Publicado o 29 Xuñ 2012

A Mosca Humana na súa segunda versión (a máis recente), xa reconvertido a superheroe
Segundo informan diversas fontes, estase a realizar un filme independente baseado na Mosca Humana, un personaxe dos cómics da Marvel dos anos 70.
Alan Brewer e Steven Goldmann fixéronse cos dereitos do personaxe recentemente, e coa Eisenberg-Fisher Productions encargándose da produción executiva do proxecto, Goldmann dirixirá, mentres que Brewer e máis James Reach serán os produtores.
Respecto ao personaxe, hai dúas versións do mesmo, ambas creadas polo lendario Bill Mantlo: a primeira foi un superfalcatruán inimigo de distintos superheroes, incluíndo a Spiderman, pero a segunda é a dun rapaz cuxa identidade se descoñece e que foi ferido gravemente nun accidente de coche. Após dunha cirurxía reconstrutiva, o seu esqueleto foi substituído por aceiro e converteuse nun dobre ou especialista de cinema que axuda aos nenos con problemas mentres loita con varios criminais.
Adiviñades cal das dúas versións será a que chegue ao cinema? Le máis deste artigo »
Publicado o 22 Xuñ 2012

O póster do filme de 1968 protagonizado por Jane Fonda
O director de Drive e de Bronson, Nicolas Winding Refn, será o encargado de dirixir e de ser o produtor executivo dunha nova serie para a televisión baseada no clásico cómic francés Barbarella.
A Gaumont Intl. Television está atrás desta serie, que conta tamén con Martha De Laurentiis coma produtora executiva e para a que aínda non hai un guionista responsábel de contar as historias deste personaxe creado por Jean-Claude Forest para a revista V-Magazine en 1962 pero que case todo o mundo relembra grazas á película que protagonizou Jane Fonda en 1968 e que dirixiu o seu home Roger Vadim.
Le máis deste artigo »
Publicado o 15 Xuñ 2012

Hugh Laurie no seu papel do Dr. House
Hugh Laurie, o protagonista da recentemente rematada serie de televisión House, está a negociar a súa participación no reparto do remake de Robocop que dirixirá o brasileiro José Padilha na MGM para facer o papel do vilán da película.
Joel Kinnaman será o principal intérprete deste filme no papel de Alex Murphy, o axente que é resucitado para se converter nun cyborg oficial de policía.
Le máis deste artigo »
Publicado o 08 Xuñ 2012

Ray Bradbury en 2004, cando recibiu a Medalla Nacional das Artes de mans do Presidente George W. Bush
Ray Douglas Bradbury, o lendario autor de clásicos inesquecíbeis da literatura de terror, fantasía e ciencia-ficción de todos os tempos coma As Crónicas Marcianas, Fahrenheit 451 ou Something Wicked This Way Comes (A Feira das Tebras), finou o mércores na súa casa de Los Angeles aos 94 anos de idade, segundo informou hai unhas horas o sitio web io9 a partir dunha información recibida polo seu biógrafo, o escritor Sam Weller.
Nado o 22 de agosto de 1920 en Waukegan, Illinois, Bradbury estaba emparentado co escritor Douglas Spaulding e con Mary Bradbury, unha das 19 persoas que foron xulgadas e penduradas por bruxería en Salem en 1692. Influído polas obras de Edgar Allan Poe e outros clásicos do xénero, dedicouse de neno a facer maxia até que en 1934, cando a súa familia se asentou en Los Angeles, comezou a escribir.
Aínda que nunca asistiu ao instituto nin á universidade, foi na biblioteca da UCLA (Universidade de California Los Angeles) onde escribiu o seu primeiro libro, que titulou The Fireman (O Bombeiro) e que tiña 25.000 palabras. Unha versión estendida desa obra sería publicada posteriormente baixo o título Farenheit 451.
Le máis deste artigo »
Publicado o 01 Xuñ 2012

O Home Anfibio na súa recente edición en DVD para Rusia.
Tres produtoras europeas, a Bavaria Film Partners (Alemaña), a Trikita Entertainment (Rúsia) e máis a Lumiq Studios (Itália) unirán as súas forzas para desenvolveren conxuntamente unha longametraxe rodada en inglés e con 8 millóns de dólares de orzamento que adaptará ao cinema a clásica novela de ciencia-ficción escrita en 1928 polo ruso Alexander Beliaiev Человек-Амфибия (O Home Anfibio).
Usando a tecnoloxía de rodaxe submarina máis moderna, a historia narrará as aventuras dun neno chamado Ichtiandr cuxo pai, un inventor e científico, faille un transplante para lle salvar a vida, implantándolle galadas de quenlla. O experimento resulta ser un éxito pero limitará seriamente a capacidade do rapaz para interactuar co mundo fóra do seu ambiente oceánico. Le máis deste artigo »