culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de Santi Prego

Publicado o 13 Set 2002

Actor recoñecible en moitas produccións audiovisuais e habitante dos escenarios por natureza, Santi Prego chega tarde a cear por estar nevegando en Internet. Coñece aquí as páxinas que visita e os proxectos presentes e futuros que ten en teatro, cine ou como contacontos.


É Santi Prego un dos actores actualmente máis en alza do panorama audiovisual. Fundador das compañías teatrais Olllomol- Teatro submarino e Ollomol Tranvía, Prego ven desenvolvendo desde o ano 1987 a súa traxectoria como actor de teatro, cine e televisión, esta traxectoria foi recoñecida co premio ao mellor actor na categoría de cine nos festivais de curtametraxes de Alcalá de Henares e Zaragoza no ano 2001 e tamén estivo entre os elixidos para optar ó galardón ó mellor actor dos Premios AGAPI pola súa magnífica interpretación na curtametraxe “O río ten mans” ( Beatriz del Monte, 2000 ). Recentemente tamén o puidemos ver en papeis de cine en “O alquimista impaciente” de Patricia Ferreira e pronto poderemos velo nas produccións “O lápiz do carpinteiro, de Antón Reixa, “Ilegal” de Ignacio Vilar, “Ollos que non ven” producción peruana de Pancho Lombardi e a película para TV “Secuestrados en Georgia” de Gustavo Balza que se programará pronto en Tele 5. Fala do futuro con sixilo porque está pendente dunha película en Galicia da que non quere falar ata que asine o contrato xa que desde o seu punto de vista de artista iso “trae mala sorte”.

Pesia todo este trasfego audiovisual Prego non perde o contacto cos escenarios teatrais. No futuro actuará en”Reis e Bufóns” de Ollomoltranvía, dirixido por Cándido Pazó sobre textos de Shakespeare e agora mesmo ven de estrear “Tres notas” de José Prieto na Compañía Bucanero, espectáculo onde ademais de interpretar tamén dirixe, unha obra na que se inclúen a interpretación musical con sete cancións “a capella” cantadas polos propios actores. Taménn segue coas representación de “Monólogo do imbecil” ca compañía Santi Prego, “a única compañía de Teatro en Galicia -asegura Prego- na que tódolos seus membros profésanse mutuo respecto e admiración”. Mentres grava novos capítulos para a serie Rías Baixas está tamén traballando nas súa faceta de contacontos para os cursos de español como lingua estranxeira na Universidade de Santiago, unha actividade que le serve como entrenamento para unha futura xira de contacontos por Europa adiante.

Santi usa a cotío Internet para consultar o seu correo e semella ser un adiantado navegante da rede. Antes de desplazarse para unha viaxe sempre consulta antes os portais relativos ó país ou cidade á que vai. Nembargantes e co seu senso do humor habitual, prefire non recomendarllo a ninguén xa que, segundo el, “gasta teléfono, impídeche facer os sempre adiados arquivos de Access dos teus CDs, dos teus libros e das túas receitas de cociña, poste de mala hostia porque perdes sempre nos xogos, e vai lento, e cólgase, e a familia non para de berrarche que baixes dunha puñeteira vez a cear”.

http://www.iceblox.com
As veces navego por páxinas de xogos vellos, e reláxome matando bechos (en realidade máis ben remato poñéndome nervioso.
http://www.google.com
Para atopar cousas
http://www.vieiros.com
Entro nos portais galegos, Culturagalega.org e Vieiros
http://www.ikea.es
Ultimamente entrei bastante en Ikea (o hiper de mobles de Madrid) antes de ir alí a comprar
http://www.iberia.es
Para sacar billetes de avión baratos
http://www.aadteg.com
Visito a Asociación de Actores para ver a miña foto no catálogo de casting, comprobar que ainda sigue alí, e de paso aumentar o número de visitas (por vinte mil visitas danche un secundario de tres sesións en “Cuéntame” facendo de taxista galego).
http://www.perseus.tufts.edu/
Un portal especializado de cultura greco-latina
http://www.disney.com
Pola miña filla (ten sete anos)