Do venres 10 ao domingo 12 de xullo de 2009
O paso do actor Brandon Routh polo traxe da “grande S” vai camiño de ser algo anecdótico e pronto comezarán as adiviñas sobre que o substituirá. O azul é asemade a cor dos Pitufos, que pronto aparecerán tamén no cinema nunha nova revisión. Estas e outras noticias do xénero da fantasía e a ciencia-ficción na crónica semanl de Fran Morell.
A nosa semana fantástica arrinca forte coa presenza do Home de Aceiro… ou cando menos, do actor que lle deu vida na última (polo de gora) película co musculoso superheroe do planeta Krypton. E todo porque Brandon Routh ven de confirmar que o seu contrato para dar vida ao Home de Aceiro xa non está vixente.
Brandon Routh empezou dar vida a Superman hai xa mais de tres anos, cando a Warner investiu case 270 millóns de dólares en Superman Returns. A idea era acadar unha superprodución dirixida por Bryan Singer e que sería a primeira dunha serie de filmes que farían rexurdir o prestixio do kriptonián no cinema. Malia iso, o grande investimento non deu os resultados que se agardaban e a Warner non se animou a continuar a franquía… até agora.
O que pasa é que o actor Brandon Routh non está xa dentro deses plans. Hai uns días, o actor recoñeceu nunha entrevista a un popular sitio Web brasileiro que o seu contrato expirara o pasado 28 de xuño. Ademais, engadiu que está totalmente certo de que a Warner traballa nunha nova película de Superman, pero que aínda non sabe ren do tema, o que lle fai pensar que non contan con el. De todos os xeitos, Routh dixo que “se me chaman outra vez, regresarei ao personaxe sen pensalo dúas veces“.
Routh queixouse da pouca confianza que os produtores tiveron na liña argumental que marcou Superman Returs. O actor considera que a saga podería obter mais éxito nas seguintes entregas, para o que puxo como exemplo a Batman Begins, que tampouco funcionou do todo ben no despacho de billetes pero que logo acadou un enorme éxito con O Cabaleiro Escuro, unha oportunidade que non lle deron ao Home de Aceiro.
Por outra banda, ven de se desvelar que este mércores un xulgado federal nos Estados Unidos sentenciou que os dereitos sobre Superman volverán a pertencer aos herdeiros dos seus creadores orixinais, Jerome Siegel e Joe Shuster, en 2013 e mentres tanto á Warner Brothers se lle está a rematar o tempo para acadar un guión e facer a secuela de Superman Returns. De feito, se comezasen agora mesmo, os estudos non poderían ter o filme rematado até 2012 no mellor dos casos.
Na decisión xudicial do mércores, o xuíz Stephen G. Larson sentenciou que os pagos que a Warner fixo ao representante da DC Comics non foron xustos xa que están por baixo do valor do mercado e que os herdeiros só poden reclamar a súa parte dos beneficios á DC Comics (que só gañou 13,6 millóns de dólares co filme de 2006) e non á Warner Bros.
Ademais, o xuíz estableceu a data do 1 de decembro para celebrar unha vista na que se determinará a cota de beneficios dos herdeiros, que o ano pasado gañaran o dereito sobre a metade do copyright polo material baseado en Superman. E en 2013 obterán o 100% dos dereitos de autor.
O xuíz, que dirixiu un xuízo que durou 10 días, salientou que o presidente da Warner Brothers Alan Horn testemuñara que aínda que teñen a esperanza de facer outro filme sobre Superman, polo de agora non teñen un guión, non hai nada en desenvolvemento e que como moi cedo o novo filme estaría listo en 2012.
Lawrence e Smith cruzarán o charco xuntos
Francis Lawrence poderá reunirse co seu actor principal en Eu Son Lenda, Will Smith, nunha nova superprodución do xénero fantástico que levará por título The City That Sailed (A cidade que navegou) e que producirán os estudos Twentieth Century Fox.
O director está a desenvolver o proxecto arestora baixo a produción do selo de Smith, a Overbrook, e todo semella indicar que el será quen se encargue de se poñer atrás das cámaras.
Cun guión de Andrew Niccol, a historia vai sobre un meigo da rúa en New York cuxa filla, por mor de circunstancias familiares, vive en Inglaterra. Mentres explora un faro un día, a nena atopa unha habitación chea de velas máxicas e pide un desexo, o de se reunir con seu pai. O efecto é que a illa de Manhattan comezará a navegar polo océano Atlántico para cruzalo cara a Inglaterra. Os estudos mercaran o guión en 2006.
Aínda non hai contratos asinados nin por parte de Lawrence nin de Smith. Lawrence está a desenvolver ao mesmo tempo Water for Elephants na Fox 2000 e The World Without Us, tamén na Fox. Non se sabe que proxecto irá o primeiro. Smith tamén ten que escoller o seu seguinte proxecto para cando remate de rodar o drama Seven Pounds.
Os Pitufos xa teñen director
O director de Scooby Doo e Beverly Hills Chihuahua, Raja Gosnell, terá unha nova oportunidade de nos amosar que posúe algún talento agocho grazas ao filme que combinará acción real e debuxos animados xerados por computador baseado no clásico do cómic Os Pitufos.
Os pequenos seres azuis foron creados por Pierre Culliford (Peyo) nunha serie de cómic belga a finais dos anos 50, pero obtiveron verdadeira fama internacional grazas á serie de debuxos animados producida pola Hanna-Barbera e que se emitiu dende 1981 a 1990.
Os detalles sobre o argumento desta adaptación ao cinema aínda non foron desvelados, e todo o que se sabe é que o personaxe humano principal, que é o malvado Gargamel, será interpretado por un actor de renome. O guionista de Shrek 2, J. David Stern, e mais David N. Weiss xunto con Audrey Wells, foron os autores do libreto para este filme.
Agárdase que poidamos gozar dunha estrea simultánea do filme en 2D e mais en 3D para o 17 de decembro de 2010.
A Porta abrirase outra vez
A H20 Motion Pictures realizará un remake do clásico do terror de 1987 The Gate (A Porta foi o título que se lle deu en España) en 3D e coma unha longametraxe de baixo orzamento, após de que se aseguraran o finaciamento para comezar.
A fita orixinal, un filme oitenteiro que non desmerece co paso do tempo, e que estaba protagonizada por Stephen Dorff, ía sobre un grupo de tres rapaces que se decatan que debaixo dunha árbore recén caída hai un grande burato que leva ao inferno, e accidentalmente liberan do mesmo a unha horda de demos que se espallan polo seu barrio residencial das aforas.
O actor de Bill and Ted reconvertido a director Alex Winter será quen se encargue deste proxecto, que se rodará nos estudos MMC Studios en Köln (Alemaña) a finais deste verán. A MMC e mais a H20 xa colaboraran previamente no filme de Stephen Frears Cheri, actualmente nos cinemas. Pixomondo (2012, Ninja Assassin) será a empresa encargada dos efectos especiais, que na película orixinal tiñan unha grande relevancia.
A precuela de Blade será outra triloxía
Segundo todos os indicios, estase a preparar unha triloxía que será a precuela da saga de Blade.
Stephen Dorff e mais o director Stephen Norrington traballaron xuntos na primeira longametraxe de Blade en 1998, e o ano pasado Dorff xa anunciara que estaban a planear unha triloxía precuela para a popular saga de vampiros protagonizada por Wesley Snipes. “A história de Deacon. É unha nova triloxía que creou o director. Vai ser guai“, dixo Dorff, referíndose ao seu personaxe Deacon Frost que foi o principal vilán na primeira das tres películas.
E esta semana, Norrington confirmou as novas pero engadindo que o filme “non é exactamente o que a prensa dixo, senón algo moi semellante“. O concepto orixinal “evolucionou dende entón a unha historia moi interesante… o vencello con Blade é aínda moi grande na ecuación“.
Aínda que X-Men e Spiderman convertérono nalgo case habitual, o primeiro filme de Blade foi a primeira adaptación dende o mundo do cómic ao cinema na nova era e acadou uns ingresos de 131 millóns de dólares en todo o mundo, ademais de obter unhas boas críticas. Após dunha secuela que tamén foi ben recibida, a serie rematou coa terceira entrega, Blade: Trinity, que non tivo unha boa acollida, e unha serie de televisión que foi emitida en canles de pago pero tamén con pouco éxito.
Norrington mentres tanto fixo A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios en 2003, unha experiencia que lle asegurou un posto de prestixio entre os realizadores de Hollywood. E uns anos despois, regresou a se poñer atrás das cámaras coa resurrección da franquía de O Corvo que ten actualmente entre mans. E após diso todo semella indicar que a nova triloxía de Blade será o seu seguinte traballo.
A Universal merca os “Asteroids”
E se esta semana pasou polos clásicos (Superman) e polos 80 (The Gate) non imos deixar as lembranzas na hora do remate, xa que nun movemento que semella certamente arriscado, a Universal Pictures ven de gañar nunha poxa os dereitos para o cinema sobre o clásico videoxogo das máquinas recreativas de 1979 Asteroids.
O videoxogo carece por completo de argumento xa que é un arcade en dous dimensións que pasou por toda caste de adaptacións nos computadores. Nel o xogador tiña que manexar os mandos dunha nave espacial de forma triangular que está no centro da pantalla e mentres xira sobre si mesma ten que evitar ser destruída polos asteroides que a ameazan ao seu redor. Matthew Lopez está a escribir un guión, e dado que non estará suxeito nin a argumentos nin a personaxes, disporá de total liberdade creativa para facer o que considere.
Lorenzo di Bonaventura será o produtor. Polo de agora non hai ningún outro nome vencellado a este proxecto.
Fran Morell [correo]


RSS

