culturagalega
consello da cultura galega

Entre asaltos. A vida no ring

Publicado o 16 Mar 2010

Foto: Berrobambán.
» Pressing Catch. Berrobambán.

Claxon. Empurrón. Ameaza implícita. Chantaxe emocional. Insulto pouco creativo. Presión familiar. Crítica destrutiva.

O ser humano aprendeu a facer da loita o seu hábitat e da agresividade a lente pola que ver a realidade que o rodea. E ninguén se para a estrañarse. ¿Vivimos inmunizados contra a violencia? ¿Está tan arraigada nas nosas vidas que xa nin nos decatamos da súa presenza?

Berrobambán decide na súa última aposta facer da violencia espectáculo. Saltan ó cuadrilátero teatral tres personaxes buscadamente prototípicos – a macarra, o avogado sen escrúpulos, a chorona- que loitarán entre eles na procura dun vencedor absoluto. Primero asalto verbal, segundo asalto físico, terceiro asalto a lidar polo público ó volver ás súas vidas. E o árbitro, sempre perdedor nun mundo de gañadores, que nos achega bosquexos de reflexión mentres vixía que se cumpran as normas.

Quico Cadaval dirixe un espectáculo que xira sobre a violencia cotiá a través do pressing catch, sen dúbida o máis teatral dos espectáculos deportivos. Humor e coreografía moldean unha obra con formato televisivo e estrutura de combate que aposta polas novas tecnologías e a multidisciplinariedade como selo de identidade. O escenario, potente, funcional e próximo dá acubillo a vídeos (inzados de cameos de actores galegos) e números musicais en directo que deixan entrever o excelente adestramento dos actores nas mans de Ramón Bermejo.

Berrobambán cambia o seu público habitual e arrisca cun espectáculo para adultos, o terceiro da súa historia. Ós que deixamos de ser rapaces fai (algún) tempo vai entón dedicada a súa moralexa. Hoxe estamos entre o público, pero mañá podemos estar no ring. Todos vivimos no pressing catch.