A continentalidade e os Lada
Mentres circulabamos, lentos, polas xa familiares estradas rusas viamos inocentes aos policías con moreas de coches parados. Ata o de agora non nos pararon, non había durar… Chegamos a Tolyatti co tempo xusto de descargar e tocar, non sei nin como pero tocamos e o público estaba contento e animado ata que un fulano lle tirou unha cadeira á cabeza a outro e montouse unha liorta de carallo. Comezaron a pelexar entre eles e o concerto terminou prematuramente, non nos importou demasiado, so podiamos pensar en comer e durmir un pouco e, por fortuna, esta vez si, comemos ben e durmimos confortablemente na enorme casa dos promotores locais.
Nesta cidade situase a maior fábrica dos automóbiles Lada e a situación da xente é un pouco mellor a pesares de que a cidade e realmente fea. Ao día seguinte levamos ao noso alcohólico tour manager ao hospital porque a intoxicación do veleno dos mosquitos parece que foi maior que a do propio vodka. Aproveitamos para falar, pouco, cos promotores e Krecho bañouse no río Volga, nunha especie de praia artificial a cal, un rapaz de alí nos dicía que, no inverno, se convertía nunha pista de patinaxe pois os pesados 30 o 35 grados que estabamos a experimentar convertíanse nuns terribles -40 nesta localidade, xa moi continental, da inmensa Rusia. Cando lle preguntamos cómo facían para vivir nun frío tan extremo o rapaz relatounos: “Nós os rusos somos moi traballadores, aínda cun frío así vamos a traballar igualmente, o ano pasado un tipo morreu cando voltaba á casa logo do traballo, cometeu o erro de beber vodka para tornar o frío e quedou teso no seu coche”



RSS
Participa no noso concurso e gaña unha entrada para un concerto moi especial de Kathaarsys, o día 9 de outubro na Sala Capitol de Santiago. 
