Do venres 3 ao domingo 5 de xullo de 2009
Os espartanos preparan unha nova carga. Mentres noutras publicacións de fin de semana só che falarán das estreas destes días, na crónica de Fran Morell poderás saber das estreas do ano que ven e seguintes. Adiántate e coñece o que se está a preparar no cine de terror, fantasía e ciencia ficción, na banda deseñada e na literatura de xénero fantástico.
Na semana que tivemos que despedir a Michael Jackson e mais a Farrah Fawcett tamén houbo oportunidade de saudar novidades saborosas e dignas de salientar neste modesto resumo da actualidade fantástica.
Por exemplo, a secuela de 300 que xa está a se preparar. Zack Snyder, o director do filme orixinal, ven de confirmar que Frank Miller, o creador da novela gráfica na que se baseou a película, está a traballar nunha historia que chegará aos andeis das librarías antes de dar o chimpo á pantalla grande. “Sei que Frank está a escribi-la agora mesmo”, dixo Snyder nunha entrevista co gallo do lanzamento en Blu-Ray de Watchmen e da súa re-estrea nos cinemas dos Estados Unidos con novas escenas. O director asegurou que Miller está “moi metido” neste proxecto e que mesmo “vai volver a Grecia a facer outro recoñecemento” para fixar na súa mente as localizacións. “Vai ser mais grande en canto á ambientación e o terreo. Imos ver Atenas, o Exeo e outros lugares”, revelou.
En todo caso, Snyder asegurou que a secuela manterá a esencia e a estética da primeira película e que na rodaxe utilizarán a mesma tecnoloxía. “Coido que usaremos a mesma tecnoloxía… non quero que pareza a Guerra das Galaxias”, apuntou o director que recoñece que a tecnoloxía usada en 300 “non era revolucionaria”, senón que é basicamente “a que utilizan os homes do tempo”.
Guy Pearce tamén ten medo á escuridade
Guy Pearce está en negociacións finais para se unir ao reparto do thriller sobrenatural Don´t Be Afraid of the Dark que producirán os estudos Miramax Films.
Baseado nun telefilme de 1973, a nova longametraxe narrará a historia dunha rapaza que se muda con seu pai e mais a moza del e descubre que na nova casa habitan criaturas demoníacas.
Bailee Madison (A ponte a Terabithia) será a rapaza protagonista. Pearce interpretará ao pai, un escritor canso de escoitar os contos de monstros da súa filla, na que non acreditará aínda mesmo que a súa moza (que será Katie Holmes) a apoie. Troy Nixey dirixirá este proxecto, que conta cun guión de Guillermo del Toro e Matthew Robbins. A rodaxe dará comezo o mes que ven en Melbourne, Australia.
Matt Reeves no remake dos vampiros suecos
O director Matt Reeves (Cloverfield) ven de revelar nunha recente entrevista algúns novos detalles sobre o que será o remake americano do recente éxito sueco de terror e vampiros Låt den rätte komma in.
Reeves desvelou que ven de completar un segundo guión para o proxecto, que trasladará a acción até o Colorado dos anos 80. As localizacións serán axiña visitadas para que coincidan co ambiente orixinal de neve e xeo.
Tal e coma se anunciara anteriormente, a versión americana do filme levará por título Let Me In (Déixame entrar) que é a tradución en inglés mais aproximada ao título da novela orixinal de John Ajvide Lindqvist. O filme orixinal de 2008 céntrase en Oscar, un rapaz asoballado polos seus compañeiros de clase que pode atopar o amor e mais a vinganza grazas a Eli, unha fermosa pero algo peculiar rapaza que resulta ser unha vampiro.
Reeves tamén dixo que aínda non hai plans para aumentar a idade dos protagonistas e asemade evitar que este filme se asemelle á saga de Twilight, chea de adolescentes e historias de amor entre eles.
Stan Lee terá un papeliño en Iron Man 2
A lenda do cómic e creador de case todos os personaxes da Marvel Comics Stan Lee contará novamente cun papel na vindeira secuela de Iron Man que se está a producir, e esta vez interpretará ao popular entrevistador Larry King.
Na súa interpretación de King, Lee terá que entrevistar a Tony Stark no seu programa “Larry King Live” e lle preguntará polas súas vindeiras innovacións na armadura de Iron Man, e especificamente pola nova cor negra que seica terá o uniforme de combate do superheroe.
Con este papel, Lee poderá por fin contar cun personaxe algo mais importante do que lle deron nos anteriores filmes de personaxes seus, onde tan só puido contar con breves cameos. Na anterior película de Iron Man, Lee interpretaba ao dono e creador da revista Playboy, Hugh Hefner.
Volven os lobishomes a Londres
Todo semella indicar que está en preparación un remake da clásica comedia de terror de 1981 Un lobishome americano en Londres, após de que o guionista e director do filme orixinal, John Landis, vendera os dereitos para facer un remake da propiedade á Dimension Films.
O filme orixinal ía sobre uns turistas americanos en Inglaterra, que eran atacados por un lobishome, malia que ningún deles quere admitir que eses seres existan realmente.
En 1997 estreouse unha secuela, que non tivo moito éxito, titulada Un lobishome americano en París.
Michael Bay e o Número Catro
O director de Transformers, Michael Bay, producirá e posibelmente dirixirá I Am Number Four (Eu son o Número 4) para os estudos Dreamworks Pictures.
Baseada nunha saga de seis libros de ciencia-ficción, a historia vai sobre un grupo de nove áliens que escapan á Terra xusto antes de que o seu planeta fose destruído por unha raza inimiga.
Mentres os rapaces de idade escolar vanse adaptando ao seu novo entorno na Terra, o personaxe principal descubre que está a ser perseguido polos inimigos que destruíron o seu planeta natal.
James Frey (A Million Little Pieces) será un dos guionistas, mentres que se agarda que Steven Spielberg estea implicado neste filme dalgún xeito semellante ao traballo que xa realizou en Transformers.
Darabont e Fahrenheit 451
No decurso da 35 gala dos premios Saturno entregados a semana pasada, o director Frank Darabont (A Brétema, Cadea Perpetua) revelou aos reporteiros que a súa adaptación ao cinema do clásico Fahrenheit 451 é nestes intres unha prioridade para el. “Foi unha loita dura. En Hollywood non confían no bo material… realmente, tiven unha audición cun xefe dos estudos e dixo:Uau, ese é o mellor e mais intelixente guión que lin dende que son xefe destes estudos, pero non lle podo dar a miña aprobación. Eu preguntei por que e el dixo: Como podería levar daquela aos meus fillos de 13 anos ao cinema?”.
E que pasa coa adaptación da novela de Stephen King A longa marcha? “Vaise facer axiña, coido. Pero fareina, estou seguro, e sairá mais barata do que foi A Brétema porque non quero sacar as cousas fóra de orzamento. É un xeito moi sinxelo, raro, case artístico de se achegar a unha historia e facer cinema”, dixo Darabont.
Volve a Nación Álien
E rematamos con outra franquía de ciencia-ficción que está por se gañar un relanzamento nos vindeiros meses: a canle SCI-FI Channel está a desenvolver unha nova versión de Alien Nation, que se orixinou en 1988 como filme do produtor e guionista Rockne O´Bannon e foi logo reconvertido en serie de televisión e mesmo en varios telefilmes.
Tim Minear (o guionista e produtor coñecido polo seu traballo en series coma Angel, Firefly e Wonderfalls) será quen se encargue do guión neste novo proxecto, que coma lembraredes, ía sobre a chegada dun grupo de áliens refuxiados e de como se integraban entre a poboación humana, todo elo enfocado no protagonista, un detective de policía veterano que recibe como compañeiro a un “recén chegado”.
Alien Nation foi creado coma unha metáfora da inmigración e dos efectos que afrontaría nos Estados unidos dos anos 80. A nova versión continuará coas mesmas cuestións, pero enfocándoo nos nosos tempos, a primeira metade do século XXI. De feito, a nova serie está deseñada para se ambientar nos anos 20 do século XXI, uns 20 anos despois de que a primeira nave de áliens se estrelara contra o noso planeta, e terá lugar na costa noroeste dos Estados Unidos ou en Vancouver (Canadá). Os áliens xa se multiplicaron até acadar unha poboación de 3,5 millóns de persoas, creando guetos semellantes aos dos africanos en Francia.
Esta nova coincide cun filme de características semellantes, District 9, que será producido por Peter Jackson e que vai sobre a chegada dun grupo de refuxiados que son segregados da sociedade e internados en campamentos. Este outro filme estrearase o vindeiro 14 de agosto.
Fran Morell [correo]


RSS

