Publicado o 13 Nov 2010
Perdoade pero non sei escribir o nome da cidade, e ainda que descifrabamos os carteis en cirílico ainda non estabamos a gusto nestas terras. !E eso que aqui sí teñen WC¡ A sala era espectacular pero a noite coincidía cun evento do que non podiamos despegarnos nin ainda querendo, a final da copa do mundo de futbol. Nada máis terminar o concerto puxémonos todos xuntos a ver o partido, todos apoiaban a España escepto un que apoiaba a Holanda. Cando Iniesta marcou tolearon de ledicia e déronnos unha segunda cea, un copón de 5 litros de excelente cervexa e unha cantidade insana de vodka, en poucas horas non había con quen falar e sin saber nin como, aparecemos nun hotel do centro cunha resaca terrible. Cando Krecho baixou a comprobar se a furgo andaba por ali atopouse cunha ceremonia dun funeral. Polo visto morrera unha vella ali preto. A estampa era tremenda, e todo se fai un tanto onírico entre os exceso do vodka e as miserias destes paises. Viena significaba o noso regreso á dulce Union Europea, pero ainda faltaban dous días, dous días nas “maravillosas” estradas ucrainas.
Publicado o 10 Nov 2010
Cando chegamos a Krasnodar xa nos estabamos a rusificar, o síndrome de Estocolmo empeza a facer efecto e hasta o terrible aspecto da derruída cidade non parece para tanto se despois che dan de comer. Comemos unha boa comida na casa do promotor e fixemos un bo concerto diante dunha numerosa audiencia. Tal vez porque xa pronto volveriamos a Ucraína estabamos máis animados. Preto do Caucaso pero preto da casa e senón, un groliño de vodka para levantar o ánimo.
Publicado o 30 Out 2010
O camiño cara a Stavropol levábanos a través de varias repúblicas e provincias rusas e a proximidade a Chechenia non era de bo agoiro. O que ata o de agora fora unha estampa simpática, unha morea de coches parados falando coa policía, íase converter nun pesadelo. Aínda que no consulado non nos dixeron nada, polo visto tiñamos que cubrir non sei que papel para cruzar por determinadas repúblicas, pero as peculiaridades burocráticas non son o problema, o problema é a policía. Paráronnos 5 veces nunha maña e as 5 veces sufrimos o mesmo ritual:
1. Stop. Coma nas películas, un vai tranquilamente pola estrada e atópase cuns policías con metralladoras e unha barreira con arame de pico
2. Os papeis. Sempre piden tódolos papeis pero non lles prestan moita atención
3. O problema. Sempre hai un problema aínda cando sexa algo tan absurdo como “Estes papeis non están en ruso”
4. O medo. Coma se foran actores os policías rusos saben parecer ameazantes cando teñen que selo, alzan a voz, poñen xesto severo e cando a vítima xa parece asustada:
5. O curruncho. Van co noso interprete cara a un currucho e dinlle algo así como: “Isto é moi grave pero se nos das 4 mil rublos…”
6. O sorriso ou a espera. Se pagas o señor policía sorrí e podes marchar, senón o ritual alóngase unha ou dúas horas ata que finalmente se renden e te deixan ir
Pode ser un control “fronteirizo” ou pode ser un control de velocidade no medio da inmensa estepa rusa (na que non hai absolutamente nada, excepto un radar), o ritual é sempre o mesmo.
Por fortuna non cedemos a esta extorsión e aínda que perdemos horas e chegamos tarde a tocar, non afrouxamos máis pasta da imprescindible.
Así é Rusia, ¡voltemos para a casa!

Publicado o 26 Out 2010
Pasamos ben eses dous días en Tolyatti, pero Rusia comezaba a facer fenda en nós. Coma as moribundas tropas napoleónicas deambulabamos polas inmensidades da estepa, agora dirixiámonos cara a Penza o lugar da próxima batalla. Pero as peculiaridades rusas facían que o duro da batalla se amosase no cotiá da vida en estrada. Repito, en Rusia non hai WC.
Isto poderá parecer algo banal pero cando un leva unha semana en Rusia tocando sen parar convértese en algo dramático. Os encargados das gasolineiras ou negocios da estrada sempre facían o mesmo xesto ao preguntarlle polo toilette, alongaban o brazo, sinalaban cara a fora e a uns cen metros (perímetro de seguridade anticheiro) víase un caseto que xa nin queriamos ver diante. A campaña rusa é dura aínda gañando cada batalla.
Publicado o 26 Out 2010
Mentres circulabamos, lentos, polas xa familiares estradas rusas viamos inocentes aos policías con moreas de coches parados. Ata o de agora non nos pararon, non había durar… Chegamos a Tolyatti co tempo xusto de descargar e tocar, non sei nin como pero tocamos e o público estaba contento e animado ata que un fulano lle tirou unha cadeira á cabeza a outro e montouse unha liorta de carallo. Comezaron a pelexar entre eles e o concerto terminou prematuramente, non nos importou demasiado, so podiamos pensar en comer e durmir un pouco e, por fortuna, esta vez si, comemos ben e durmimos confortablemente na enorme casa dos promotores locais.
Nesta cidade situase a maior fábrica dos automóbiles Lada e a situación da xente é un pouco mellor a pesares de que a cidade e realmente fea. Ao día seguinte levamos ao noso alcohólico tour manager ao hospital porque a intoxicación do veleno dos mosquitos parece que foi maior que a do propio vodka. Aproveitamos para falar, pouco, cos promotores e Krecho bañouse no río Volga, nunha especie de praia artificial a cal, un rapaz de alí nos dicía que, no inverno, se convertía nunha pista de patinaxe pois os pesados 30 o 35 grados que estabamos a experimentar convertíanse nuns terribles -40 nesta localidade, xa moi continental, da inmensa Rusia. Cando lle preguntamos cómo facían para vivir nun frío tan extremo o rapaz relatounos: “Nós os rusos somos moi traballadores, aínda cun frío así vamos a traballar igualmente, o ano pasado un tipo morreu cando voltaba á casa logo do traballo, cometeu o erro de beber vodka para tornar o frío e quedou teso no seu coche”

Publicado o 15 Out 2010
Chegou o momento de falar do noso “tour manager”, o ucraíno Andrey. O bo de Andrey cumpriu coas nosas esixencias económicas pero interpretou moi libremente as nosas esixencias de hospitalidade. En catro días en Rusia apenas durmimos un, a súa afición polo vodka facíalle esquecer ata de onde tiñamos que ir ao dia seguinte. E a comida reducíase a bocadillos. O ambiente comezou a caldearse e en Kazan tivemos que pornos serios.
A estampa foi de película, terminamos o concerto e o tipo que nos tiña que levar a durmir estaba tan bébedo que non sabía cómo se ia para alí. O “tour manager” estaba tan borracho que no daba falado e o resto da xente de alí non falaba inglés. Pero os galegos somos xente especial e non sabemos nin como pero atopamos a casa nunha cidade de 2 millóns de habitantes.
A aventura rusa xa é unha auténtica aventura e… aínda quedan 7 concertos!

Publicado o 15 Out 2010

Se algo impresiona en Rusia, son os seus monumentos. Cheboksaru non destaca por nada especial de feito o europeísmo de Moscova esvaece totalmente e atopámonos nunha cidade tipicamente comunista na que case nada cambiou desde a Perestroika.
Esta é unha cidade bastante deprimente exceptuando as excelentes vistas ao Volga e un grandioso monumento ao triunfo soviético na segunda guerra mundial. Ah, e sempre queda o vodka, claro.

Publicado o 02 Out 2010

Despois de sufrir o sobresaturadísimo tráfico moscovita, fixemos o noso particular minitour turístico, estivemos fronte ao mausoleo de Lenin, puidemos ver o espectacular cambio de garda fronte ao monumento aos caídos na II Guerra Mundial, etc; pero tamén vimos o tremendo contraste social entre os inmensamente ricos e a xente que vive ao límite.

En moitos aspectos Moscova é unha cidade europea noutros moitos existe un gran parecido coas cidades sudamericanas. O noso concerto foi tamén un xogo de contrastes, a sala era excelente e cun gran equipo, sen embargo houbo menos público que en St. Petersburgo. Xa para rematar a peculiaridade, nas enormes pantallas de televisión da cafetería da sala podiamos ver cómo os informativos dedicaban grande cantidade de tempo á noticia do día. Os EE.UU. descubriron a 10 espías rusos, hai cousas que non cambian nunca.

Publicado o 01 Out 2010
Claro, nós pensamos: “cando menos a estrada de St Petersburgo a Moscova estará ben”. Nada máis lonxe da realidade, a excelente autopista que bordea o antigo Leningrado da paso a escasos 20 quilómetros a unha horrenda nacional, equivalente á peor das nosas comarcais, mal sinalizada, a tope de camións(é a única vía para comunicar as dúas megalópoles) e cunha curiosa novidade que se ha volver dramática máis adiante: non hai WC na estrada. Amárrense ben aos asentos, isto é Rusia.

Publicado o 30 Set 2010

San Petersburgo (antiga Leningrado) resultou ser unha cidade preciosa, pouco ou nada lle ten que envexar a calquera das principais capitais europeas.
Comezamos a familiarizarnos co [alfabeto] cirílico, a sorprendernos dos moitos símbolos comunistas que se manteñen e tamén comezamos a percibir o peculiar horizonte mental dos rusos:
devoción polo vodka, dominio escaso do inglés e un peculiar illamento tanto ideolóxico coma cultural do resto de Europa. Polo demais, un bo concerto. 
