ravo
a cor no
expositor do supermercado
húmida e
luminosa
a bandexa de
dez ou quince
talos vén
cuberta con
plástico transparente
elixes unha
e deposítala no
carriño
obsérvala un
intre
pero logo cedes á
tentación
e afundes a uña
na lámina
fúrala abondo para
poder coller
un daqueles
tesouros
o tacto algo
áspero
e duro
aníñalo
entre as mans
para que perda
o frío das neveiras
despois
achegas as palmas
ao nariz
o frescor
branco
é prólogo
para o padal
miras arredor
sabes que non hai
delito
pero falo sempre
como o neno que
teme
que o sorprendan en
falta
e levas o
ravo
á boca
o contacto cos
beizos
os dentes que
fan a forza exacta
para fender a
pel
e partir un
anaco
a lingua
suxéitao
levemente
fugaz instante de
expectación
o suave picor
comeza a invadir
as papilas
ao tempo que observas
a carne branca
naquel envoltorio
vermello finísimo
mordes
esnaquizas
tragas



