culturagalega
consello da cultura galega

Do venres 7 ao domingo 9 de agosto de 2009

Publicado o 07 Ago 2009

Atentos á pantalla do cine xa que hai moitas novidades por aparecer e das que Fran Morell nos pon ao día. Nomes como Ridley Scott e Aldous Huxley, Steven Spielberg e o coello Harvey, Leonardo DiCaprio e Carrapuchiña Vermella forman tándem nas novas desta semana do xénero da fantasia, o terror e a ciencia-ficción.
Esta semana comezamos cunha nova de última hora, e coma adoita ser habitual nestes casos, non boa: un voceiro de John Hughes ven de anunciar que o guionista e director de filmes coma Weird Science (A muller explosiva) e moitos éxitos dos anos 80 morreu por mor dun inesperado ataque ao corazón mentres camiñaba esta mañá por Manhattan, onde se atopaba visitando á súa familia. Hughes contaba con 59 anos de idade.

Creador de moitos filmes para adolescentes dos anos 80, foi ademais produtor e guionista de Flubber (1997), 101 Dálmatas (1996) ou a mesma Weird Science (1985), entre os seus éxitos no cinema de xénero fantástico.

Hughes levaba moitos anos retirado do primeiro plano hollywoodense. Actualmente vivía en Illinois e ambientou moitos dos seus filmes no área de Chicago. E ainda que non sexa propiamente cinema fantástico, aproveitarei para relembrar que dirixiu tamén un dos meus filmes favoritos, Ferris Bueller´s Day Off (1986).

Ridley Scott visita o Mundo Feliz

Ridley Scott, ademais de asinar a semana pasada o contrato que o vencella á precuela de Alien, ten outro importante proxecto de ciencia-ficción por diante, xa que será o director e produtor dunha versión para o cinema da novela distópica de Aldous Huxley Brave New World, o clásico traducido en España coma ¿Un mundo feliz?.

Scott será o produtor xunto a Leonardo DiCaprio, quen ademais será o protagonista. Ambos producirán vía as súas respectivas compañías, a Scott Free e mais a Appian Way.

Este semella un fito natural para Scott, acostumado xa a rodar non só ciencia-ficción senón distopías dun xeito tan brillante coma no caso de Blade Runner, filme nomeado esta semana coma o mellor da historia do cinema de CF.

Os estudos contrataron para escribir o guión a Farhad Safinia (Apocalypto), quen comezará a traballar axiña na tarefa.

Brave New World está ambientado no ano 2540 (632 A.F. no libro) en Londres, nunha sociedade igualitaria que controla estritamente a reprodución, o consumismo e mais a promiscuidade sexual. No seu tempo foi considerada coma unha crítica á americanización da cultura mundial. A novela, todo un clásico non só da ciencia-ficción senón da Literatura inglesa, foi adaptada previamente á televisión en varias ocasións, pero nunca o fora á pantalla grande: en 1980 por primeira vez e en 2005 por última.

Non son coma ti (son un vampiro)

Antena 3 Films, a produtora cinematográfica do Grupo Antena 3, e mais Notro TV veñen de iniciar a preparación de No soy como tú, un telefilme que xogará co lado mais romántico e xuvenil da figura dos vampiros, onde o amor é a única forza que pode controlar o lado escuro que agocha o seu protagonista.

O novo proxecto, de 150 minutos de duración, consta de dous capítulos e emitirase na primavera de 2010 no prime time da canle Antena 3.

No soy como tú (Non son coma tí) é a historia dun primeiro amor: un amor imposíbel, que pretende tirar proveito do filón aberto pola saga de Crepúsculo, o fenómeno cinematográfico e literario mundial, e cuxos dereitos de emisión para a televisión en España adquiriu Antena 3 a finais de 2008.

DiCaprio e Carrapuchiña Vermella

A nova curiosa ou rechamante da semana ven da man da produtora de Leonardo DiCaprio, a Appian Way, que está a desenvolver unha versión do clásico conto gótico (actualmente clásico infantil) Carrapuchiña Vermella, sobre a nena aparvada que se interna no bosque para lle levar comida á súa avoíña.

O guionista David Leslie Johnson será o encargado de lle dar algo mais de misterio a un conto que xa todo o mundo coñece, e no que definitivamente non vai actuar DiCaprio.

A versión do conto de Carrapuchiña Vermella dos irmáns Grimm escrito no século XIX é a versión mais coñecida da historia, aínda que tan só foi unha adaptación de historias moito mais sinistras contadas oralmente dende a Idade Media. De feito, nalgunhas versións aparece un lobishome e na versión de Charles Perrault o final é cando Carrapuchiña é devorada polo lobo, sen o final feliz.

Fessenden no remake do Orfanato

O cinema español semella que comeza a ter algo de recoñecemento a nivel mundial, e non precisamente grazas aos filmes de “realidade social” senón ao xénero fantástico. Así, ven de se anunciar que o actor e cineasta Larry Fessenden (Wendigo, The Last Winter) será o encargado de dirixir para a New Line Cinema The Orphanage, o remake americano do thriller sobrenatural español El orfanato, o filme que converteu en 2007 ao seu director Juan Antonio Bayona nunha estrela internacional.

A historia non será modificada dende o seu orixinal, no que Laura, unha muller que compra o orfanato onde ela medrou de nena, ten a intención de abrilo de novo e reconvertelo nun centro social para axudar aos nenos discapacitados. Pero unha vez dentro, Laura descubre que o antigo orfanato esperta soños na imaxinación do seu propio fillo, e que estes soños semellan non estar só nas fantasías do neno, quen afirma ter un amigo invisíbel que seica o secuestra un día de xeito inesperado. Mentres ela e mais o seu home van descubrindo novos e arrepiantes segredos que se agochaban na casa e na súa historia, Laura acaba por se aliar a un grupo de parapsicólogos para desvelar o misterio que rodea á desaparición de seu fillo.

Guillermo del Toro, que produciu o filme orixinal, será tamén o produtor neste remake e ademais axudará a Fessenden a reescribir o guión, que na primeira versión fixo Sergio G. Sanchez. Beau Flynn e Tripp Vinson tamén producirán esta adaptación.

Neeson, home branco descoñecido

E por outra banda, outro director español que trunfa lonxe é o catalán Jaume Collet-Sierra (House of Wax, Orphan), que será o director do thriller de misterio Unknown White Male que producirá a Dark Castle e que protagonizará o actor Liam Neeson.

Neeson interpretará a un médico que viaxa a Berlín para unha conferencia e alí ten un accidente de coche. Cando sae do coma, descubre que a súa muller xa non o recoñece. E para facer as cousas aínda mais confusas, hai outro home que vive con súa muller e que afirma ser el. O guión de Oliver Butcher e Stephen Cornwell está baseado nunha novela orixinal de Didier Van Cauwelaert titulada Out of My Head.

Joel Silver será o produtor e a rodaxe comezará en xaneiro.

Steven Spielberg dirixirá Harvey

De todos os filmes dos que se ven rumoreando que Steven Spielberg podería ser o director, era pouco previsíbel que finalmente se decantase polo proxecto que a DreamWorks e mais a 20th Century Fox anunciaron o domingo: unha adaptación contemporánea da obra de teatro Harvey, premio Pulitzer de 1945, sobre Elwood P. Dowd, un home tolo e mais o seu amigo, un coello invisíbel de dous metros.

Harvey, que contará cun guión do debutante Jonathan Tropper, é a historia dun homiño excéntrico e mais do seu coello invisíbel, que segundo o protagonista, é un “pooka”, unha criatura benigna pero rebuldeira da mitoloxía celta, e de como isto afecta a todos os membros da súa familia e da comunidade. O coello tiña unha curiosa aparición en Donnie Darko, se ben cun ton moi diferente ao amábel e bondadoso da obra de teatro orixinal.

A obra de teatro gañou o Pulitzer en 1945 e foi interpretada en Broadway 1.775 veces entre 1944 e 1949. Despois sería adaptada ao cinema nun filme clásico da Universal de 1950 que protagonizaron Jimmy Stewart e Josephine Hull.

Tropper, o guionista, é o autor das novelas The Book of Joe, Everything Changes, Plan B, How to Talk to a Widower e This is Where I Leave You. Mentres, na Rede coméntase que o actor ideal para o papel sería Tom Hanks.

Despois de dirixir a última de Indiana Jones, a Spielberg se lle vencellou cunha chea de proxectos, dos que tan só un é seguro, pero sen data: O Segredo do Alicorno, a aventura que levará a Tintín ao cinema.

A pre-produción de Harvey comezará axiña, agardándose que a filmación comece o ano que ven. Spielberg, Don Gregory, Elizabeth Gabler e Carla Hacken serán os produtores.

Fran Morell [correo]