culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de: Xavier Sanmartín

Publicado o 02 Ago 2002

Xornalista especializado no eido musical, Xavier Sanmartín fai unha activa defensa da música independente e dos grupos galegos de tódolos estilos desde a revista electrónica La Ganzúa que dirixe e o programa do mesmo nome que dirixe e presenta en radio Obradoiro

El defínese como “xornalista por paixón e cu quente por filosofía”. Xavier Sanmartín non naceu en Galicia que naceu no País Vasco, pero pola súa implicación na vida -sobre todo musical- da comunidade xa é un galego compostelán máis desde hai moito tempo. Desde as ondas no seu programa La Ganzúa, da emisora compostelá Radio Obradoiro, desde a rede no revista musical do mesmo nome, e desde as páxinas de El Correo Gallego e O Correo Galego diríxese desde hai anos ó público traendo as crónicas e comentarios sobre a actualidade musical sempre cunha óptica de análise, crítica e reivindicación dos círculos independentes e menos apoiados da música. Polo seu programa de radio levan pasado nos catro anos que leva no aire uns catrocentos grupos galegos, unha aposta que tamén se reflicte no apoio á independencia musical fronte ás discográficas e unha oposición ás actuais teses da Sociedad General de Autores y Editores. A recente campaña do 2º Día da Música Independente no pasado 11 de xuño tivo, segundo Xavier, unha espectacular acollida, de tal xeito que a páxina web feita para ela (www.musicaindependiente.org) chegou a ter nun só día 15.607 visitas.

Xavier diversifica a súa actividade a tódolos campos da creación e da comunicación que pode, “fago relatos, curtas, guións de tele, de cómics, música, teatro e tamén teño feito MOITO o ridículo, pero sempre… sen subvencións”. Desde xuño coordina, “(des)fago de coordinador”, di el, do I Taller de radio da emisora Radio Obradoiro. Xunto a Marisol Blanco dirixe a revista musical La Ganzúa.net que ten unhas seiscentas visitas diarias logo de sete meses na rede. A revista insírese no formato do ezine, o magazine electrónico, e está editada pola Asociación Cultural Sempre Cine, sen axudas nin subvencións ningunhas. A través dela tamén fan coloquios e organizan proxeccións, aparte de botar unha man nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, as Xociviga.
Entre os seus proxectos máis recentes está a elaboración dunha “modesta antirrevista” de nome Agata para a que conta coa colaboración de Marisol Blanco, Jesús Cortiñas “e outros elementos politicamente incorrectos”. Do resto dos seus proxectos Sanmartín prefire non falar moito, “son dos do movemento pero andando, ¡Hai moito berro de máis nestes tempos!”

La Ganzúa.Net

http://www.internautas.org
Aínda que non queiran algúns, os internautas temos dereitos e nesta web falan deles e de cousas que case que ninguén publica . Deseño mellorable pero textos interesantes.
http://www.maestrosdelweb.com
Obrigada para dúbidas de webmasters veteráns e novos . Moi participativa, seria, eficaz.
http://www.lared102.tk
Web dos rapaces do Taller de Radio Obradoiro, falan de hackers , proba de que a nova xeración xa ten no ordenador un medio se non un fin.

http://www.cineclubpontevedra.com

Son dos poucos colectivos audiovisuais de Galicia que entenden que internet é un boa xeito de comunicar o que son e o que fan.
http://www.sinsalaudio.com
Site dun colectivo de música electrónica e galaxias na onda do Sonar. Dende Vigo proban que en Galicia tamén hai webs de bo deseño.
http://www.bilbao.net/
A terra de un tira moito. Mal deseño pero… moi boa xente.
http:/www.vitoria-gasteiz.org
Non é porque sexa da terra e porque aínda que sexa raro tratase dunha web institucional cunha imaxe gráfica moi lograda, ten moitos premios.
http:/www.musicanueva.com
Web galega de representación de grupos e artistas que soan pouco aínda que teñen moito, caso do cantautor Alberto Vizcaíno, escoita o seu mp3 e ti mesmo/a.