culturagalega
consello da cultura galega

A oportunidade de Frecha Verde na tele

Publicado o 20 Xan 2012

Capa do número 60 de Green Arrow

Capa do número 60 de Green Arrow

As canles The CW e Warner Bros. Television están a preparar un episodio piloto para unha nova serie de televisión titulada Arrow e que se baseará na personaxe de cómic da DC Green Arrow (ou Frecha Verde, na súa versión galega).

Greg Berlanti e Marc Guggenheim (Green Lantern) son os guionistas e produtores executivos xunto ao seu antigo compañeiro en Eli Stone Andrew Kreisberg.

A canle ven de dar por pechada a súa serie de Superman Smallville, que no mes de maio cumprirá 10 anos en pantalla. Nesa serie Justin Hartley interpretou a Green Arrow no papel dun playboy millonario que polas noites loita contra o crime enfundado na súa máscara. Nombergantes, Hartley non está vencellado a esta nova versión do personaxe.

Ademais, a canle The CW producira previamente un episodio piloto para unha serie de televisión baseada en Aquaman, outro superheroe da DC, pero ao cabo non lles gustou aos executivos, quen decidiron non seguir adiante. Naquela serie Hartley era tamén o protagonista no papel do clásico superheroe submarino.

Marcus Nispel dirixirá Hack/Slash

Marcus Nispel (Friday the 13th, Conan the Barbarian) será o director da adaptación ao cinema do cómic de terror e acción Hack/Slash para a Relativity Media.

A historia, cunha forte carga erótica, céntrase en Cassie Hack, unha rapaza convertida en asasina de asasinos que viaxa de vila en vila por todo o país cazando aos criminais ao xeito no que o farían iconas do terror coma Freddy Krueger ou Michael Myers.

Todd Lincoln e Fredrik Bond foron os dous nomes anteriormente vencellados á dirección deste filme, que conta polo de agora cun guión de Justin Marks e coa produción de Alexandra Milchan, Adrian Askarieh e Daniel Alter.

Os Poderes que non despegan

O cómic Powers, no que se baseará este filme

O cómic Powers, no que se baseará este filme

A adaptación á pequena pantalla do cómic orixinal de Brian Michael Bendis Powers continúa a atopar atrancos e seica non sae dos problemas que impiden que o proxecto avance.

O cómic vai sobre unha parella de detectives nunha división especial que investiga crimes relacionados con superheroes. Foi creado por Bendis e mais o debuxante Michael Avon Oeming e os seus primeiros números apareceron na Image Comics de 2000 a 2004, até que a Marvel Comics mercou os dereitos.

Os executivos da canle FX viron o episodio piloto a finais do ano pasado e decidiron non seguir adiante. O guionista Chuck Eglee recibiu o encargo de reescribir partes significativas da serie para tentar rodala unha vez mais e agora mesmo están a pensar se paga a pena ou non seguir adiante coa rodaxe.

O presidente da FX, John Landgraf, dixo que están a comprobar que «é realmente complicado» facer a clase de serie que eles queren, unha serie de superheroes cun ton semellante ao de Os Soprano ou Breaking Bad.

Liv Tyler sufrirá efectos secundarios

A nosa elfa favorita, Liv Tyler, será a vindeira protagonista do thriller de Ti West The Side Effect.

Tyler interpretará a Catherine Rigby, unha muller que pasa varios meses soa no espazo coma suxeito dun experimento para unha compañía farmacéutica internacional e que de súpeto atopa que está embarazada.

O medo e a paranoia apodéranse dela cando se decata de que foi abandonada e a verdade após da concepción está cada vez mais lonxe malia os seus esforzos.

Ted Hope e Peter Phok serán os produtores. Segundo West, o filme será mais psicolóxico ca de auténtico terror coma o foron as súas anteriores obras, House of the Devil e The Innkeepers.

Lemke escribirá o filme de Goosebumps

Darren Lemke (Jack the Giant Killer, Shrek Forever After) está por pechar o acordo que o vencellaría coma guionista dun filme con acción real que adaptará á pantalla grande a serie de terror para adolescentes Goosebumps na Sony Pictures e mais a Original Films.

A serie orixinal do escritor R.L. Stine comprende mais de 50 tomos escritos entre 1992 e 1999 que na súa maioría renden homenaxe ás clásicas películas de terror e ciencia-ficción dos anos 50. O nome traduciuse en España coma Pesadillas e após de que a Sony se fixera cos dereitos en 2008, leva tentando adaptar a franquía sen demasiado éxito polo de agora.

Lemke é a lo menos o cuarto guionista que se fai cargo do proxecto, após de que os traballos de Larry Karaszewski, Scott Alexander e Carl Ellsworth non convencesen á Sony en absoluto.

Neal Moritz e Deborah Forte son os produtores. O proxecto é concibido coma o primeiro filme dentro dunha franquía que mesmo podería abranguer ducias de películas.

Trank para o relanzamento dos 4F

O responsábel de Chronicle, Josh Trank, é nestes intres o máximo candidato a se facer coa cadeira de director para o relanzamento da franquía dos 4 Fantásticos pola 20th Century Fox.

Michael Green (Green Lantern) está a escribir un novo guión sobre os clásicos heroes da Marvel Comics que obtiveron os seus súper poderes grazas á exposición aos raios cósmicos durante unha misión científica no espazo.

Os anteriores dous filmes, dirixidos por Tim Story en 2005 e 2007, recadaron 620 millóns de dólares no despacho de billetes a pesar das pésimas críticas que recibiron. Agora, o obxectivo da Fox é recomezar a historia e darlle algunha credibilidade á franquía, do mesmo xeito que fixeron co filme do ano pasado X-Men: First Class.

A Fox está primeiro a agardar que tal lle vai no despacho de billetes a Chronicle antes de lle ofrecer oficialmente o posto de director a Trank. De todos os xeitos, seica xa se produciron algunhas entrevistas para falar do filme.

Akiva Goldsman estivo até pouco vencellado ao proxecto coma produtor, pero o abandonou hai uns meses.