culturagalega
consello da cultura galega

Raposos, corvos e voitres

Publicado o 03 Feb 2012

» Talía TeatroVolpone.

De pecados anda o home servido. Pasan os séculos arrastrando dos milenios, pero as grandes tentacións, aquelas que marcan e condenan as almas, continúan sendo as mesmas. O mellor deste eterno non aprender e poder ver os feitos con miradas doutros tempos, compartindo experiencias e vellos coñecidos. E nestes momentos de crise, corrupción e primas de risco, de seguro que se hai algo que entendemos, é o que significa a avaricia.

O señor Volpone finxe estar ás portas da morte para descubrir e mofarse daqueles dos seus coñecidos, pretendidos amigos, que non queren máis del que o seu diñeiro. Con este arranque, Ben Jonson estreaba no 1605 una peza que intentaba amosar o que somos capaces de facer cando hai cartos polo medio. (De todo). Talía Teatro toma o relevo e volve xogar coa Commedia dell’Arte para ridiculizar aínda máis as baixas paixóns do ser humano. Con este afán caricaturizador, Roberto Salgueiro constrúe un espectáculo de vestiario clásico e escenografía simple pero efectista, que destaca pola solidez do seu reparto, abandeirado polo espléndido traballo de Diego Rey, Gustavo G. Dieste e Marta Ríos (María Casares á mellor actriz secundaria).

Volpone é unha antifábula. Xa non son os animais os que se conciben humanizados, senón as persoas as que se confunden coas bestas que todos levamos dentro. Volpone, Corvino, Voltore. Raposo, corvo, voitre.