Zaillian quere dirixir Os Cronocrimes

Cartace orixinal de Os Cronocrimes
O guionista gañador dun Oscar Steve Zaillian, cuxo traballo mais recente foi a adaptación do guión de David Fincher The Girl with the Dragon Tattoo, dixo que está a considerar a posibilidade de se sentar na cadeira de director para o remake do thriller de ciencia-ficción español Os Cronocrimes, que está a producir a Dreamworks Pictures.
O filme orixinal de Nacho Vigalondo vai sobre un home que vai atrás unha hora no tempo repetidamente, para tentar alterar os acontecementos dun crime. Zaillian chegou a bordo do proxecto para facer un remake o pasado xaneiro. Daquela, e aínda que non se confirmou nunca oficialmente, David Cronenberg estaba vencellado ao proxecto, pero o director canadense finalmente decidiuse por outro filme o mes pasado.
Zaillian dixo nunha entrevista que “iso é algo que podería dirixir eu pero non o sei. Non temos reparto, pero é complicado, porque eu quero facer un filme de moi baixo orzamento. Non quero facer un filme con grande presuposto para iso. Coido que grande parte do seu atractivo é que é un thriller de baixo presuposto, pero é difícil de facelo sen un actor importante, así que o truco é atopar un actor axeitado que non suba de súpeto o orzamento nos 20 ou 30 millóns. Eu gustaría de facelo por dez millóns de pavos. Miras para el e é unha desas raras oportunidades onde tes catro personaxes, dúas localizacións, por que precisas gastar 40 millóns de dólares? Isto é un regalo, é unha historia que non queres contar doutro xeito, e resulta que é un xeito económico“.
Non hai xenomorfos en Prometheus
Nunha recente entrevista, o director Ridley Scott comentou novos detalles sobre a súa longamente agardada precuela de ciencia-ficción Prometheus, e mesmo deu algunhas respostas a preguntas que os fans levaban moito tempo a se facer, se ben foi só para erguer novas preguntas no proceso.
Cando lle preguntaron directamente se o final deste filme que está a rodar podería enlazarse directamente co comezo de Alien, Scott dixo que «non, absolutamente non… quero dicir, poderías dicir realmente, e iso é unha cita de min mesmo, unha moi boa: contra o final do terceiro acto podes comezar a te decatar de que hai un ADN do primeiro Alien, pero non de ningún dos seguintes. Non che vou dicir que iso sexa unha mágoa, porque é realmente bo, moi orgánico para o proceso e para o orixinal. Pero iremos atrás, non imos adiante«.
O piloto fosilizado da nave esnaquizada que se deixou entrever no primeiro Alien tamén foi obxecto de preguntas: «sempre estiven abraiado de que ninguén se preguntase quen diaños era o Space Jockey. Nin sequera chamábanlle Space Jockey. Durante o filme comezaron a lle chamar Space Jockey. Non sei quen comezou iso. Sempre coidei que era abraiante que ninguén preguntase quen era e o que facía alí. De qué ía todo iso? Sentei a coidar sobre iso un intre e pensei, vaites, aí hai unha historia! E os outros catro filmes non falaron dela! Así que aquí está«.
Mais tarde na entrevista preguntáronlle se íamos ver o xenomorfo orixinal no seu vindeiro filme. E Scott foi claro: «Non. Absolutamente non. Espremérono a tope. O xenomorfo fíxoo moi be, sobreviviu, agora está en Disneylándia en Orlando, e eu non penso ir alí a por el. Como rematou en Disneylándia? Eu vino en Disneylándia, carallo!«. Scott tamén confirmou que o deseñador orixinal do Álien, H.R. Giger, «está a facer un pouco de traballo para min. Fixo algúns murais, murais grandes, que veremos en case a primeira das cámaras que atopemos no sitio onde imos aterrar«.
Poderán falar os simios?
Mentres que a Fox está xa a poñer na lanzadeira de saída a secuela do éxito deste verán de Rupert Wyatt Rise of the Planet of the Apes, os guionistas do filme Rick Jaffa e mais Amanda Silver deixaron caer nun recente podcast de Jeff Goldsmith algún detalliño interesante do que podería ser esta continuación:
«Estamos a traballar na secuela agora mesmo, para a precuela, e a parte emocionante é que, non cho vou contar, pero… eles van falar ou non? Parte do desafío era como contar todo o que aconteceu entre os simios sen verbas. Ao final coidei que sería un bo desafío para nós. Creo unha historia mellor«.
O dúo tamén mencionou un posíbel título para a secuela: Rise of the Planet of the Apes: Part Two, pero seica isto último dixérono mais ben en plan de broma.
Portman, alporizada polo despido de Jenkins
Cando hai uns días se soubo que de xeito inesperado Patty Jenkins abandonaba a secuela de Thor, moitos ficaron abraiados, confusos e mesmo desgustados. Aínda que se dixo que a separación foi amigábel e causada por diferenzas creativas, o certo é que Jenkins foi despedida sen aviso previo.
Entre os confundidos está a protagonista do primeiro filme, Natalie Portman, quen está «profundamente alporizada pola decisión«, segundo fontes próximas á actriz. Portman pedira especificamente á Marvel que contratase á directora de Monster, e só cando a contratación foi un feito, Portman decidiu participar na segunda parte.
Agora, malia a marcha de Jenkins, Portman está obrigada por contrato a ficar no proxecto. A produtora, nun esforzo por acougar as cousas, decidiu incluír á actriz na toma da decisión sobre quen debe ser o substituto de Jenkins.
Respecto á directora, aínda hai moitas dúbidas sobre por que foi despedida. Unhas fontes afirman que Jenkins tiña visións demasiado persoais para o filme, outros din que os executivos da Marvel estaban nerviosos porque coidaban que Jenkins non quixera someterse á disciplina creativa da produtora e que iso podería crear problemas para ter o filme rematado en novembro de 2013, tal e coma pretenden.
Tornasol, vindeiro protagonista de Tintín

O profesor Tornasol
Hergé debuxou vinte e catro tomos da colección de Tintín, e a recente película de Steven Spielberg The Adventures of Tintin utiliza partes de tres deles.
Agora que os plans de rodar a secuela están xa en marcha grazas ás boas críticas e á boa recadación obtida en Europa, a única pregunta que fica por responder é que libros serán adaptados agora.
Hai un ano Peter Jackson, que será o director do segundo filme, dixo que o seu plan era adaptar As sete bólas de cristal e mais O templo do sol, dous libros que van xuntos na colección, coma base para a súa película. Nombergantes, hai uns poucos meses noutra entrevista dixo que mudara de opinión, pero non desvelou que decisión tomara aínda. Mesmo nese caso, cóidase que O templo do sol podería ser a base dun teórico terceiro filme.
Agora, a produtora Kathleen Kennedy dixo nunha entrevista que esa historia en particular está xa fóra da discusión: «O templo do sol estivo en consideración moi, moi ao comezo, e xa non está mais en discusión. Aínda temos a Anthony Horowitz traballando no segundo filme, e non sabemos o que imos facer coa terceira película aínda«.
As historias utilizadas no primeiro filme foron usadas porque servían para presentar a Tintín, Milú, o capitán Haddock e mais as súas relacións interpersoais. Así que agora Kennedy di que «o que estamos a pensar para a segunda película é que novos personaxes queremos presentar? Ben, posibelmente presentemos ao profesor Tornasol e o metamos en escena«.
O profesor Trifón Tornasol é un dos personaxes principais deste cómic, sendo quizais o cuarto en importancia logo de Tintin, Milú e o Capitán Haddock, aínda que o feito de ser un home maior e diminuído fisicamente fai que non teña un protagonismo en todas as historias, pois se sobreentende que moitas das aventuras emprendidas por Tintín e Haddock serían perigosas para el ou non ten o menor interese en participar. A súa primeira aparición foi en O tesouro de Rackham o Vermello, un tomo que dificilmente será adaptado porque o seu final aparece xa na primeira película estreada.
Outra posibilidade é un dos favoritos de Jackson, O asunto Tornasol, un thriller de secuestros que mestura a espionaxe de países do Leste e que ten a Tintin e a Haddock percorrendo toda Europa para rescatar ao profesor. Kennedy, de todos os xeitos, non quixo adiantar se sería este o libro elixido, pero afirmou que «esa é a dirección que estamos a tomar«.
Eva Green, a malvada de 300
A precuela de 300 que están a desenvolver a Warner Bros. e mais a Legendary Pictures ainda non atopou a un actor protagonista, pero seica pode ter atopado xa a unha actriz principal, segundo diversas fontes.
Eva Green (Casino Royale, Camelot) entrou en negociacións para interpretar a Artemisa no filme 300: Battle of Artemisia, a precuela dirixida por Noam Murro do filme que en 2007 adaptou ao cinema o cómic orixinal de Frank Miller baixo as ordes de Zac Snyder.
Green interpretaría a unha desapiadada deusa cuberta de ouro que persuade a Xerxes para que forme un exército e o lidere na batalla. O argumento do filme aínda non foi desvelado, pero polo que se sabe, os acontecementos narrados nel teñen lugar ao mesmo tempo cós narrados na película orixinal, 300.
A produción tiña previsto comezar a primeiros do ano que ven e conta coa produción de Mark Canton, Gianni Nunnari, Bernie Goldman, Zack Snyder, Deborah Snyder e Thomas Tull.
Cinco novas entregas con Daniel Craig
Con tan só dúas películas estreadas e con 43 anos de idade, o actor Daniel Craig podería converterse no axente 007 mais lonxevo de todos cantos existiran, após de recibir unha oferta multimillonaria.
Nunha entrevista coa prensa sensacionalista inglesa, o produtor da saga de James Bond Michael G. Wilson dixo que lle gustaría que Craig fixera cinco filmes mais após de rematar a rodaxe da súa actual terceira película, elevando asemade o total a oito.
Iso faría de Craig o James Bond con mais percorrido, por riba de Roger Moore con sete, Sean Connery con seis e Pierce Brosnan con catro. Wilson dixo que «é de feito algo que temos que discutir con el unha vez que dea rematado esta rodaxe. A rodaxe foi moi ben até agora e encantaríame que Daniel sobrepasase a marca de Roger e fixese oito películas«.
Ademais engadiu: «Foi un absoluto pracer ter por aquí a Daniel porque se toma o papel moi en serio. Non hai ninguén mais apaixonado en lograr que estes filmes funcionen ca el, é o soño de calquera cineasta. Moita xente dixo que Daniel é o seu Bond favorito despois de Sean Connery e eu non podo discutir iso. Está a facer un grande traballo«.
Seica Craig está a gañar 9,5 millóns de euros polo seu traballo no filme dirixido por Sam Mendes Skyfall. Ao respecto do filme, Wilson dixo que o ton é moito mais próximo aos días do Bond interpretado por Connery: «o director Sam Mendes e mais Daniel están levándoo de volta aos anos 60, mais tipo Sean. Coido que iso é o que os fans queren. Hai un senso máxico de Goldfinger ao seu redor. É moi emocionante«.


RSS
