Do venres 21 ao domingo 23 de agosto de 2009
Algún ven -ou viña- de Krypton, en canto outros van camiño da tele, ou do cinema. Uns son musulmáns e outros non se sabe ben. Sen embargo todos son… ¡superheroes! Os mozos voadores destacan na aliñación fantástica que Fran Morell nos propón esta semana, na que sorpresivas sentenzas xudiciais compiten nos titulares coas adaptacións audiovisuais habituais.
Segundo informaron esta semana os nosos compañeiros do xornal “El Pais”, hai temores fundados de que Superman deixe de ser o derradeiro supervivinte do planeta Krypton. A longa guerra legal polos dereitos do Home de Aceiro conta xa cun novo episódio que pode afectar seriamente á lenda que envolve á mais famosa icona do cómic americano, porque os herdeiros de Jerry Siegel – cocreador xunto a Joe Shuster do personaxe – veñen de cantar vitoria nunha batalla que pode ter resultados pouco agradábeis para a poderosa multinacional Time Warner, actual propietaria da DC Comics, a editorial que publica o personaxe desde 1938.
Da análise da última sentenza despréndese que o xuiz considera que moitas das ideias vencelladas desde sempre ao Grande “S” foran xa deseñadas por Siegel moito antes de que a editorial lle encomendase a el e mais a Shuster a creación do personaxe. Segundo as leis americanas de copyright, se a creación se realizou por encargo, legalmente os dereitos pertencen á editorial, polo que é necesário demostrar que existen evidencias dunha creación anterior á relación laboral.
E o especialista Denis Kitchen foi quen aportou esas probas, atopadas pola família Siegel dun antigo proxecto do guionista xunto ao debuxante Russell Keaton que non chegou a ver a luz nos xornais. Nese proxecto presentabase a historia dun bebé de extraordinários poderes que chegaba do futuro nunha máquina do tempo, enviado polo derradeiro home sobre a Terra ao ano 1935 para alí ser descuberto polos Kent. A parella adoptaríao despois co nome de Clark Kent.
As semellanzas coa historia que todos coñecemos son máis que evidentes e a decisión xudicial foi clara: os herdeiros dos Siegel recuperan os dereitos de autor do número catro da revista “Action Comics”, algunhas páxinas do primeiro número da colección Superman e as dúas primeiras semanas das tiras diarias que se publicaron nos xornais dos Estados Unidos. E precisamente foi naquelas primeiras tiras diarias onde Siegel e Shuster desenvolveron a orixe do Home de Aceiro, creando a súa orixe no planeta Krypton: perante a inminente destrución do planeta, o científico Jor-El introduciu o recén nado Kal-El na nave espacial que o levou á Terra, onde foi atopado polos Kent. Unha historia que xa forma parte da cultura popular e que agora só poderá ser utilizada baixo o consentemento dos herdeiros de Jerry Siegel. Xa for en filmes, series de televisión ou, por suposto, en cómics, as novas aventuras de Superman non poderán facer referencia ás súas orixes kryptonianas sen un acordo previo.
Obviamente, de non se alcanzar ese acordo, a DC non tería mais remedio se quere continuar imprimindo cómics de Superman que mudar a súa orixe. Xa non poderá vir de Krypton, non pode chamarse Clark Kent e nunca foi adoptado por unha familia humana.
Este só é un capítulo máis dentro dunha guerra que a Time Warner está a perder de vagariño. Malia que a morte de Joe Shuster sen descendencia lle proporcionase o 50% dos dereitos do Home de Aceiro, as leis americanas de copyright fixan o ano 2013 como limite para ese control. A partir dese intre, o personaxe reverterá totalmente aos herdeiros dos seus creadores (neste caso, de Jerry Siegel) até o ano 2033, no que Superman pasará definitivamente ao dominio público.
Shazam! quere despegar
Falando de máis superheroes voadores e con capa, no caso do Capitán Marvel semella o conto de nunca rematar, ou mellor dito, de nunca comezar, porque o actor e guionista Bill Birch é o novo encargado (e con este xa van cinco) de escribir o libreto para a adaptación ao cinema do cómic de superheroes Shazam! para a Warner Brothers Pictures.
O habitual da DC Comics Geoff Johns será o co-guionista nesta nova andaina pola pantalla grande do Capitán Marvel, quen en realidade é o adolescente Billy Batson que se converte en superheroe ao pronunciar a palabra máxica. O proxecto estaba até agora nas mans da New Line e pasou por varios guionistas, entre eles William Goldman, Joel Cohen, Alec Sokolow e John August.
Birch, protagonista de series de televisión como Anatomía de Grey, A Ala Oeste da Casa Branca ou CSI, é o guionista de One Finger Salute para a for Warner Brothers. Peter Segal (O Superaxente 99) segue a estar vencellado ao proxecto como director e produtor, neste último caso xunto a Michael Ewing.
Os 99 invaden Europa
Nomeados “Os 99“, polo número de atributos que disque posúe Alá, son os primeiros superheroes que expanden o islamismo polo mundo. Entre os persoaxes hai unha muller con burka, chamada Batina a Escondida e unha especie de Coloso saudí chamado Jabbar o Poderoso. Xa son un éxito desde Marrocos a Indonesia e recentemente foron nomeados como unha das 20 modas que están a percorrer o mundo, pola revista Forbes.
Agora van chegar á televisión inglesa da man de Endemol, a produtora que creou o concurso O Grande Irmán, coa misión de instituir os valores islámicos entre os nenos.
Até agora, o mercado de superheroes estaba dominado por persnoaxes coma Batman, Spiderman ou Superman que tiñan como misión a de liberar do crime os Estados Unidos e o mundo occidental.
Os 99 foron creados por Naif al-Mutawa, un psicólogo clínico de Kuwait, segundo o cal os nenos dos países musulmáns precisaban un grupo de superheroes nos que poder compararse e que non foran os modelos habituais dos jihadistas: “Abraioume que as historias que escoitaba eran de homes que medraron coidando que o seu líder, Saddam, era un heroe, un modelo, e só para descubrir un día que estaban a ser torturados por el. Decidín que o mundo árabe precisa mellores modelos“.
Sen embargo, e malia seren chamados Os 99, nunca hai un reparto enteiro de 99 superheroes xa que está prohibido coñecer (e moito menos debuxar) cales son todos os atributos de Alá, polo que os musulmáns só coñecen algúns deles. Segundo al-Mutawa os seus persoaxes teñen unha fasquía universal: “están baseados en atributos coma a xenerosidade ou a piedade. Son cousas das que os musulmáns non teñen o monopolio“.
Outland terá remake
Michael Davis (Shoot ‘Em Up) ven de ser contratado pola Warner Bros e mais a Hollywood Gang Productions para ser o director do remake do filme de ciencia-ficción de 1981 que protagonizou Sean Connery Outland, unha película que á súa vez levou o argumento de Só ante o perigo ao espazo (en España titulouse Atmosfera Cero).
O filme orixinal, de Peter Hyams, ía sobre un policía destinado a unha remota colonia mineira nunha lúa de Xúpiter, onde debía investigar unha serie de misteriosas mortes. Alí descobre que está só e que non contará con ningunha axuda xa que todos os administradores da colonia son uns corruptos e deberá decidir se deixar o lugar ou ficar e cumprir co seu deber.
Na nova versión a acción discorrerá nunha cidade en órbita onde un policía descubre unha misteriosa conspiración que pon en perigo a cidade enteira. Contando con tan só unha semana antes de se xubilar, o noso heroe deberá escoller unha vez máis entre fuxir do lugar coa súa muller ou se pór á fronte dun pequeno exército do que forma parte o ex-mozo da súa muller.
Chad St. John (Motor City, The Days Before) escribirá o guión e Gianni Nunnari será o produtor.
O elefante do meigo
A Fox adaptará ao cinema o novo libro infantil de fantasía da escritora Kate DiCamillo The Magician’s Elephant, e para isto veñen de contratar Martin Hynes (The Go-Getter) para que escriba e dirixa a adaptación.
A historia de The Magician’s Elephant vai sobre cousas imposíbeis que poden chegar a acontecer e narra a historia do orfo Peter Augustus Duchene, quen acode a unha nova tenda de adiviños na praza do mercado da vila de Baltese. El sabe moi ben o que quere preguntar, se aínda está viva a súa irmá, e se for así, como pode atopala. A resposta da adiviña é que un elefante o conducirá até ela. E aí comezará unha cadea de acontecementos incríbeis.
Segundo Hynes o ton que pretende acadar para este filme é algo semellante ao de A Princesa Prometida, algo que tanto nenos coma adultos poidan disfrutar.
Esta non é a primeira vez que DiCamillo ve unha das suas obras adaptadas ao cinema xa que a longametraxe de animación The Tale of Despereaux (2008) e mais o filme Because of Winn Dixie (2005) tamén se realizaron a partir de novelas orixinais dela.
Midnight, Mass. directo á tele
E esta semana rematamos con máis novas nas que aparece tanxencialmente outro español triunfador grazas ao xénero fantástico, nesta ocasión a banda deseñada. A canle de televisión americana NBC ven de se facer cos dereitos sobre Midnight, Mass., un cómic de argumento sobrenatural publicado pola Vertigo, unha filial da DC Comics. Gretchen Berg e Aaron Harberts (Roswell, Pushing Daisies) xa foron contratados para escribiren esta adaptación para a Warner Brothers TV e mais a Jinks/Cohen Co.
Midnight, Mass. é un cómic centrado nos persoaxes de Adam e Julia Kadmons, un matrimonio formado por un home e unha muller sofisticados, sexis e moi viaxeiros, que se adican a resolver misterios paranormais por todo o mundo. A miniserie era unha das máis desexadas polos produtores de cinema e televisión desde había anos. Foi publicada en 2002 e durou 8 números, que logo foron seguidos por unha extensión titulada Here There Be Monsters en 2004. Midnight, Mass. é un cómic orixinal de John Rozum e que conta con debuxos do albaceteño Jesús Saiz (quen leva traballando nos Estados Unidos desde 2000) e Jimmy Palmiotti.
Fran Morell [correo]


RSS

