culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de María Yañez

Publicado o 14 Ago 2002

Ela definese como porteira por ser a encargada de manter coordinar os contidos do portal Bravú.net, unha plataforma na que leva desde a primaveira do 2001 dándolle un novo ar á Internet galega. Esta xornalista lucense de neuronas axitadas, que de maior quere montar unha revista tipo Cosmopolitan pero para mulleres nacionalistas comparte con Culturagalega.org as súas páxinas web preferidas.

Desde a súa aparición na primavera do ano 2001 o portal Bravú.Net ven sendo un dos catalizadores da cultura galega máis alternativa e activa. Case todos os que pasaron por esta sección coincidiron en sinalalo como unha das súas páxinas web favoritas, convertindoo así nun dos medios de referencia do noso país. O que moitos non coñecen é a xente que está detrás de Bravú, facendo que se actualice “cando se precisa” como di no seu lema. María Yañez é a persoa que leva aí desde os comezos coordinando e elaborando os contidos. Esta luguesa “queixase” de ter dedicado catro anos da súa vida a estudiar xornalismo en Santiago para logo rematar traballando de porteira, claro que que cando o portal se chama Bravú.Net a cousa non semella ser tan mala.

Ademais de este traballo como “porteira virtual” María traballa dun tempo a esta parte no departamento de desenvolvemento de proxectos da productora Continental, facendo un pouco de todo e preparando varias cousas para o audiovisual das que de momento prefire non falar moito pero das que de seguro que teremos novas próximamente. A creatividade desta xornalista xa pasou por outros traballos anteriores ed no seu curriculum , “ridiculum vitae” segundo ela, aparecen nomes como o de outro portal de referencia “Vieiros” e o xornal da súa cidade na tal, “El Progreso” de Lugo, “medios que consulto a diario con cariño e interese”, asegura María. Esa creatividade levaa a axitar as súas neuronas en tódolos proxectos que poida, ela di que o que quere facer de maior é “montar un bar ou unha revista feminina tipo Cosmopolitan para mulleres nacionalistas”, aínda que cando o pensa un pouco esta última parécelle unha idea pelegrina e opta polo de montar un bar,”definitivamente, creo que é mellor idea”, di ela.

María di que usa Internet “máis do que debera”, xa que ten que usalo para o seu traballo necesariamente e ademais para outras cousas que ela enumera “Para que me manden correos que logo esquezo contestar, para buscar teléfonos (moito mellor que o 1003), para baixar música polo morro (un minuto de silencio por Audiogalaxy), para ler a prensa, para rajar nos foros baixo múltiples seudónimos, para falar polo messenger con outros sufridos colegas de profesión… Cando teño tempo gústame perderme a ver qué se atopa de novo por aí, pero estas navegacións sen rumbo cada vez son máis frustrantes. Desde que se inventou a tarifa plana ten menos gracia perder o tempo en internet. ” A de María Yañez é toda unha personalidade chea de imaxinación e retranca que de seguro que dará moito que falar no futuro, ademais do que da hoxe xa.

http://www.bravu.net/
Para seguir alimentando esa fabulosa estatística que nos coloca como unha das webs galegas máis citadas nesta sección.

http:www.vieiros.com/
Non debera, porque van por diante nosa no ranking de Favoritos, pero faltaría a verdade se non os incluíse nesta lista.
http://www.obadulaque.com/
Creada por unha panda de lugueses inmaduros, os contidos son moi simpáticos, anque se bota de menos que se actualice un pouco máis. Creo que tiñan pensado sacar versión en papel, así que atentos.
http://www.moskas.com/
Outra web de contra-información luguesa, bastante completa se queres estar ao tanto do que se coce pola cidade, que é máis do que parece.
http://www.discohermo.com
A páxina da discoteca do meu pueblo, Muimenta. Aspetacular donde las haiga (a páxina e a discoteca).
http://contracultura.8m.com/
Webzine creado por uns rapaces de Zaragoza. Levan dende 1995, así que foi unha das primeiras páxinas que apuntei como “favoritos” e unha das razóns polas que fixen da Rede un bo surtidor de pienso neuronal.
http://xcastro.com/portera.html/
“Diccionario de burradas”, feito por un galego que vive en Madrid e, á parte de ser lingüista, debe estar ben desocupado. Algunhas perlas verídicas: “He perdido la loción del tiempo”, “debemos limar las perezas” ou “vete a freír gárgaras”. Para botar unhas risas.
(Este favorito dedícollo a meu avó Manuel q.e.p.d., fonte inesgotable de burradas lingüísticas.)
http://www.cs.virginia.edu/oracle/
O xogo de Kevin Bacon. Outra para desocupados. Un experimento que fixeron uns estudiantes ianquis para demostrar que todos os actores e directores de cine do planeta están conectados entre sí con menos de seis graos de separación. Probade con actores galegos (por exemplo Vidal Bolaño e Traci Lords) é moi divertido.
http://www.infimos.net/
A páxina de relatos ínfimos do camarada Jaureguizar, onde calquera pode mandar o seu contiño coma quen manda un SMS.
http://www.elprogreso.es/
Versión dixital do Diario de Lugo y su provincia. Consúltoo a diario, o único malo é que aínda non trasladaron as esquelas a internet, o que fai que lle siga botando un ollo á versión en papel sempre que podo.
http://www.magoanton.com/
Xunto co seu boneco Facundo, un ídolo da miña infancia, nos tempos do tripartito, que agora ten montado o chiringo en internet.