
observa o ceo

coñece os
astros
e chámaos polo seu
nome

nas noites de
insomnio
deseña o tránsito
das estrelas

a perfección do
movemento

e dá á luz
mares e illas
para poboar o
horizonte

pero o seu
maior tesouro
é a maceira de follas
e froitos dourados
no seu xardín
secreto

atlas

pódeas desexar
calquera rei ou
mesmo os
deuses

as mazás das
herpérides
a ningún brillarán
como aos ollos de
atlas

o rei sabio
non protexe o xardín

ten a imaxe na
memoria
e iso é
suficiente

* a imaxe é de pierangelo rosati e está publicada en flickr baixo licencia creative commons.

Policarpo Sanz

a porta está
pechada

cando se abra
aparecerá aos ollos do
visitante
unha sucesión de salas
en penumbra

da man do
propietario
o convidado percorreraas
unha a unha

quen observar os
dous rostros
con detenemento
atopará as pequenas
similitudes
que os fan próximos

nas faccións saxonas
do convidado

na negra barba que
poboa o rostro do dono
da casa

a calma compartida
de quen se sabe
a salvo
despois da tormenta

ao tempo que falan de
negocios

(o ton de voz
acorde
á solemnidade das
estancias)

os ollos
percorrerán
sen atención
as paredes ateigadas
de pinturas

mais de súpeto
toparán cunha
escena de luz e liñas
puras

o visitante deterase

o cadro representa
un pequeno número de
persoas
no interior dunha
catedral gótica

a dimensión dos
personaxes
en relación coas liñas
case infinitas das
naves e columnas

pieter neeffs

as figuras preséntanse
orgullosas e á vez
inanes

o sutil xogo
de luces e sombras
declara espazos nos
primeiros planos
e suxíreos só
no fondo do edificio
que torna case
unha fotografía en
branco e negro

o anfitrión
ao ver a turbación
que a pintura provoca no seu
convidado
fará silencio

gozará do pracer de
saberse
propietario daquela
táboa

ese pequeno fragmento
perfecto
do universo

99

un paso
previo

a vertixe
de quen vai
chegar

ou o desasosego
diante do que
falta

presentáranos na
adolescencia
moitos anos antes

e non volveran
verse

até esa gris
cidade alemá

deambulaban
polas rúas
co estraño sentimento do
turista
interesado polas
cousas novas
e a quen a mesma
novidade provoca
esa mínima
vertixe

na porta dunha
vella abadía de pedra
cruzáronse

99

os rostros
apenas entrevistos tras
as bufandas

encóntranse os
ollos recoñécense
na cálida sensación de
serenidade
que brinda un rostro
familiar

o adro está
deserto

nese mesmo
instante
ábrese a porta
da igrexa

un acorde
sostido
espállase polo ar

un home de abrigo
e chapeu negro sae

eles semellan deterse

esbozan dous
sorrisos

(semiocultos nas
bufandas)

os dous corpos
en ignorada sintonía
quéncen levemente
debaixo dos abrigos

o acorde envólveos
como un mantra

o home do
chapeu
desaparece logo
entre as árbores do parque

os seus pasos
ecoan breves na grava

esvae o son
no vento
cando a porta volve
pecharse

fica a melodía
eternamente
inconclusa

prato

sempre lle é
dificultoso
comezar

prato

abre
varias veces o
frigorífico
antes de centrarse
na tarefa

da última
houbo facelo tres
veces
e á cuarta
decantouse por unhas
endivias

abriunas ao medio
situounas nun extremo
do prato

era un prato
cadrado branquísimo

cubriunas
levemente
cunha crema a base
dun resto de
queixo azul e
nata

a sinxeleza do
primeiro
provocoulle a
sensación
de que as nubes
deixaban pasar
unha mínima
claridade

voltou ao frigorífico
e sen hesitar
seleccionou
vexetais

unhas cenorias
un allo porro
tres cogomelos
grandiños
un pemento de cada
cor
e unhas follas de
espinaca

das de
abrir a bolsa
e servir

pelou as cenorias

de súpeto movíase
con maior soltura

deu un auga ao resto

colocou con
agarimo os anacos na
tixola con aceite
quente

na cociña
comezou a resoar
un gorgullo case
alegre

remexeu un par
de ovos e
cando as
verduras
estiveron prontas
engadiunos

botou sal
comiño inevitábel
e unha mestura de
pementas
marroquinas
presente de r

o balbordo
do zoco de tetuán
cubriu
os azul-exos

aproveitou
a espera da
fritura
para cocer uns
espárragos

organizou o
revolto nun ángulo
do prato

e insinuou un
abano
con catro
tallos verdes ben
escollidos

na mesa
garfo coitelo e unha
copa grande

serviu todo
a un tempo

abriu unha botella
de rioxa
do mellor que podía
permitirse

verqueuno con
agarimo até cubrir
o fondo da copa

a luz deseñou
brillos inesperados
no mantel branquísimo

sentou a comer