culturagalega
consello da cultura galega

Do venres 27 ao domingo 29 de marzo de 2009

Publicado o 27 Mar 2009

As historias de fantasía para adolescentes están a coller pulo entre os produtores de películas, despois do éxito de Crepúsculo outras moitas historias das mesmas características están a prepararse para o cine. Tamén hai novidades sobre adaptacións de banda deseñada ao cine e a preparación doutras historias orixinais da ciencia ficción e a fantasía ao audiovisual. Todo isto e máis na crónica semanal de Fran Morell

Após do desastre de Punisher: War Zone e mais o relativo fracaso de Watchmen nos despachos de billetes, non é sorprendente que a Warner Brothers xa non mire con tan bo ollo aos filmes de superheroes e se plantexe o de facer filmes clasificados para maiores de 18 anos que non contan co beneplácito do público.

O estudo, que posúe os dereitos de todos os personaxes da DC Comics, está a desenvolver arestora versións para Lanterna Verde, para Flash e se cadra para Wonder Woman, xunto aos seus xa coñecidos proxectos de Batman e Superman, xa convertidos en franquías. Todos eles teñen previsto seren filmes para maiores de 13 anos.

Malia o anterior, as adaptacións de superheroes clasificadas para maiores tampouco se deixarán de facer, e así por exemplo Jonah Hex si que ten previsto ser para 18 anos xa que non se considera (aínda que sexa un personaxe da DC) un filme de superheroes ou de grande orzamento. Pero ao mesmo tempo, medrará a presión sobre McG para que entregue unha versión para maiores de 13 anos do seu filme Terminator Salvation.

As fantasías adolescentes están de moda
A ImageMovers e mais a Disney están en negociacións para se faceren cos dereitos sobre a triloxía de The Stoneheart, unha serie de libros para adolescentes escrita por Charlie Fletcher. Robert Zemeckis, da ImageMovers, Jack Rapke e Steve Starkey serán os produtores.

Os libros van sobre un neno londiniense de 12 anos que penetra nun mundo alternativo onde as estatuas, imbuídas do espírito dos seus creadores, cobran vida. A presenza do rapaz rompe o equilibrio entre o ben e o mal, e mentres ten que tratar coas esfinxes e as gárgolas, atopará a unha rapaza orfa e a estatua dun artilleiro da Primeira Guerra Mundial que lle axudarán a poñer as cousas no seu sitio. O terceiro libro da saga, Silvertongue, aparecerá nas librarías o mes que ven.

Por outra banda, pero moi relacionado co anterior, a Paramount Pictures ven de adquirir os dereitos sobre a novela fantástica para adolescentes de Sarah Mylnowski Gimme a Call e ten previsto adaptala ao cinema baixo a dirección do realizador de Race to Witch Mountain, Andy Fickman.

Fickman será o produtor a través da súa compañía, a Oops Doughnuts, e mais a súa parceira Betsy Sullenger. No libro, unha rapaza de secundaria que non está satisfeita coa súa vida tira por erro o seu teléfono móbil a unha fonte. Cando o recupera, descubre que só pode facer chamadas a ela mesma cando tiña 14 anos, cando aínda todo era posíbel. O libro aparecerá publicado pola editorial Delacorte en maio de 2010.

Fickman dixo que coñecía a esta escritora porque ten unha filla de 11 anos e puido botar unha ollada ao libro antes de se publicar cando foi mercado pola Endeavor e mais a Dail Agency.

Bryan Singer e as pantasmas do erial
New Regency ven de adquirir Freedom Formula: Ghost of the Wasteland, unha adaptación do cómic homónimo de ciencia-ficción da Radical Publishing e ten previsto adapta-lo ao cinema da man de Bryan Singer. O filme será distribuído pola Fox, que xa tivo ocasión de traballar con Singer en X2, o segundo filme da saga da Patrulla X. Michael Finch será o encargado de escribir o guión.

O cómic está ambientado no futuro, cando os pilotos de avións de combate foron substituidos por pilotos que loitan en exo-traxes de carreiras. O protagonista é un corredor xenéticamente modificado que descubre que os seus xenes teñen o poder de mudar á sociedade.

Singer e Levine uníronse para o proxecto cando a serie de catro números debutou o verán pasado na Comic-Con. O cómic foi creado por Edmund Shern, o dono da Storm Lion, a imprenta da Radical que o publicou. Shern participará neste filme como produtor asociado.

A DreamWorks nun filme de Non-Parar
A DreamWorks ven de se facer cun guión de ciencia-ficción orixinal de Michael Gilvary titulado Nonstop e xa pensou en Len Wiseman (Underworld) para que sexa o produtor e en Patrick Tatopoulos (Underworld: Rise of the Lycans) para a cadeira de director.

Baseado nunha idea orixinal, este thriller de ciencia-ficción vai sobre as andainas duns pasaxeiros dun avión após de que este sexa misteriosamente abducido por unha nave alieníxena.

Nonstop será a terceira colaboración entre Wiseman e mais a DreamWorks. Wiseman ten previsto dirixir un par de filmes de alto orzamento para a nova filial da DreamWorks, Motorcade e Atlantis Rising.

Matusalem vivirá abondo para verse no cinema
A Warner Brothers ven de se facer cos dereitos de Methuselah, unha aventura de acción cuxo título provén de Matusalem, o mítico personaxe da Biblia que viviu mais de 1.000 anos, e todo elo baixo a dirección de James Watkins, que tamén se encargará do guión. David Heyman (un habitual dos filmes de Harry Potter) será o produtor a través da súa empresa filial da Warner, a Heyday.

O protagonista do filme será unha persoa que envellece a un ritmo moi lento e aproveita todo o seu tempo para desenvolver unha chea de incríbeis habilidades de supervivencia. Watkins fixo o seu debut como director no cinema fantástico con Eden Lake, filme do que tamén foi o guionista.

A Universal e Tom Hanks xogarán con bonecos
A Universal desenvolverá Major Matt Mason, un filme de acción e ciencia-ficción baseado no boneco de xoguete da Mattel. O filme estará protagonizado por Tom Hanks, e Graham Yost escribirá o guión. Os parceiros da Playtone, Hanks e Gary Goetzman serán os produtores.

O xoguete foi creado pola compañía Mattel e é un boneco moi popular entre os nenos americanos. Esta liña de xoguetes comezou a se fabricar en 1966 e a súa historia é a dunha equipa de astronautas dirixidos por Mason que traballan na Lúa e viven nunha estación espacial. Os bonecos acadaron o seu maior éxito cando o primeiro ser humano pisou a Lúa en 1969, pero Mattel retirou esta liña de xoguetes nos anos 70.

Cando os executivos da Mattel Tim Kilpin e Barry Waldo chegaron á Playtone para unha xuntanza, trouxeron todo un arsenal de figuriñas de Matt Mason e Hanks chegou cunha de seu.

As aventuras de H.P. Lovecraft ao cinema
A Universal ven de mercar os dereitos cinematográficos sobre The Strange Adventures of H.P. Lovecraft, unha novela gráfica da Image Comics creada por Mac Carter e Jeff Blitz. O proxecto contémplase agora coma unha posíbel nova película que dirixiría nada menos ca Ron Howard. O libro aparecerá nos andeis das librarías en maio.

A novela gráfica toma emprestados elementos da vida de Lovecraft, coma a loita da súa familia contra as enfermidades mentais ou os seus medos cos seus bloqueos coma escritor, e transforma os mais escuros pesadelos do mozo escritor en realidade cando le un libro que lle lanza un meigallo e espalla os males que el mesmo esconxura polo mundo.

Lovecraft, que morreu en 1937, está considerado coma un dos escritores de terror máis influentes da historia da Literatura e o mais salientábel do século XX. Carter, un director de anuncios, escribirá o guión e será o produtor executivo xunto á Blitz. Brian Grazer, da Imagine Entertainment, e mais Howard serán os produtores.

Estrelas nun filme de deuses
A Fox 2000 ven de contratar a un reparto de deuses gregos para a súa vindeira aventura fantástica, que levará por título Percy Jackson, e que contará con Uma Thurman, Pierce Brosnan e Sean Bean, quen interpretarán a Medusa, Quirón e Zeus, respectivamente. Kevin McKidd (Poseidon) e Melina Kanakerides (Athena) tamén formarán parte das estrelas que poderemos ver neste filme dirixido por Chris Columbus. Os estudos aínda están á procura alguén que interprete os papeis de Ares, Hades e Perséfona. Logan Lerman e Brandon Jackson tamén estarán no reparto pero non se sabe que papeis farán.

A historia céntrase no fillo medio humano de 12 anos do deus Poseidón (Lerman), quen se embarca nunha procura na América contemporánea para salvar á súa nai, devolver a Zeus o seu lóstrego roubado e evitar unha guerra entre os deuses. A rodaxe comezará o mes que ven en Vancouver, Canadá, e os estudos teñen prevista a estrea para febreiro de 2010.

Fran Morell [correo]