prato
sempre lle é
dificultoso
comezar

abre
varias veces o
frigorífico
antes de centrarse
na tarefa
da última
houbo facelo tres
veces
e á cuarta
decantouse por unhas
endivias
abriunas ao medio
situounas nun extremo
do prato
era un prato
cadrado branquísimo
cubriunas
levemente
cunha crema a base
dun resto de
queixo azul e
nata
a sinxeleza do
primeiro
provocoulle a
sensación
de que as nubes
deixaban pasar
unha mínima
claridade
voltou ao frigorífico
e sen hesitar
seleccionou
vexetais
unhas cenorias
un allo porro
tres cogomelos
grandiños
un pemento de cada
cor
e unhas follas de
espinaca
das de
abrir a bolsa
e servir
pelou as cenorias
de súpeto movíase
con maior soltura
deu un auga ao resto
colocou con
agarimo os anacos na
tixola con aceite
quente
na cociña
comezou a resoar
un gorgullo case
alegre
remexeu un par
de ovos e
cando as
verduras
estiveron prontas
engadiunos
botou sal
comiño inevitábel
e unha mestura de
pementas
marroquinas
presente de r
o balbordo
do zoco de tetuán
cubriu
os azul-exos
aproveitou
a espera da
fritura
para cocer uns
espárragos
organizou o
revolto nun ángulo
do prato
e insinuou un
abano
con catro
tallos verdes ben
escollidos
na mesa
garfo coitelo e unha
copa grande
serviu todo
a un tempo
abriu unha botella
de rioxa
do mellor que podía
permitirse
verqueuno con
agarimo até cubrir
o fondo da copa
a luz deseñou
brillos inesperados
no mantel branquísimo
sentou a comer


