culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de Kiko Paz Antón

Publicado o 18 Out 2002

Músico e pintor, Kiko Paz Antón desenvolve o seu traballo actuando xunto o seu grupo Na Lúa, expoñendo as súas obras de arte, e investigando sobre o folclore e a tradición. Unha persoa en constante actividade cultural que percorre algúns sitios moi especiais da rede, recunchos cibernéticos nos que nos introduce ó mesmo tempo que nos conta os seus proxectos máis interesantes.

Kiko Paz Antón ten dous xeitos de expresarse artisticamente. por un lado a pintura e polo outro a música. Tocando a guitarra e o laude, Kiko tamén canta co seu grupo Na Lúa co que cumpriu recentemente os vinte anos de actividade musical, o disco "As fases de Na Lúa" (BOA, 2001) conmemorou ese importante aniversario e completou unha discografía de sete traballos que conforman unha referencia ineludible do folk galego. Agora mesmo o grupo está a descansar despois dos concertos de verán, pero Kiko aproveita para dedicar o tempo á pintura é ten agora mesmo unha exposición en curso, coa que xunta as súas dúas actividades baixo o título "Músicos en pinturas", e que está colgada ata o 18 de outubro na galería Triquel Medulio de Tui.

Entre os proxectos que Kiko ten entre mans actualmente está a gravación dun disco-libro no que musicaliza os textos do libro do poeta Manuel Antonio "De catro a catro". Neste proxecto, do que afirma ter xa gravado o cincuenta por cento, estivo durante anos traballando e actualmente está na fase de conseguir un acordo para a súa edición finalizar a producción, unha busca que el recoñece como nada doada "na actual crise das compañías discográficas".

A máis longo prazo o artista tamén ten previsto editar unha investigación sobre a súa comarca, a Louriña, traballo para o que leva xa tempo na procura de documentación en arquivos e hemerotecas, e facendo recollidas de campo, ou investigando a iconografía.

Como navegante Kiko Paz recoñece que comezou a asomarse a Internet co animo de investigar, "é unha marabillosa ferramenta para botar a andar na localización de fontes e bibliografía", mesmo usou Culturagalega.org como fonte de material para o seu traballo investigador e a través do Concurso de Tradición Oral "A palabra no tempo" chegou a coñecer a un grupo de xente "mozas e mozos, moi novos, que se inician na temática da tradición oral". Kiko tamén usa do correo electrónico e as veces gusta de pasar o tempo entrando no foro de Porriño, do que di que "é moi interesante e divertido aínda que en clave eminentemente local".

 

 
http://perso.club-internet.fr/brassy/PartMed/Cantigas/CSMIDI.html
Poder achegarse a tódalas Cantigas de Santa María de Alfonso X e poder escoitalas, aínda que sexa en midi, ¿non é milagreiro?
http://www.cartah.washington.edu/romance/indexEspanol.htm
Nesta páxina dunha universidade norteamericana atopeiu romance recollido nun lugar que dista 5 km da miña casa. Quedei abraiado coa compilación do romanceiro galego que presenta.
http://www.ravachol.org
Unha páxina sobre música galega que ven a sumarse a Ghastas pista?, Gómez Mouro e outras. Leva o nome do famoso loro de Perfecto feijoo, o fundador de Aires da Terra.
http://www.ctv.es/USERS/mforca/
Literatura na rede. Gosto moito da páxina de Manuel Forcadela, tanto polos contidos como polo concepto.
http://www.juliopereira.pt/
Esta páxina é un luxo, e nela participa o músico portugués cunha das súas afeccións: a fotografía e o seu tratamento dixital. O seu último disco "Rituais", a biografía, un mapa etnográfico de Portugal e moita información máis… todo elaborado cun coidado deseño. Como a súa música.