culturagalega
consello da cultura galega

Do venres 17 ao domingo 19 de xullo de 2009

Publicado o 17 Xull 2009

Lanterna Verde, Thor… e Hong Kong Phooey! O cine tira dos máis diversos e insospeitados superheroes para encher as carteleiras. O can karateka dos debuxos animado da factoría Hanna Barbera rexurdirá para abastecer o mercado de cine infantil. E ademais moitas novidades das vindeiras producións sobre os heroes da Marvel e outras noticias do xénero da fantasía e a ciencia-ficción.
Hollywood continúa a quitar ideas das xeracións pasadas no seu esforzo por manter viva a maquinaria de produción. Esta vez é Hong Kong Phooey, o superaxente canino número un. O personaxe contaba na versión orixinal coa dobraxe de Scatman Crothers, quen despois lle poría a voz a Jazz en Transformers.

Dado que o personaxe non é dos mais salientábeis da factoría da Hanna Barbera, non hai moitas esperanzas postas en que esta sexa unha superprodución, e menos cando á súa fronte xa están Alex Zamm e David Goodman, produtores de anteriores filmes coma Inspector Gadget 2 ou Dr. Doolittle: Million Dollar Mutts. Pola súa banda, Goodman é guionista e produtor da serie Family Guy (Pai de Família).

O que xa é mais ca dubidoso é que alguén consiga extraer un argumento mais ou menos serio ou para adultos dunha serie de debuxos animados claramente dirixida ao público infantil. O personaxe Hong Kong Phooey era o encargado da limpeza nunha comisaría de policía, que baixo a súa capa de inepto agochaba a un superheroe especialista en artes marciais. Pero na práctica, era un incompetente que sempre saía dos problemas grazas ao seu axudante, un gato policía que era quen realmente resolvía os crimes.

Natalie Portman tamén estará en Thor

Natalie Portman non é unha descoñecida para os fans do fantástico. Os seus papeis como raíña Amidala na Guerra das Galáxias ou Evey Hammond en V for Vendetta seica de algo lle valeron para que agora sexa a elixida na adaptación que Kenneth Branagh está a realizar do personaxe da Marvel Thor e participar xunto a Chris Hemsworth no reparto.

Portman interpretará a Jane Foster, quen nos primeiros cómics da serie era unha enfermeira que se converteu no primeiro amor de Thor. Segundo os estudos, o seu personaxe será modificado para adaptalo aos novos tempos e a esta longametraxe. Chris Hemsworth (Star Trek) xa asinou para ser Thor, o deus protagonista. Tom Hiddleston será Loki, o deus do mal e principal inimigo de Thor.

A fotografía principal para o filme dará comezo a primeiros de 2010. A data de estrea está fixada nos Estados Unidos para o 20 de maio de 2011 e a Paramount Pictures será a distribuidora.

A participación de Portman neste filme pon en cuestión os informes anteriores que dispoñiamos sobre o mesmo e que indicaban que a película estaría ambientada case por completo no mundo sobrenatural de Thor e mais os deuses nórdicos.

Ryan Reynolds protagonista de Lanterna Verde

Após de moitos meses de intensa busca, a Warner Bros. ven de confirmar que Ryan Reynolds é o elixido para ser Lanterna Verde, o protagonista do filme que narrará as aventuras do famoso superheroe da DC Comics. A longametraxe será dirixida por Martin Campbell e producida por Donald De Line e Greg Berlanti.

Reynolds gaña deste xeito na mesma liña de chegada a un grupo de actores que tamén eran fortes candidatos a interpretar o papel principal deste filme de acción, e entre os que se atopaban Bradley Cooper, Jared Leto e Justin Timberlake. Todos eles tiveron que pasar por dúas sesións de cásting moi esixente.

Seica entre os motivos da elección están non só que saia mais barato cós outros dous, senón que agás o elixido, o resto dos actores ficaban libres por contrato o luns, mentres que o de Ryan remataba o venres, tan só catro días despois. Ademais, unha razón para a longa procura foi que De Line, Campbell e os estudos tiñan cadanseu favorito e iso dificultou o consenso.

Se o trato fica pechado, Reynolds converterase no único actor que interpretou a heroes tanto da Marvel coma da DC, xa que ven de facer de Deadpool no filme da Fox X-Men Origins: Wolverine. E de feito, interpretouno tan ben que entre os seus proxectos está o de facer unha secuela só con ese personaxe. Ademais, e para os fans do fantástico, tamén resultará unha face coñecida por ser o cazador de vampiros Hannibal King en Blade: Trinity.

Lanterna Verde será o segundo intento de Reynold de se converter nun superheroe da DC Comics, xa que hai uns anos, estivo a punto de se facer co papel de Flash, outro dos personaxes clásicos da compañía de cómics.

Emily Blunt nunha de Philip K. Dick

Se alguén tiña a idea de que todas as obras de Philip K. Dick que se podían converter en película xa pasaron á pantalla grande, estaría moi enganado. Seica Emily Blunt e Matt Damon protagonizarán o thriller Adjustment Bureau, baseado nun conto do clásico escritor de ciencia-ficción e baixo a dirección de George Nolfi.

Damon interpretará a un congresista popular cuxo futuro político fica en dúbida por mor dunha serie de acontecementos incontrolábeis e pola chegada á súa vida dunha misteriosa bailarina, á que interpreta Blunt.

Nolfi escribiu o guión e será o produtor xunto a Chris Moore, Michael Hackett e Bill Carraro. A produción comezará a mediados de setembro. A Universal adquirira os dereitos sobre este conto nunha poxa patrocinada pola Media Rights Capital, a produtora e financeira que está após do personaxe “Brüno”.

Blunt ven de rematar a súa participación no filme The Wolfman xunto a Benicio Del Toro e Anthony Hopkins. Ademais é a protagonista do vindeiro filme Gulliver’s Travels.

Xa hai director para Hack/Slash

O director de anuncios para a televisión Fredrik Bond terá a súa primeira oportunidade na pantalla grande grazas a unha nova adaptación do cómic ao cinema, nesta ocasión a do cómic de terror Hack/Slash, unha serie de culto creada por Tim Seeley e Stefano Caselli.

O cómic céntrase en Cassie Hack, unha muller que simboliza á rapaza solitaria que sobrevive ao remate de moitos filmes de terror. Hack non só sobrevive, senón que se converte nunha asasina de asasinos e viaxa de aldea en aldea por todo o país á procura de asasinos tipo Michael Myers (Halloween), Jason (Venres 13) ou Freddy Krueger (Pesadelo en Elm Street). Nas súas viaxes acompáñaa Vlad, un gardacostas musculoso que a protexe nas súas aventuras.

Justin Marks escribiu o guión, e o filme comezará a se rodar en inverno.

The Cell de Stephen King será unha miniserie para TV

Probabelmente aínda estará na memoria de moitos o intento do realizador Eli Roth de dirixir unha adaptación da novela do rei do terror, Stephen King, titulada The Cell. Ben, pois seica por fin Roth non vai facer a película. En realidade, nin sequera vai haber película.

Segundo todos os rumores, John Harrison (Dune) está a escribir unha miniserie de catro episodios para a televisión baseada nesta novela apocalíptica de 2006, na que toda a poboación dos Estados Unidos é transformada en asasinos salvaxes e dementes por mor dun misterioso sinal enviado a través dos seus teléfonos móbiles.

Harrison escribirá o guión para The Weinstein Co., a produtora que planeaba converter a novela en filme, pero que decidiu mudar de plans e vender logo o proxecto a outras canles. Harrison, que xa traballou como axudante de director na serie de TV que contaba con guións do mesmo King Creepshow e que dirixiu Tales From the Darkside: The Movie (incluíndo unha adaptación do escritor de Cat From Hell), considera que Cell é unha novela que lle permitirá facer uns primeiros 30 minutos demoledores na pequena pantalla, e engadiu que non coida que esta sexa unha novela de zombis senón coma algo semellante a unha Vila dos Condenados e que lle gusta a idea de que a xente infectada comparta unha especie de mente de colmea.

Harrison dixo ademais que lle gustaría ser o director da miniserie.

Willem Dafoe, un marciano en John Carter of Mars

Willem Dafoe, quen xa levou mallas verdes cando se puxo o disfrace de Trasno Verde en Spiderman, podería agora non só levar mallas senón o corpo enteiro de verde no seu novo papel de guerreiro marciano no filme en preparación John Carter of Mars, a primeira longametraxe con acción real do director de WALL-E, Andrew Stanton.

Dafoe participará nun reparto no que xa están os intérpretes de Wolverine Taylor Kitsch e Lynn Collins e que suporá a adaptación á pantalla grande do clásico da famosa serie de libros de ciencia-ficción e de fantasía de Edgar Rice Burroughs.

Dafoe fará o papel de Tars Tarkas, un fero guerreiro marciano que posúe unha rara habilidade entre os da súa especie: a posibilidade de amar. Tars fará unha alianza con John Carter no primeiro filme, que está baseado no libro Unha Princesa de Marte. Xunto a Carter loitará polos mundos marcianos e dado que o personaxe aparece por toda a serie, terá a oportunidade de repetir en posíbeis secuelas.

Kitsch, que apareceu brevemente en X-Men Origins: Wolverine no papel de Gambito, será John Carter, un veterano da guerra civil americana que un día e tan só con o desexar, é transportado a Marte. Collins, que en Wolverine fixo o papel de Kayla Silverfox, interpretará á Princesa de Marte. Stanton escribiu o guión xunto a Mark Andrews. John Carter of Mars non ten data de estrea sinalada, pero será ao longo de 2012.

Richard Stanley volve a ter Vacacións

Após dunha longa espera seica por fin corren bos tempos para un dos directores de culto malditos dentro do cinema fantástico, Richard Stanley. Non só o seu clásico filme Hardware por fin será estreado en DVD senón que ademais os rumores apuntan a que será o encargado de realizar o vindeiro proxecto da Komodo Films, a empresa de Brian Yuzna, e por outra banda o seu longamente agardado proxecto The Bones Of The Earth podería ter unha nova oportunidade.

Pero antes de todo iso, Stanley regresará para dirixir outro proxecto que estaba abandonado, o thriller Vacation. Esta película tiña un guión orixinal de Bruce Campbell, quen ademais contaba con ser o protagonista. Pero non será Campbell quen se leve o papel principal senón un Supermán. O que non se sabe é se este será Tom Welling, o Supermán da serie de televisión Smallville, ou Dean Cain, o Supermán de Lois and Clark. En calquera caso, será un Superman á fronte desta longametraxe.

Vacation é a historia dun banqueiro adicto á cocaína que viaxa cunha moza stripper a un hoteliño do Medio Este de vacacións. Os seus problemas persoais axiña palidecerán perante o desastre que bate neles en forma de misteriosa tormenta solar, que elimina toda caste de comunicación e os deixa illados no peor e mais hostil dos lugares.

Fran Morell [correo]