culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de Alberte Permuy

Publicado o 20 Dec 2002

Desde o seu estudio en Santiago Alberte Permuy leva máis de vinte anos deseñando os símbolos da Galicia moderna. A súa creatividade e traballo colócano no podio dos mellores especialistas en deseño gráfico de España. ´Permuy invítanos agora a percorrer a rede da súa man e descubrir algúns dos mellores sitios sobre deseño.


Poida que haxa moita xente á que o nome de Alberte Permuy non lles diga nada, pero case todos poderán ter del un referente se lles dicimos que do seu estudio de deseño saíron logotipos tan famosos como o que identifica as identidades corporativas do Concello de Santiago, do Xacobeo ou da Orquestra Sinfónica de Galicia, entre outros, de feito ó seu estudio se lle debe a tipografía inspirada nos petroglifos que identifica a Galicia na publicidade promocional que a Xunta usa na súa publicidade turística. Estes símbolos comunicativos, recoñecibles pola ampla maioría da poboación son froito dun traballo de deseño que Alberte ven desempeñando desde fai máis de vinte anos. Permuy está recoñecido como unha das grandes figuras do deseño gráfico de España e a súa actitude de compromiso cultural coa identidade galega ven acompañando desde os principios o seu traballo. O seu estudio situado en Santiago desde 1983 rompeu o eixo Madrid - Barcelona de exclusividade na vangarda do deseño e situou na capital galega un novo referente deste sector a medio camiño entre a comunicación e a arte.

Alberte Permuy (Fene, 1955) comezou a súa andaina profesional en Barcelona, cidade na que estudiou deseño gráfico, en 1977, para despois trasladarse a Galicia instalando o seu estudio en Santiago en 1983, que despois convertería na empresa Permuy Asociados S.A. en 1992 onde, cun equipo multidisciplinar de deseñadores realiza proxectos integrais de comunicación visual, sendo as súas principais áreas de actividade a identidade corporativa, o deseño de marcas e logotipos, o deseño editorial, empresarial e institucional. Permuy, vencellado a través do deseño coas institucións autonómicas, participou desde os primeiros pasos do goberno autonómico nese proceso social de construcción do país aportando a creación de imaxes de identidade para as institucións e campañas de comunicación, sempre desde o seu criterio creador cheo de connotacións culturais da tradición galega co que conseguiu dar un lugar a esa tradición dentro dun proceso de modernización social. Sen dúbida Alberte é un dos responsables dese logro no país, ademais de converterse nun referente do deseño gráfico en Galicia e no resto de España. Seguindo nesa liña coa que leva máis de vinte anos de bo traballo agora mesmo Permuy ven de realizar un novo deseño de imaxe corporativa para empresa. Esta vez desde o marco do Plan Pyme da Sociedad Estatal para el Desarrollo del Diseño y la Innovación - DDI, un plan piloto que se está a realizar en catro comunidades autónomas e que pretende facer un labor de promoción do deseño entre as pequenas empresas, divulgando a súa importancia na xestión empresarial e a súa accesibilidade para as pequenas compañías. A través deste programa 25 empresas seleccionadas de cada comunidade reciben os servicios dun deseñador que analiza as súas necesidades en materia de deseño e procede a realizar os cambios que estima precisos. No caso de Permuy a empresa que lle foi asignada é unha firma de montaxes eléctricos de Santiago, CYMEL S. L. Despois desta experiencia Permuy está preparando unha obra que incluirase na exposición “Arte=Diseño=Arte” que organiza a Diputación de Zaragoza e que se presentará en febreiro e marzo do 2003. Non é esta aprimeira vez que Permuy ve as súas obras colocadas en exposicións ou galerías, con anterioridade ten participado de outras moitas mostras desde Berlín ata Vilanova da Cerveira con ocasión de exposicións de deseño galego, español ou europeo.

Atento ás tendencias máis vangardistas Permuy mantén na rede unha páxina de experimentación multimedia (http://www.albertepermuy.com) que forma parte do seu deambular nas discutidas fronteiras entre arte e deseño. Periodicamente actualizada con novas obras esta páxina web realizada en colaboración con Amaia Torre de Órbita Multimedia (http://orbitamultimedia.com) contén animacións e obras interactivas realizadas en Flash. A páxina foi seleccionada para a exposición “Pasión. Diseño español”, Berlín e Salamanca 2002.

http://www.designmp.com
Design Meeting Point é un portal temático feito desde Barcelona que abarca os diferentes ámbitos do deseño: non só deseño gráfico, senón tamén industrial, de interiores…
Posúe un bo directorio de profesionais, escolas, publicacións; unha galería virtual de productos de diferentes marcas e o magazine: unha publicación con artigos sobre profesionales, tendencias e toda clase de noticias.
Tamén ten un gran taboleiro de anuncios virtual para poñer en contacto ós profesionais, as empresas e os visitantes.

http://www.designmuseum.org
É a páxina oficial do Museo do Deseño de Londres.

Podemos atopar a reseña das exposicións permanentes dos fondos do Museo, sobre exposicións temporais.
Unha relación dos diferentes movementos do deseño, deseñadores, arquitectos… cunha información moi ben elaborada polo propio Museo (biografía, galería de traballos e mesmo bibliografía extensa sobre cada un deles).

http://www.zkm.de
Centro alemán de arte multimedia
Máis que a visita virtual, quixera recomendar a visita in situ do Museo, enclavado na cidade de Karlsruhe (estado de Baden) no noroeste de Alemaña.
A páxina contén información sobre a exposición permanente de arte interactiva, sobre a programación de exposicións temporais, sobre os proxectos do Centro. Tamén ten un profuso directorio de artistas e deseñadores multimedia, teóricos da arte dixital con exemplos seus traballos, textos teóricos e reseñas de prensa.
http://aleph-arts.org
Revista de net-art dirixida polo teórico José Luis Brea.
Exemplos de traballos de artistas dixitais que realizan “arte de rede” (net-art), importantes colaboracións de teóricos e un apartado de crítica.
Podemos atopar reflexións sobre este novo soporte artístico, no que se modifican aspectos como: a autoría, o coleccionismo, a conservación ou a comercialización ou mesmo o traballo do comisario artístico…
É importante ter clara a diferencia entre:
1. “arte na rede”. Obra concibida normalmente noutro medio no que a Internet actúa soamente como medio de difusión ou exhibición.

2. “arte de rede” (net-art). Utiliza a Internet ou o seu contido como base da obra de arte e busca que o feito artístico se fundamente no feito mesmo da comunicación entre grupos cultural e profesionalmente diversos.

http://www.aec.at
Ars Electronica Center

Páxina oficial do Festival de arte electrónica de Linz (Austria)

http://www.mecad.org
Ten información sobre os cursos e actividades organizados polo MECAD e pola Escola Superior de Disseny (ESDI) que ofrece, desde 1998, unha titulación superior en Arte Electrónica e Deseño Dixital nos eidos audiovisuais, os multimedia, a imaxe digital e as redes de telecomunicación.