culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Xulio Villarino

Publicado o 23 Ago 2002

Xulio Villarino é un reporteiro gráfico ó que lle gusta estar no ollo do furacán para velo todo a través do obxectivo da súa cámara. Seguindo as súas indicacións de seguro que atoparás algún lugar interesante en Internet

Xulio Villarino é unha desas mentes que nunca deixan de pensar en imaxes, unha desas cámaras que non descansan nin en vacacións. Acaba de rematar unha reportaxe sobre a comunidade caboverdiana asentada en Galicia, e xa prepara outra sobre “As bacanais do viño”, outra sobre as Illas Atlánticas e unha exposición sobre a segunda intifada en Palestina. Naceu cunha cámara nas mans, co que ser reporteiro gráfico é máis que unha profesión, é unha forma de vida. Xulio Vilarino (Fazouro, Foz, 1969) lucense de nacemento e coruñés de devoción é quen de recoñecerse nas súas fotografías. Pero non por estar diante dos obxectivos, senón por detrás, ese ollo e esas mans que selecionan encadres, e dirixen a súa mirada cara un mundo en milímetros.

Con 16 anos apadriñou a súa cámara, no 1993 comezou a súa carreira como fotoxornalista e desde o 2001 faino pero sen pai e sen titor, de xeito independente. De La Voz de Galicia, onde deu os seus primeiros pasos, pasou á Axencia Contacto de Madrid, que é quen se encarga de distribuir as súas reportaxes de producción propia, ó mesmo tempo que reparte esforzos e fotos con El País Semanal, El Semanal e quen llas encargue.

Luis Kasado (1998), Fuji Europress Photo Awards (na fase española 1999 e mención de honra na dese mesmo ano), finalista Injuve (1999), finalista Kuis Valtueña (2000 e 2001), Premio Ortega y Gasset (2000) son algús dos premios que avalan o seu xeito de usar o obxectivo da cámara para entender o mundo.

Villarino e a Internet son un bo complemento, case, case unha boa conxunción. Villarino usa a Internet para documentarse, e a Internet usa a Villarino (na súa propia páxina: http://www.xuliovillarino.com) para vender e ofrecer información sobre Galicia. Ambos dous son parte dunha mesma realidade: a da fotografía.

http://www.magnumphotos.com/
Para ver os traballos dalgúns dos que eu considero mellores contadores de historias (en fotos) do mundo. Para comprar libros e tamén unha boa páxina para iniciarse no coleccionismo de fotografía
http:www.phaidon.com/
Unha das mellores librerías da rede para comprar libros de fotografía. Pode ser máis barato incluso que compralos en librerías españolas (alucinante pero certo)
http://www.gettyimages.com/
Para seguir de forma gráfica a actualidade do que ocorre no mundo. Cada pouco tempo actualízanse as imaxes que os fotógrafos envían á central. Trátanse en profundidade temas específicos como a guerra palestino-israelí ou Afganistan, por citar dous exemplos.
http://www.elpais.es
Supoño que sobran as palabras. Para min a páxina de referencia para enterarme do que ocorre no mundo.