|

Carlos Beceiro leva desde o ano 1987 formando parte dun dos grupos de música folk e tradicional máis importantes de España. “La Musgaña” é xa un referente para aqueles públicos interesados nas “músicas do mundo” e xa percorreu os escenarios de África, Europa e América, atrás quedaron as épocas nas que o grupo tiña que tocar na rúa para poder financiarse. Hoxe en día o seu bo facer e a frescura e creatividade coas que renovaron a música tradicional da península ibérica son galardóns que crítica e público lles outorgan sen discusión.
Beceiro, natural da localidade coruñesa de Narón, iniciou o seu contacto coa música a finais dos anos setenta, coincidindo co auxe do folk. Influído polos grupos que ían pasando polo festival de Ortigueira comezou a tocar a gaita aínda que pronto pasou a preferir os instrumentos de corda polos que hoxe é coñecido como instrumentista magistral. A cítara, a viola, a zanfona ou o baixo son instrumentos que Carlos domina perfectamente e cos que colabora con Carlos Núñez, Baldo Martínez, Dulce Pontes, Javier Paxariño ou Kepa Junkera entre outros. Beceiro compaxina a súa faceta de instrumentista coa actividade docente como profesor de baixo eléctrico na Escola Municipal de Música de Alcobendas e ten publicado un disco en solitario “Fábricas de sons”(1997) baseado en temas tradicionais galegos.
Agora Carlos ven de rematar a xira de La Musgaña por Túnez, Marrocos e México e a gravación dun disco colectivo de zanfona e o de Javier paxariño “Ouroboros”. Entre os seus proxectos futuros está a gravación dun novo disco co grupo, de título Transibérica, dar algún concertos acompañando a Javier Paxariño e rematar outros discos que ten comezados e que contribuirán a ampliar a súa discografía coa Musgaña, que comezou coa gravación de El Diablo Cojuelo en 1988, para despois triunfar na Mostra Nacional de Folk para Jóvenes Intérpretes celebrada en Santiago de Compostela e gravar o disco El paso de la Estantigua (1989) baixo o selo de RTVE. Outros tres discos, ioncluído o seu directo de décimo aniversario, constitúen a discografía deste grupo respetado e querido alí onde vai.
Internet é un medio de comunicación e unha ferramenta que para un músico sen límites como Beceiro antóllase perfecta. Carlos mantén dúas páxinas na rede, a súa própia - http://perso.wanadoo.es/cythara/ - con toda a información sobre a súa persoa e mesmo algún arquivos para escoitar, e a de La Musgaña - http://www.lamusgana.com - de obrigada visita para todos os afeccionados. Ademais o músico tamén aproveita as vantaxes do correo electrónico para manter bo contacto cos amigos.
|