Publicado o 18 Mai 2012

O filme dos Vingadores está a se converter no novo fenómeno de masas do cinema, amosando que a industria está lonxe de estar en crise
Aínda non temos os dados correspondentes a estes últimos cinco días, pero o certo é que o filme Avengers da Marvel leva camiño de ser o filme con máis éxito no despacho de billetes da historia. Polo de agora, a súa recadación baixou un 50% dende a súa primeira fin de semana, pero aínda e con todo iso convérteo no filme con máis recadación na súa segunda fin de semana, batendo a Avatar por moito (Avatar fixo 75 millóns na súa segunda fin de semana e Avengers fixo 103, até un total de 373 millóns que leva polo de agora).
O máis impresionante de todo é que considerando que xa leva tres semanas de exhibición en todo o mundo, Avengers leva recadados máis de 1.000 millóns de dólares, batendo outra marca, neste caso o de The Dark Knight. A estas alturas xa é a 11ª película con máis recadación de todos os tempos.
Le máis deste artigo »
Publicado o 11 Mai 2012

Nas montañas da loucura
Cando o ano pasado confirmouse a nova de que Guillermo del Toro non ía poder facer a súa versión para o cinema do clásico de H.P. Lovecraft Nas Montañas da Loucura, foi un día triste para todos os afeccionados. Nombergantes, ficou no aire a impresión de que Del Toro non se rendía e de que tarde ou cedo os seus plans poderían facerse realidade, malia que os estudos non querían nin oír falar dunha versión para maiores de 18 anos e cun orzamento tan elevado (por riba dos 150 millóns de dólares).
Agora seica a derradeira das esperanzas apágase após dunhas liñas que o realizador mexicano ven de publicar no sitio Web oficial dos seus fans, Del Toro Films, nas que fai referencia a que as semellanzas entre os argumentos e mesmo ás escenas de Prometheus e de Nas Montañas da Loucura farán imposíbel facer unha longametraxe sobre o libro de Lovecraft, a lo menos durante un longo tempo.
Le máis deste artigo »
Publicado o 04 Mai 2012

O Neuromante (capa da edición brasileira do libro)
A Seven Arts Entertainment Inc. e mais a Prodigy Pictures unirán as súas forzas coas da di Bonaventura Pictures para producir a longamente agardada adaptación ao cinema da novela clásica de ciencia-ficción de 1984 Neuromancer, orixinal de William Gibson.
A novela é considerada coma a primeira obra mestra do cyberpunk e a historia vai sobre un hacker canso da súa profesión que é contratado por un misterioso empresario para que traballe nun caso definitivo. A coprodución americana, canadense e húngara contará cun orzamento de tan só 60 millóns de dólares, o que semella modesto para os nosos días e tendo en conta o salientábel do libro no que se basea o filme.
Le máis deste artigo »
Publicado o 27 Abr 2012

Unha escena do tráiler oficial de O Hobbit
A proba de pantalla realizada por Peter Jackson o martes perante unha audiencia da industria do cinema en Las Vegas resultou cando menos controvertida.
Segundo comentaron varias fontes procedentes de xente que puido ver os aproximadamente dez minutos de mostra da película, o problema non estivo no filme en si mesmo, senón na súa presentación, e concretamente no novo sistema de 48 cadros por segundo que Jackson utilizou na rodaxe.
Le máis deste artigo »
Publicado o 20 Abr 2012

Battle Angel Alita: Last Order, se cadra o mais clásico e mellor dos tomos desta saga
As boas novas para os fans do manga son que James Cameron aínda está desexando facer a adaptación de Battle Angel, a clásica saga de Yukito Kishiro, á pantalla grande. Pero as malas novas son que aínda haberá que agardar moito para iso, porque o realizador canadense ven de revelar nunha entrevista coa MTV que as secuelas de Avatar teñen preferencia e que o manterán ocupado durante os vindeiros anos.
Le máis deste artigo »
Publicado o 13 Abr 2012

Este foi o cartace anunciador da segunda parte de Curtacircuito
Polo que se conta, Johnny 5 non vai ser o único que teña unha nova fasquía no vindeiro remake do clásico dos anos 80 Curtocircuíto, porque o director desta nova versión, Tim Hill, ten algúns plans para reinventar o filme que conta a súa historia.
Hill dixo nunha recente entrevista en Los Angeles Times que o tema do filme é hoxe en día moi importante: «Vivimos nesta era dos robots, particularmente no que se refire á guerra. Temos drons que loitan por nós, fan todo ese traballo que homes e mulleres non queren facer. E iso é o que fai isto tan interesante — cousas coma este intre na historia cando Johnny se decata de que vai ser desmontado e contempla á morte, e se é correcto rematar coa vida doutro,… estes son temas graves para unha película familiar, pero coido que poden ter o seu lugar».
Le máis deste artigo »
Publicado o 06 Abr 2012

O realizador español Jaume Collet-Serra
O director de Unknown e Orphan, o catalán Jaume Collet-Serra, a quen a industria de Hollywood ten ultimamente coma o substituto de última hora ideal, está a negociar a posibilidade de se encargar da longamente agardada Here There Be Monsters, unha película que mestura o terror lovecraftián con personaxes da historia real dos Estados Unidos e que producirán a Legendary Pictures e mais a Warner Bros. Pictures.
O argumento do filme vai sobre o heroe naval da Guerra da Independencia Americana John Paul Jones, pero mesturado nunha misión que o levará coñecer a monstros de enormes tentáculos que viven no fondo do mar. Hai unhas semanas coñeceuse que Bradley Cooper recibira unha oferta para interpretar ao capitán Jones. Le máis deste artigo »
Publicado o 30 Mar 2012

Capa do libro Carrie de Stephen King
A rapaza protagonista de Kick-Ass, Chloë Moretz, e máis a estrela de True Grit, a xoven actriz Haley Bennett, son as dúas máximas candidatas para se facer co papel protagonista do remake de Carrie.
Kimberly Peirce dirixirá esta adaptación do clásico do terror de Stephen King, que segundo contan, será moito máis fiel ao libro orixinal có filme de Brian DePalma dos anos 70.
De todos os xeitos, as dúas devanditas actrices son só as dúas primeiras dunha lista de impresionantes candidatas, entre as que se atopan nomes coma os de Dakota Fanning, Emily Browning, Bella Heathcote e Lily Collins, que xa pasaron por probas de cásting. A única que polo de agora rexeitou unha oferta foi Shailene Woodley (The Descendants), ou a lo menos iso é o que comentou o seu representante.
Mentres tanto, seica Peirce tentou convencer a Jodie Foster e está interesada en Julianne Moore para facer o papel da malévola nai de Carrie.
Le máis deste artigo »
Publicado o 23 Mar 2012

O logo do Partido, o INGSOC
A Imagine Entertainment e máis a LBI Entertainment unirán as súas forzas para desenvolver conxuntamente unha nova adaptación ao cinema de 1984, o clásico da literatura de ciencia-ficción de George Orwell.
Ambientada nun mundo onde a guerra é perpetua, cunha constante vixilancia do goberno sobre as persoas e un incesante control do pensamento público, a historia céntrase en Winston Smith, un funcionario que traballa no Ministerio da Verdade e que é responsábel da propaganda e do revisionismo histórico.
Le máis deste artigo »
Publicado o 16 Mar 2012
R.I.P. Moebius

Jean Giraud, "Moebius", adéus a ún dos meirandes artistas do cómic de todos os tempos
O artista Jean Giraud, máis coñecido polo seu alcume de Moebius, mestre do cómic cuxa influenza foi moito máis aló das páxinas dos tebeos, finou o pasado día 10 na súa casa de París por mor dun cancro aos 73 anos de idade.
Os seus primeiros traballos estiveron relacionados co Western. Así, aos 18, Giraud debuxou o seu propio cómic, Frank et Jeremie, para a revista Far West, e dende 1956 a 1958 editou cómics na revista Coeurs Valiants. Daquela o seu estilo estaba moi influenciado polo do seu mentor, Joseph «Jijé» Gillain, quen mesmo chegou a debuxar páxinas coa sinatura de Giraud en 1962. A personaxe do Tenente Blueberry, cuxa face estaba baseada na do actor francés Jean-Paul Belmondo, foi creado en 1963 e converteuse na personaxe máis famosa de Giraud en Francia, onde a ciencia-ficción é un xénero maiormente infantil, até que comezou a colaborar con Alejandro Jodorowsky moitos anos despois.
O alcume de Moebius, que Giraud comezou a usar para os seus traballos fantásticos e de ciencia-ficción a partir de 1963, está tomado do matemático e astrónomo alemán Augustus Ferdinand Möbius e aparece por primeira vez na revista satírica Hara-Kiri, pero Giraud non volveu utilizalo até case dez anos despois, cando en 1975 o revive para fundar xunto a Jean-Pierre Dionnet, Philippe Druillet e Bernard Farkas o grupo de artistas de cómic «Les Humanoides Associes». Xuntos crearon a revista Métal Hurlant, na que Moebius acadou sona internacional.
Le máis deste artigo »