Graciñas. Xa o chamaremos
Algo debe haber no aire dos teatros que imprime un pulo a compañías, autores e directores para contarnos como é a súa vida cando o patio de butacas aínda está deserto. O teatro dentro do teatro, o seu embigo de ouro. É sen dúbida un lugar común que segue(rá) a ser revisado, xunto con vellas glorias, apaixoados aspirantes, duras horas de ensaio e noites de estrea.
Lagarta lagarta prefire esquecer o lado máis representativo da profesión para poñer o seu punto de partida na crueldade inherente – non por iso menos consciente- que se agocha detrás das probas de selección. Todos entendemos fai tempo que é un proceso natural e necesario, o que non o fai menos doloroso. Na vida e nás táboas, o importante é convencer de que podemos cumprir co papel que nos foi asignado. A proposta de Rosa Álvarez asume que vivimos nun permanente casting. E di máis, o que non interpretase nunca un papel para superar calquera destas probas, que tire a primeira pedra.
Cinco homes e mulleres loitan por (re)conducir as súas existencias. Cada un ten as súas ferramentas, o seu modus operandi. No roupeiro, un personaxe listo para convencer ós demais. Que irónico, entón, que sexan precisamente os que se adican á interpretación – é dicir, os que queren cobrar polas súas mentiras-, os que menos necesitan crear unha ficción para superar o día a día, os que máis se recoñecen nas súas imperfeccións e incoherencias, na súa tolemia. Quizais todos temos un punto de loucura: os que a sacamos para traballar e os que non, os que deben agochala. Pero aí está e necesitámola para estar cordos. Gran paradoxa.
Despois de explorar a escuridade cos Hoffman, Lagarta lagarta decide volver á comedia máis clásica con Casting: un espectáculo dos que entretecen humor, enredo, tenrura e unha certa catarse. Rosa Álvarez imprime ritmo para xogar despois a tomarse o tempo de pausar a acción dramática e dar cabida, vía novas tecnoloxías, a pequenos retallos de outro tipo de humor, moito menos politicamente correcto.


RSS
Sabe ben o que é estar dun lado e doutro das táboas. Bea Bravo é actriz e directora pero, sobre todo, unha apaixoada das artes escénicas. Universos que Benvidos a Elsinor achegaralle aos espectadores para que saiban, sobre todo, que o teatro sempre é unha opción. Este é o seu