A loita dos que teñen pouco que perder
É inútil que intentemos negar o obvio. A exposición indiscriminada ó cine americano na que nadamos a cotío acaba deixando a súa pegada en nós. Un profesor de historia gustaba de dicir que, desafortunadamente, sabemos máis da guerra de secesión estadounidense que da guerra civil que campaba polos nosos montes non fai tanto tempo. Posiblemente. O noso Olimpo occidental vaise edificando ó redor de crencias e mitos moldeados tamén por realidades importadas. E coma un Hércules moderno, cruza o charco o ideal do soño americano, o self-made man, o loitador acérrimo que saiu da lama grazas ó seu entusiasmo e tesón.
Citizen segunda parte mergúllase entón no lado escuro para falarnos de todos eses que continúan precisamente no lodo, braceando e trabando na vida para seguir aboiando. E canto máis difícil é cando o triunfador, para non se salpicar coa merda, ten que coller pulo, forzas e altitude a base de sosterse, facendo equilibrios, na túa cabeza.
Chévere achéganos un ácedo traballo de documentación en forma de teatro, sen deixarnos a posibilidade do distanciamento para adormentar as nosas conciencias. Os cinco intérpretes do espectáculo fálannos do aquí e (case) agora. Quizais a realidade, cando toca máis de preto, é máis verdade. As traballadoras do textil que nos fan partícipes da súa loita, inmersas na miraxe do esplendor do sector, poderían ser imaxinarias. Pero non o son. Deixan ó público o labor de poñerlles nome e apelidos. E cara. E a sobremesa de lidiar con soños esnaquizados.
Xesús Ron dirixe un espectáculo que fai sentir, e que, a pesar da súa dureza, non perde unha envexable capacidade de xogo: coas novas tecnoloxías, co tempo, co silencio, coa anticipación das escenas que serán logo desenvoltas, coa relación co respetable. E deixa para o deleite do público auténticas xoias coma a sonorización, a cargo do padre Miguel de Lira, do que pode decidirse durante unha misa.
A consumir con ou sen previa degustación de Citizen primeira parte.


RSS
Sabe ben o que é estar dun lado e doutro das táboas. Bea Bravo é actriz e directora pero, sobre todo, unha apaixoada das artes escénicas. Universos que Benvidos a Elsinor achegaralle aos espectadores para que saiban, sobre todo, que o teatro sempre é unha opción. Este é o seu