culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de Alberto Bundi e a Turma angolo-galega

Publicado o 27 Set 2002

Do encontro entre un músico angoleño e un grupo de músicos galegos xurdiu unha das formacións máis chamativas do panorama actual. Alberto Bundi e a Turma angolo-galega (ou galaica, a saber…) levan consigo unha mestura de optimismo e denuncia da situación que se vive en África. Unha conexión afro-galega pouco usual e moi enriquecedora tanto no musical como mesmo na rede.


Cando Manu Chao reuniu en Lalín a máis de dez mil persoas nun concerto, a moitos dos asistentes non lles resultaba coñecido o grupo teloneiro pero esa sorpresas resultou ser moi grata xa que Alberto Bundi e a Turma angolo galega conseguiron animar a trasladar a súa alegría vital a todo o público cos seus ritmos afro-galegos e o seu “grito de guerra” e declaración de intencións. “Alegría sim, tristeza nâo” que pronto corearon os miles de persoas reunidas no campo de fútbol lalinense. Pero antes de esta actuación xa levaba tempo esta simpática formación dando concertos por toda Galicia. A fusión de ritmos e culturas, a súa particular característica, ven dada polo encontro dun músico angoleño, Alberto Manuel Lôpes cun fato de músico galegos. Alberto Manuel, de nome artístico Alberto Bundi, chegou a Europa a mediados da década dos noventa procedente da súa Angola natal. Despois de percorrer Portugal establécese en Vigo, onde continúa tocando en locais na súa teima de chegar ao público coa súa música e mensaxe. Con motivo dunha reportaxe sobre africanos en Europa desprázase á Coruña onde entra en contacto con músicos galegos do grupo “Os Papaqueixos”, deste encontro xurde o proxecto que os levará, coa incorporación de outros músicos, a formar o actual grupo.

O grupo ven de rematar a súa recente xira de verán por Galicia, na que non pararon de ofrecer actuacións por todas partes, levando as súas ganas de divertirse e as súas mensaxes de denuncia e optimismo a escenarios moi diversos, eles gardan gran recordo de sitios como o Festigal de Compostela ou os festivas de Pardiñas en Guitiriz e o Ponte Louco de Castro Caldelas. Agora van escomezar unha nova etapa, xa que o compositor guitarra e cantante, Alberto Bundi, vai deixar a súa residencia en Tomiño para instalarse en Abegondo, achegándose así ó resto dos músicos da banda, o que posibilitará que traballen máis fondamente no seu próximo traballo discográfico, un disco que resumirá a súa traxectoria dos dous últimos anos, traballo para o que van comezar a ensaiar arreo e a preparar os arranxos para conseguir eses son que os fai tan especiais e que só pode saír da fusión de culturas musicais coa que eles achegan Angola e Galicia.

Alberto e a Turma, representados polo baixista Antón Díaz que é o que se achega máis ós ordenadores., usan moito da rede como instrumento de traballo ineludible hoxe en día. Eles declaran que lles resulta moi útil para os contactos cos festivais e productoras artísticas, “para que nos poidan escoitar en mp3 e que teñen algo de información nosa”, aseguran Antón, “ou no eido máis técnico para mandar información a organizadores de concertos” como o plano do escenario ou a disposición dos equipos, “afórranos moitísimo traballo”, asegura Antón.

http://www.musicasdelmundo.org
Páxinas moi completiñas sobre música de raíz e música africán en particular, que é o que nos gusta…
http://www.nubenegra.com
Páxinas moi completiñas sobre música de raíz e música africán en particular, que é o que nos gusta…
http://www.vieiros.com
A información galega e en galego necesaria
http://www.bravu.net
Revista cultural e moderna na rede, e feita en galego.
http://www.ciberirmandade.org
A ciber Irmandade da Fala, unha páxina ciber-galeguista