De pecados anda o home servido. Pasan os séculos arrastrando dos milenios, pero as grandes tentacións, aquelas que marcan e condenan as almas, continúan sendo as mesmas. O mellor deste eterno non aprender e poder ver os feitos con miradas doutros tempos, compartindo experiencias e vellos coñecidos. E nestes momentos de crise, corrupción e primas de risco, de seguro que se hai algo que entendemos, é o que significa a avaricia.
O señor Volpone finxe estar ás portas da morte para descubrir e mofarse daqueles dos seus coñecidos, pretendidos amigos, que non queren máis del que o seu diñeiro. Con este arranque, Ben Jonson estreaba no 1605 una peza que intentaba amosar o que somos capaces de facer cando hai cartos polo medio. (De todo). Talía Teatro toma o relevo e volve xogar coa Commedia dell’Arte para ridiculizar aínda máis as baixas paixóns do ser humano. Con este afán caricaturizador, Roberto Salgueiro constrúe un espectáculo de vestiario clásico e escenografía simple pero efectista, que destaca pola solidez do seu reparto, abandeirado polo espléndido traballo de Diego Rey, Gustavo G. Dieste e Marta Ríos (María Casares á mellor actriz secundaria).
Volpone é unha antifábula. Xa non son os animais os que se conciben humanizados, senón as persoas as que se confunden coas bestas que todos levamos dentro. Volpone, Corvino, Voltore. Raposo, corvo, voitre.
Publicado o 01 Feb 2012

Foto: Teatro do Atlántico
»
E.R. Algún día traballaremos xuntas. Berrobambán.
De tanto en tanto, os faranduleiros (ergo, actores e directores, escritores e demais compañeiros) gustamos de parar o mundo e mirarnos o embigo, compartindo cos espectadores a realidade dunha profesión logo de caer o pano ou apagarse a cámara. Desta vez, Teatro do Atlántico traslada da súa Cataluña natal un texto concibido como un traxe a medida para as súas intérpretes orixinais, encabezadas por Nuria Espert e Rosa María Sardá. A aposta é forte. E con esencia de muller.
Comezamos. Unha estudante de interpretación procura información sobre Encarna Ribera, diva do teatro xa finada, entrevistándose con tres mulleres (amigas?), todas alumnas dela na súa mocidade. Desfilan a gran dama do teatro, a exitosa figura da televisión, a directora de dobraxe. Catro realidades, catro formas de entender o traballo escénico, o éxito e a soidade. Quizais catro caras da mesma moeda.
Xulio Lago cimenta o seu espectáculo no traballo das actrices e a súa loita de egos – teatral-. (Permítanme destacar aquí a incrible humanidade que aporta Susana Dans ó seu personaxe) A reflexión sobre o difícil mundo dos escenarios vaise debullando ós poucos sosténdose en soliloquios dirixidos ó espectador, forzando a non conexión entre as mulleres. Os decorados simples pero eficaces de Rodrigo Roel dan abeiro a unha obra algo estática, que vai gañando interese segundo se vai desenvolvendo a trama, mentres move as actrices por unha paisaxe de luces e sombras.
Aínda que pode rozar por momentos o estereotipo, Josep María Benet i Jornet defende con maestría e agudeza un texto cun padal exquisito pero cun pouso cheo de interrogantes. ¿A que estariamos dispostos a renunciar para acadar o éxito?
Publicado o 27 Set 2011
Foto: EME2
» O Florido Pénsil.EME2
A verdade faravos libres, di San Xoan no seu Evanxeo. E podía ser. Pero eran outros tempos. Porque quizais hoxe sería más profético apostar polo humor como catalizador das nosas inquedanzas. É o aprender a rir de nós mesmos e das nosas circunstancias a mellor medicina para asumir, perdoar, esquecer e, por fin, superar.
A compañía vasca Tanttaka Teatroa foi a primeira en volver ó colexio, decidida a enfrontarse ó seu pasado. Da man do texto de Andrés Sopeña co que comparten título, deron vida a un espectáculo divertido, acedo, que fala con ternura pero sen miramentos da escola franquista, unha época que aínda se pode albiscar de esguello por riba do ombreiro. El florido pensil busca e atopa facilmente a complicidade dun público co que comparte lembranzas, e que se deixa levar dende o comezo coa seguridade que o paso do tempo nos proporciona.
Coa lección ben estudada, Eme2 traslada o espectáculo (incluída dirección e parte da producción executiva) ós nosos teatros, integrando unha más que correcta adaptación co traballo de cinco actores divertidos e tenros, que gozan da representación minuto a minuto, nunha proposta que non dá tregua ó ritmo durante todo o seu percorrido. Porque é moito máis sinxelo facer rir cando ti mesmo ris.
Repasemos as contas. Fórmula de éxito trasladada con precisión á nosa realidade particular máis cinco caras (re)coñecidas que se deleitan no seu traballo. Resultado: este curso promete ser intenso para a compañía.
Publicado o 11 Feb 2011
Foto: Sala Nasa
» Citizen (terceira parte).Chévere
A vinganza é un prato que se serve frío. Tan cuestionable se atacamos coa ética e a moral, o certo é que, sobre todo o demais, é unha paixón indubitablemente humana. Todos, eleccións persoais á parte, podemos entender o pulo que leva a devolver o mal feito, o sufrimento infrinxido, con saña e –calculada- aleivosía.
A vinganza é un prato que se serve frío. En concreto, na Sala Nasa desde febreiro.
Chévere incorpora ás súas filas a Iván Marcos para degraer as consecuencias do acontecido nas dúas primeiras partes, demostrando que todos somos responsables das nosas (in)voluntarias accións e decisións, e como estas poden estourarnos na cara no momento menos pensado. É, por isto, o espectáculo da triloxía más dependente dos anteriores para a súa correcta degustación.
Citizen 3 segue profundizando na súa linguaxe propia, inzada de xogos escénicos. A presencia do pasado, o intercambio (apenas esbozado) de personaxes ou a ruptura coa dramatización más clásica da acción continúan perfilando unha proposta que volve explorar o uso en escena das novas tecnoloxías, e que quizais supón un punto de partida lento de máis do espectáculo. Pero, ó fin e ó cabo, pode que esta sexa só outra débeda co señor Welles, porque de estar aínda creando ¿non investigaría el tamén na aplicación teatral da comunicación electrónica?
Xron continúa esporeando as nosas conciencias a través, iso si, dunha linguaxe más densa e economicista e sen a redondez que caracterizou ás súas anteriores propostas. Citizen 3 rompe coa convención teatral para darlle voz ás persoas (pode que xa non actores), deixando a obra case inconclusa e ós espectadores coa sensación de que a fin aínda está por chegar. No mundo real.
Xa ó comezo do espectáculo advirten: “será que necesitamos ficcións para crer na realidade do que vivimos”.
Publicado o 09 Dec 2010
Foto: Sala Nasa
» Citizen (segunda parte).Chévere
É inútil que intentemos negar o obvio. A exposición indiscriminada ó cine americano na que nadamos a cotío acaba deixando a súa pegada en nós. Un profesor de historia gustaba de dicir que, desafortunadamente, sabemos máis da guerra de secesión estadounidense que da guerra civil que campaba polos nosos montes non fai tanto tempo. Posiblemente. O noso Olimpo occidental vaise edificando ó redor de crencias e mitos moldeados tamén por realidades importadas. E coma un Hércules moderno, cruza o charco o ideal do soño americano, o self-made man, o loitador acérrimo que saiu da lama grazas ó seu entusiasmo e tesón.
Citizen segunda parte mergúllase entón no lado escuro para falarnos de todos eses que continúan precisamente no lodo, braceando e trabando na vida para seguir aboiando. E canto máis difícil é cando o triunfador, para non se salpicar coa merda, ten que coller pulo, forzas e altitude a base de sosterse, facendo equilibrios, na túa cabeza.
Chévere achéganos un ácedo traballo de documentación en forma de teatro, sen deixarnos a posibilidade do distanciamento para adormentar as nosas conciencias. Os cinco intérpretes do espectáculo fálannos do aquí e (case) agora. Quizais a realidade, cando toca máis de preto, é máis verdade. As traballadoras do textil que nos fan partícipes da súa loita, inmersas na miraxe do esplendor do sector, poderían ser imaxinarias. Pero non o son. Deixan ó público o labor de poñerlles nome e apelidos. E cara. E a sobremesa de lidiar con soños esnaquizados.
Xesús Ron dirixe un espectáculo que fai sentir, e que, a pesar da súa dureza, non perde unha envexable capacidade de xogo: coas novas tecnoloxías, co tempo, co silencio, coa anticipación das escenas que serán logo desenvoltas, coa relación co respetable. E deixa para o deleite do público auténticas xoias coma a sonorización, a cargo do padre Miguel de Lira, do que pode decidirse durante unha misa.
A consumir con ou sen previa degustación de Citizen primeira parte.
Publicado o 30 Set 2010
Foto: Agadic
» Lagarta, Lagarta. Casting (a comedia)
Algo debe haber no aire dos teatros que imprime un pulo a compañías, autores e directores para contarnos como é a súa vida cando o patio de butacas aínda está deserto. O teatro dentro do teatro, o seu embigo de ouro. É sen dúbida un lugar común que segue(rá) a ser revisado, xunto con vellas glorias, apaixoados aspirantes, duras horas de ensaio e noites de estrea.
Lagarta lagarta prefire esquecer o lado máis representativo da profesión para poñer o seu punto de partida na crueldade inherente – non por iso menos consciente- que se agocha detrás das probas de selección. Todos entendemos fai tempo que é un proceso natural e necesario, o que non o fai menos doloroso. Na vida e nás táboas, o importante é convencer de que podemos cumprir co papel que nos foi asignado. A proposta de Rosa Álvarez asume que vivimos nun permanente casting. E di máis, o que non interpretase nunca un papel para superar calquera destas probas, que tire a primeira pedra.
Cinco homes e mulleres loitan por (re)conducir as súas existencias. Cada un ten as súas ferramentas, o seu modus operandi. No roupeiro, un personaxe listo para convencer ós demais. Que irónico, entón, que sexan precisamente os que se adican á interpretación – é dicir, os que queren cobrar polas súas mentiras-, os que menos necesitan crear unha ficción para superar o día a día, os que máis se recoñecen nas súas imperfeccións e incoherencias, na súa tolemia. Quizais todos temos un punto de loucura: os que a sacamos para traballar e os que non, os que deben agochala. Pero aí está e necesitámola para estar cordos. Gran paradoxa.
Despois de explorar a escuridade cos Hoffman, Lagarta lagarta decide volver á comedia máis clásica con Casting: un espectáculo dos que entretecen humor, enredo, tenrura e unha certa catarse. Rosa Álvarez imprime ritmo para xogar despois a tomarse o tempo de pausar a acción dramática e dar cabida, vía novas tecnoloxías, a pequenos retallos de outro tipo de humor, moito menos politicamente correcto.
Publicado o 21 Set 2010
Foto: Agadic
» Obras públicas. Life is a paripé
As moi modernas fobias – o que foron medos antes de sermos tan civilizados- hainas para tódolos gustos e idades. Pero quizais a que conseguiu estenderse coma regueiro de pólvora na nosa sociedade é o temor ó ridículo. Camiñamos pola rúa, conscientes do propio absurdo das nosas vidas, pero listos para maquillar un sorriso defensivo ante calquera ataque: un vello coñecido, o obxecto da nosa devoción, unha comida familiar. A nosa mellor actuación é o paripé.
Obras Públicas bebe do mellor caféteatro, o refuxio dos que aínda teñen ganas de desafiar ó establecido e de instaurar co respetable unha relación de proximidade. Cercano é case todo o que nos contan. Cun pouco de humor e autoconsciencia, todos podemos sentirnos identificados cos personaxes que desfilan enriba das táboas. E tranquilos, porque non somos nós os que seremos xulgados.
Non fai falla moito en escena. Goldi, Mos e Iolanda Muíños propóñennos un espectáculo perfectamente medido e realizado para ter 75 minutos de liberdade. Ninguén volverá facer zapping igual. ¿Ante a crise? Humor.
Publicado o 25 Mai 2010
Foto: Emedous
»
Emedous. Sexo, por que non?
Cine, teatro, fotografía, pintura, música… Toda arte (especialmente se se autoconsidera moderna) gusta de xogar cos corpos espidos e a provocación sexual para acirrar ás masas. Vivimos rodeados publicitariamente de físicos apetitosos e discursos sensualmente insinuantes. Parece, xa que logo, que o vello tabú quedou descolorido e que o sexo conseguiu acadar a presenza que merece nas nosas vidas, sen complexos nin estereotipos.
Nada máis lonxe da realidade. A nosa educación sexual é un caleidoscopio de retallos de experiencias propias, conversas cos amigos, artigos de revista e un bosquexo de educación sexual (as ETS apreman).
Eme2Emoción&Arte propón un espectáculo en clave de comedia sobre situacións recoñecibles por case todos ó redor da busca do gozo carnal, enfrontándose a e burlándose do pouco que sabemos sobre o tema na superada sociedade occidental.
Falar de Sexo? Por que non? é falar da aposta de Merce Castro, que dende o seu alter ego escénico, acomete o tema con naturalidade e humor, sen por iso obviar recunchos escuros e menos pracenteiros. Asuntos coma o aborto tamén teñen o seu momento, tratados dende o sempre interesante sorriso dunha muller, xa non unha rapaza.
O concienzudo traballo da actriz fai que un espectáculo que acaba de comenzar a súa andaina pareza xa rodado e mastigado, quizais nun formato que non aproveita o que podería a suxerente proposta escenográfica coa que conta.
Álvaro Lanvín dirixe unha comedia que busca e acada a complicidade do público, deixando á marxe tentativas de educacióln e (pre)xuízos, pero que esvara no seu punto final, ó que lle faltan, por anunciado, unhas areas de sorpresa e innovación.
Publicado o 15 Abr 2010
Foto: Centro Dramático Galego.
» Super8. Voadora.
A memoria é a que nos fai. Sen ela, non somos. Non temos esqueleto parar soster as nosas inseguridades, complexos e metas. Non temos historia.
Á falta dun guionista que articule as nosas lembranzas, os recordos, cando beliscan, fano sen cronoloxía nin concerto. Fanse desexar ou aparecen sen cita previa. Se cadra a memoria non está no cerebro, senón nos sentidos, que evocan e convocan ó seu antollo retallos da nosa existencia.
Na vida, coma na arte, temos que escoller entre sentir e entender, aseguran en Super8 case nun exercicio de autoxustificación. Eles apostan polo primeiro. Ou quizais pola posibilidade de entender a base de sentir. A través do caos, da familiar anarquía dos recordos, debuxan, quizáis definen, a historia dun personaxe vertebrador.
Marta Pazos proponnos un espectáculo comandado polo elenco masculino, desinhibido, enxeñoso, moitas veces pillabán, sempre mimado na súa concepción estética -co atrezzo coidado ata divertir e o acertadísimo deseño de iluminación de Baltasar Patiño como botóns de mostra-.
Unha comedia musical sobre a paixón da vida. Voadora define así o espectáculo co que chega ó ecuador da súa proposta teatral, iniciada no 2008. Este espectáculo constitúe a segunda entrega da triloxía Lugares Comúns, á que despois de falar do presente (PeriFeria) e o pasado (Super8) só lle queda plasmar o futuro (no ídem).
Publicado o 16 Mar 2010
Foto: Berrobambán.
»
Pressing Catch. Berrobambán.
Claxon. Empurrón. Ameaza implícita. Chantaxe emocional. Insulto pouco creativo. Presión familiar. Crítica destrutiva.
O ser humano aprendeu a facer da loita o seu hábitat e da agresividade a lente pola que ver a realidade que o rodea. E ninguén se para a estrañarse. ¿Vivimos inmunizados contra a violencia? ¿Está tan arraigada nas nosas vidas que xa nin nos decatamos da súa presenza?
Berrobambán decide na súa última aposta facer da violencia espectáculo. Saltan ó cuadrilátero teatral tres personaxes buscadamente prototípicos – a macarra, o avogado sen escrúpulos, a chorona- que loitarán entre eles na procura dun vencedor absoluto. Primero asalto verbal, segundo asalto físico, terceiro asalto a lidar polo público ó volver ás súas vidas. E o árbitro, sempre perdedor nun mundo de gañadores, que nos achega bosquexos de reflexión mentres vixía que se cumpran as normas.
Quico Cadaval dirixe un espectáculo que xira sobre a violencia cotiá a través do pressing catch, sen dúbida o máis teatral dos espectáculos deportivos. Humor e coreografía moldean unha obra con formato televisivo e estrutura de combate que aposta polas novas tecnologías e a multidisciplinariedade como selo de identidade. O escenario, potente, funcional e próximo dá acubillo a vídeos (inzados de cameos de actores galegos) e números musicais en directo que deixan entrever o excelente adestramento dos actores nas mans de Ramón Bermejo.
Berrobambán cambia o seu público habitual e arrisca cun espectáculo para adultos, o terceiro da súa historia. Ós que deixamos de ser rapaces fai (algún) tempo vai entón dedicada a súa moralexa. Hoxe estamos entre o público, pero mañá podemos estar no ring. Todos vivimos no pressing catch.