Policarpo Sanz
a porta está
pechada
cando se abra
aparecerá aos ollos do
visitante
unha sucesión de salas
en penumbra
da man do
propietario
o convidado percorreraas
unha a unha
quen observar os
dous rostros
con detenemento
atopará as pequenas
similitudes
que os fan próximos
nas faccións saxonas
do convidado
na negra barba que
poboa o rostro do dono
da casa
a calma compartida
de quen se sabe
a salvo
despois da tormenta
ao tempo que falan de
negocios
(o ton de voz
acorde
á solemnidade das
estancias)
os ollos
percorrerán
sen atención
as paredes ateigadas
de pinturas
mais de súpeto
toparán cunha
escena de luz e liñas
puras
o visitante deterase
o cadro representa
un pequeno número de
persoas
no interior dunha
catedral gótica
a dimensión dos
personaxes
en relación coas liñas
case infinitas das
naves e columnas
as figuras preséntanse
orgullosas e á vez
inanes
o sutil xogo
de luces e sombras
declara espazos nos
primeiros planos
e suxíreos só
no fondo do edificio
que torna case
unha fotografía en
branco e negro
o anfitrión
ao ver a turbación
que a pintura provoca no seu
convidado
fará silencio
gozará do pracer de
saberse
propietario daquela
táboa
ese pequeno fragmento
perfecto
do universo



