Do venres 31 de xullo ao domingo 2 de agosto de 2009
As producións televisivas españolas comezan tímidamente a entrar na temática fantástica. Fran Morell infórmanos da serie Una Familia Normal en desenvolvemento para Antena 3. Tamén hai varias producións para cine, sobretodo de caracter infantil e os dereitos do vídeo xogo Infamous adquiridos pola Sony para levala á gran pantalla.
A canle Antena 3 prepara xunto a Ida y Vuelta (Física o química) Una Familia Normal, un novo proxecto de ficción de cara ao vindeiro ano. Trátase dunha serie en “prime time” apta para todos os públicos centrada nos poderes dunha singular familia. Con este proxecto a canle de Planeta adéntrase no mundo do sobrenatural.
Malia a súa aparencia de familia corrente, algúns dos seus membros contan cunhas habilidades moi concretas que os converten en seres especiais, ao máis puro xeito dos superheroes. Poderes sobrenaturais que agocharán fronte aos demais, pero que non dubidarán en empregar sempre que xurda a ocasión. A capacidade de mover obxectos (telequinese) ou de ler a mente doutras persoas serán algunhas das habilidades que caracterizarán aos protagonistas desta ficción. A familia intentará por todos os medios preservar o seu grande segredo, porén, non tardarán en se decataren de que non só eles teñen esas habilidades especiais.
O cásting para esta nova serie corre a cargo de Carmen Utrilla, responsábel do cásting de películas coma Princesas, O Pau ou a galardoada con varios Goyas A hora dos valentes.
O novo proxecto de Antena 3 tocará diversos xéneros, dende a comedia até o drama, nembargantes, caracterizarase sobre todo polas súas doses de suspense e ciencia-ficción. Nestes intres a serie atópase en pleno desenvolvemento, polo que aínda non está definido o eixo central da mesma.
Pola súa temática, a idea lembra a outras produción estranxeiras coma por exemplo Heroes ou Sobrenatural.
Robert Schwentke dirixirá Red
O director do filme A Muller do Viaxeiro no Tempo (The Time Traveler´s Wife), Robert Schwentke, está en conversas para se ocupar do thriller da Summit Entertainment Red.
Protagonizado por Bruce Willis e Morgan Freeman, Red conta cun guión de Erich e Jon Hoeber e está baseado no personaxe da WildStorm, unha editorial filial da DC Comics.
O filme de espías vai sobre un antigo axente de operacións especiais forzado a se retirar cando un asasino de alta tecnoloxía o ameaza a el e mais á súa moza.
Lorenzo di Bonaventura e Mark Vahradian estarán na produción. Schwentke dirixiu Flightplan e The Family Jewels e estivo a desenvolver o drama baseado no caso da Enron Conspiracy of Fools. O seu filme Time Traveler´s Wife estrearase este 14 de agosto.
Dallas Howard será a nova Victoria
A Summit Entertainment ven de anunciar que a protagonista de Terminator Salvation Bryce Dallas Howard será a nova vampira Victoria na vindeira entrega da saga de Twilight, Eclipse, substituíndo a Rachel Lefevre, quen interpretou o papel na primeira película e mais a na súa secuela, New Moon. A substitución produciuse oficialmente e segundo din por mor dun problema coas axendas das actrices.
Eclipse comezará a se filmar en Vancouver, Canadá, a partir de agosto. A nova entrega está baseada, coma as anteriores, nos libros de Stephenie Meyer e será dirixida por David Slade a partir dun guión escrito por Melissa Rosenberg. A data de estrea está fixada para o 30 de xuño de 2010.
En Eclipse, Bella estará de novo en perigo, rodeada por unha banda de misteriosos asasinos e ademais un vampiro malvado continúa á súa procura para se vingar. No medio de todo, deberá escoller entre o seu amor por Edward e a súa amizade con Jacob, sabendo que a súa decisión ten o poder de reavivar os odios ancestrais entre vampiros e lobishomes.
Os Lórax volven ao cinema
A Universal Pictures e mais a Illumination Entertainment unirán as súas forzas para converter o libro do Dr. Seuss The Lorax nun filme de debuxos animados xerados por computador e en tres dimensións. The Lorax contará con tres directores: Chris Renaud, Cinco Paul e Ken Daurio, e con Paul e Daurio escribindo o guión.
Aínda que foi publicado en 1971, The Lorax conta cunha temática bastante “verde”. Está narrado por un avaricioso empresario que, malia os moitos avisos que lles fan os lorax, uns seres amantes das árbores, destrúe un bosque para facer prendas de vestir coas árbores. Os resultados serán catastróficos, xa que todos os animais deben marchar e nada vivo fica no lugar.
The Lorax é un libro que levantou moita polémica dende a súa orixe. En 1988, un pequeno colexio en California decidiu manter o libro como lectura para os seus alumnos malia as ameazas dunha empresa madeireira que dicía que o libro era inxusto coa industria. Moitos membros da industria madeireira aliáronse para escribir outro libro chamado The Truax e no que ofrecían o seu punto de vista oposto ao ecoloxismo.
O filme está previsto para se estrear o 2 de marzo de 2012, unha data que sería xusto o aniversario de Theodor Geisel (o verdadeiro nome do doutor Seuss), quen finou en 1991.
Regreso ao mundo de NIMH
A Paramount Pictures está a desenvolver unha nova longametraxe que tentará adaptar o clásico infantil de Robert C. O´Brien Mrs. Frisby and the Rats of NIMH.
A historia céntrase nun rato (a señora Frisby, que foi renomeada coma Sra. Brisby no filme da MGM) que debe enfrontarse a unha crise cando o seu fillo caia enfermo e ela e mais a súa familia deban mudarse para fuxir do arado dun granxeiro.
A Sra. Frisby enrólase nun grupo de antigas ratas de laboratorio, onde axiña se decatará de que forman unha sociedade altamente evolucionada, que posúe tecnoloxía avanzada e que dividen o seu traballo ao xeito que o fan os seres humanos.
A MGM desenvolvera a propiedade xa en 1982 en forma de debuxos animados no filme The Secret of NIMH. Nesta ocasión, aínda que non está decidido, todo semella indicar que este filme combinará os debuxos animados con personaxes reais, coma no caso de Alvin e os Esquíos ou Garfield.
O director Neil Burger (O Ilusionista) está en conversas para escribir o guión. Cary Granat será o produtor.
A Sony e mais os videoxogos
E continuando coa recente maré de adaptacións de videoxogos ao cinema, a Sony Pictures ven de mercar os dereitos para trasladar o electrizante xogo de Sucker Punch para a PlayStation 3 inFamous á pantalla grande.
Malia que os detalles están aínda baixo sete chaves, Sheldon Turner (X-Men Origins: Magneto, Texas Chainsaw Massacre: The Beginning) está a traballar nun guión, mentres que os gurús dos xogos pasados ao cinema Avi e Ari Arad (Uncharted, Mass Effect, Lost Planet) serán os produtores.
“O xogo, aínda que é grande e divertido, é no seu corazón unha balada de amor dirixida ás persoas que teñen un grande potencial pero que non o desenvolven, coma o noso heroe, Cole McGrath“, segundo Turner. “O que mais me emociona sobre o xogo é que foi o primeiro para o que tiven unha grande idea e un personaxe“.
O rei da Illa da Caveira
Despedimos a semana por todo o alto… dende a altura do gorila mais grande do mundo, xa que a Spirit Pictures ven de se facer cos dereitos sobre o libro Kong: King of Skull Island, unha precuela da historia do famoso gorila xigante, e ten pensado levala ao cinema nunha longametraxe de grande orzamento.
Escrita por Joe DeVito e Brad Strickland, a historia céntrase na lenda de Skull Island e cómo o simio xigante chegou a se converter no rei da illa. Ademais presenta a outros gorilas xigantes e mais a dinosauros que se mencionaban tan só de pasada nos filmes anteriores.
A familia do director do filme orixinal de 1933, Merian C. Cooper, que ten os dereitos sobre a propiedade de King Kong, vendeu os dereitos á Spirit, que segundo dixo, está “moi preocupada por honrar o legado de Merian C. Cooper en Hollywood“.
Utilizando a tecnoloxía de captura de movementos (motion-capture) usada en filmes coma The Polar Express e Beowulf, a Spirit pretende producir ela mesma os efectos xerados por computador.
Arnold Kunert e Steve Iles serán os produtores e Andy Briggs ocuparase do guión.
Fran Morell [correo]


RSS

