Do venres 24 ao domingo 27 de xullo de 2009
Do videoxogo ao cine, esta semana coñecemos dous exemplos máis en produción do singular camiño das historias de fantasía e ciencia ficción. World of Warcraft, Gungrave, Lone Wolf son algúns dos nomez que soan entre as vindeiras produción do xénero e das que informa a crónica de Fran Morell
Charlize Theron, a gañadora dun Oscar de Hollywood polo seu papel da asasina en serie Aileen Wuornos no filme Monster, está a manter conversas coa equipa de produtores formada polo matrimonio de Howard e Karen Baldwin na Lionsgate para ver que posibilidades hai de levar á televisión a novela de ciencia-ficción distópica de Ayn Rand de 1957 Atlas Shrugged (A rebelión de Atlas) e convertela nunha miniserie. O programa estaría producido pola Epix, unha canle de cable formada polas empresas Lionsgate e MGM. Aínda que o obxectivo é crear unha serie para a pequena pantalla, podería facerse asemade unha longametraxe para estrear nos cinemas.
Theron é un rostro familiar para os fans da ciencia-ficción polo seu papel no filme de 2005 Aeon Flux, e neste proxecto interpretaría á executiva dunha empresa de camiños de ferro, Dagny Taggart, que vive nun mundo onde os intelectuais e mais os innovadores da sociedade americana se poñen en folga contra o goberno, agochándose nun lugar onde non poden ser atopados grazas á tecnoloxía.
A novela é un manifesto da filosofía obxectivista de Rand que promove, entre outras cousas, o propio interese racional. As vendas deste libro, que moitos consideran absurdamente que non é ciencia-ficción senón filosofía política, incrementáronse moito nestes tempos de crise, en especial a partir de setembro de 2008.
Os intentos de levar ao cinema A Rebelión de Atlas comezaron en 1972, cando o produtor de O Padriño e de Million Dollar Baby, Albert S. Ruddy, tentou facer un filme que ían protagonizar Clint Eastwood e Faye Dunaway.
Randall Wallace, o guionista de Braveheart, e mais James Hart, o de Dracula de Bram Stoker, estiveron mais dunha vez vencellados a este proxecto entregando esbozos do que podería chegar a ser o libreto definitivo.
Sam Raimi dirixirá Warcraft
A nova “bomba” da semana chega da man da Blizzard Entertainment, Inc. e mais a Legendary Pictures, que veñen de anunciar que Sam Raimi (Spiderman, Drag Me to Hell) será o director da vindeira longametraxe que adaptará para o cinema o universo do popular videoxogo World of Warcraft.
Warcraft comezou en 1994 como xogo para o computador, pero pouco a pouco se fixo un universo fantástico ao seu redor, todo baseado nunha loita épica entre as forzas da Horda e mais as da Alianza. Actualmente está formado por novelas, figuras de acción, cómics, xogos de taboleiro e por suposto o famoso xogo de rol en liña multiusuário World of Warcraft.
O filme será co-producido pola Legendary Pictures e co-financiado pola Warner Bros. Pictures. O reparto e mais os detalles sobre a distribución e mais a estrea aínda non foron dados a coñecer.
Raimi, Charles Roven, Alex Gartner, Thomas Tull, Jon Jashni e Joshua Donen serán os produtores, mentres que Robert Tapert será o produtor executivo.
Gungrave e Lone Wolf no cinema
A Convergence Entertainment ven de pechar un acordo polo que desenvolverá dous estilos moi diferentes de arte fantástico sobre papel para converte-los en cinema con personaxes reais: o manga Gungrave, creado por Yasuhiro Nightow e mais a serie de libro-xogos Lone Wolf, do escritor inglés Joe Dever.
Gungrave de Yasuhiro Nightow vai sobre Brandon “Beyond the Grave” Heat, un membro dun sindicato do crime que se ergue da súa tumba para procurar vinganza contra Millenion, un criminal adestrado polo antigo mellor amigo de Heat que utiliza a monstros non-mortos como escravos para cometer as súas trasnadas. Gungrave comezou como un videxogo de acción dos clásicos de disparar e matar e foi creado pola Red Entertainment para a PlayStation 2, e logo converteuse nun manga que publica a editorial Dark Horse nos Estados Unidos e nunha serie de anime.
A serie de libro-xogos de Lone Wolf comezou a se publicar en 1984 e ten lugar nun mundo medieval alternativo chamado Magnamund. O argumento xira ao redor do derradeiro membro dunha caste secreta de guerreiros que está á procura de vinganza contra as forzas maléficas que destruíron a súa orde. A serie está composta por un total de 28 libros até o momento.
Ambos filmes contarán con orzamentos que estarán entre os 30 e mais os 35 millóns de dólares (21 a 24 millóns de euros).
A vila enmeigada de Calico
Allentown Prods., unha empresa dirixida polo realizador de documentais James Moll, ven de adquirir os dereitos para o cinema sobre Berry Farm´s Calico Ghost Town e todas as atraccións e personaxes orixinais creados para o parque temático.
O director de desenvolvemento da Allentown, Chris W. King, encargouse deste concepto xunto a Moll, que será o produtor. A historia está ambientada no salvaxe Oeste a finais do século XIX, e céntrase nunha vila mineira chamada Calico, que despois de sufrir o abandono dos seus habitantes, está agora poboada por pantasmas e criaturas sobrenaturais pouco amigábeis.
No seu intre álxido, a verdadeira vila de Calico chegou a ter unha poboación de 1.200 persoas e mais de 500 minas de prata. A vila está situada no deserto de Mojave e foi abandonada en 1907, converténdose despois nunha atracción turística baixo o patrocinio da Knott e agora operada independentemente. A versión da Knott da Berry Farm´s Calico Ghost Town é a atracción turística mais antiga no parque de atraccións de Buena Park. A pasada década foi visitada por un total de 30 millóns de persoas.
“É o lugar perfecto para unha grande aventura familiar de medo, con todos os elementos do Western clásico: cowboys, coristas, pistoleiros, persecucións por minas abandonadas… todo cun toque sobrenatural”, dixo Moll, quen espera poder anunciar unha financiamento adicional xunto a un guionista e mais un director a finais deste verán.
Aínda que o movemento semelle estraño, hai que relembrar que de Piratas do Caribe se fixeron tres películas e todo comezou nun parque de atraccións da Disney.
UFO xa ten un director
O veterano supervisor de efectos especiais Matthew Gratzner fará o seu debut como director con UFO, a adaptación á pantalla grande da popular serie de televisión dos anos 70.
Gratzner foi o supervisor de efectos especiais na vindeira película de Martin Scorsese, Shutter Island, e entre os seus créditos están filmes coma A Momia 3: A tumba do emperador dragón, Hancock, Iron Man e Alien: Resurrection.
Os dereitos para realizar o filme foron adquiridos á canle ITV Global pola Robert Evans Co., unha empresa creada por Evans, Henri Kessler e Avi Haas e que xunto á New Deal Studios do mesmo Gratzner sacarán este proxecto adiante.
O guión é obra de Ryan Gaudet e Joseph Kanarek. Os estudos de Gratzner comezaron xa o desenvolvemento do que se adoita coñecer como “arte conceptual” e que non son senón debuxos con figuras de lugares e personaxes que serven para previsualizar o que podería chegar a ser o filme.
Coma na serie de Gerry Anderson, a longametraxe estará centrada en Shado (Supreme Headquarters Alien Defense Organization), unha operación militar supersecreta escondida debaixo duns estudos de Hollywood, e cuxos operativos loitan unha mortal batalla contra unha raza de extraterrestres que leva décadas secuestrando e asasinando seres humanos e utilizando os seus corpos para fins macabros.
“A historia, os personaxes e mais as situacións que o Sr. Anderson creou en UFO son intemporais e atractivas”, dixo Gratzner. “A miña visión é utilizar efectos especiais como elemento de apoio para narrar unha historia que enganche á audiencia a este universo”.
Fran Morell [correo]


RSS

