(Aínda) Tabú
Cine, teatro, fotografía, pintura, música… Toda arte (especialmente se se autoconsidera moderna) gusta de xogar cos corpos espidos e a provocación sexual para acirrar ás masas. Vivimos rodeados publicitariamente de físicos apetitosos e discursos sensualmente insinuantes. Parece, xa que logo, que o vello tabú quedou descolorido e que o sexo conseguiu acadar a presenza que merece nas nosas vidas, sen complexos nin estereotipos.
Nada máis lonxe da realidade. A nosa educación sexual é un caleidoscopio de retallos de experiencias propias, conversas cos amigos, artigos de revista e un bosquexo de educación sexual (as ETS apreman).
Eme2Emoción&Arte propón un espectáculo en clave de comedia sobre situacións recoñecibles por case todos ó redor da busca do gozo carnal, enfrontándose a e burlándose do pouco que sabemos sobre o tema na superada sociedade occidental.
Falar de Sexo? Por que non? é falar da aposta de Merce Castro, que dende o seu alter ego escénico, acomete o tema con naturalidade e humor, sen por iso obviar recunchos escuros e menos pracenteiros. Asuntos coma o aborto tamén teñen o seu momento, tratados dende o sempre interesante sorriso dunha muller, xa non unha rapaza.
O concienzudo traballo da actriz fai que un espectáculo que acaba de comenzar a súa andaina pareza xa rodado e mastigado, quizais nun formato que non aproveita o que podería a suxerente proposta escenográfica coa que conta.
Álvaro Lanvín dirixe unha comedia que busca e acada a complicidade do público, deixando á marxe tentativas de educacióln e (pre)xuízos, pero que esvara no seu punto final, ó que lle faltan, por anunciado, unhas areas de sorpresa e innovación.


RSS
Sabe ben o que é estar dun lado e doutro das táboas. Bea Bravo é actriz e directora pero, sobre todo, unha apaixoada das artes escénicas. Universos que Benvidos a Elsinor achegaralle aos espectadores para que saiban, sobre todo, que o teatro sempre é unha opción. Este é o seu