Os favoritos de José Antonio Cidre
José Antonio Cidre creou e mantén na rede desde 1997 un sitio de referencia sobre a arquitectura galega. Co seu traballo desinteresado tamén contribúe a unha maior normalización do idioma nas aplicación informáticas. Bo coñecedor da rede guíanos por moitos recunchos interesantes.
José Antonio Cidre Bardelás comezou en 1997, “cando isto da Internet era algo estraño”, co seu proxecto de crear un sitio web que servise de referencia sobre a arquitectura feita en Galicia, deste xeito comezou a xestación do Sitio da Arquitectura Galega na Rede, http://www.arquitecturagalega.net.
O seu proxecto inclúe unha Historia da Arquitectura Galega e un Dicionario Interactivo de Arquitectura e Construción, ademais de estudos e documentos sobre o tema. Actualmente está preparando unha revisión do sitio tanto no que respecta ó seu aspecto visual como na inclusión de novos contidos de investigación ou ensaio e ampliación dos xa existentes “como por exemplo a hipótese sobre a posibilidade da existencia dun recinto romano urbano en Vigo que puidera descarta-la posibilidade dun Vicus illado tal e como se cre hoxendía”.
José Antonio, que está no proceso de rematar o Proxecto Final de Carreira na Escola de Arquitectura de Barcelona, tamén traballa arreo e desinteresadamente na normalización do uso do galego na informática coa CiberIrmandade da Fala participando na tradución ao galego de aplicacións informáticas de uso común e avanzado. E, xa un pouco fóra do ámbito da Internet “ainda que relacionado coas páxinas de Arquitectura Galega, pois as conclusións seguramente rematarán publicadas alí” está metido no tema de análise urbana e arquitectónica, facendo uso de procesos utilizados na Escola de Arquitectura de Barcelona e que, segundo el, “poderían ser de perfecta aplicación na Galiza co obxectivo de reparar o estado actual urbanístico e arquitectónico pero que polo de agora (polo que eu sei) non son nin sequera coñecidos”.
José Antonio recomenda visitar:
www.ciberirmandade.org
A CiberIrmandade da Fala. Unha das miñas visitas habituais por mor de colaborar e afouta-la súa presenza e traballo pola Cultura e Idioma galegos na Rede.
www.jacana.org.uk/pattern/
Os patrós de Cristopher Alexander procuran unha humanización da Arquitectura e do Urbanismo. É curioso ver como a meirande parte diles pódense aplicar na Galiza nun senso totalmente práctico.
http://www.tdx.cesca.es/
O Servidor de Tesis Doctorals en Xarxa –Teses Doctorais en Rede– ofrece unha base de datos impresionante con teses de multitude de autores e temas. Imprescindible pra @s investigador@s.
www.udc.es/dep/com/gallego/index.html
O Departamento de Composición da Escola de Arquitectura da Cruña ofrécenos unha síntese de estilos arquitectónicos e edificios senlleiros galegos. Pra aprender en pouco tempo.
www.usc.es/observa/
O Observatorio Virtual do Patrimonio de Galicia tenta levar a cabo un traballo necesario na promoción e conservación do Patrimonio galego, amenazado decote e en vías de desaparición a pesares de que “todo o mundo” quere conservalo.
www.cirp.es/cdn/cfg/cfg.html
A fraseoloxía dun idioma é unha das súas características máis identificatorias. O galego está a perdela, nun proceso que se pode revertir grazas a traballos como o do Centro de Investigación Ramón Piñeiro que ofrece aiquí uns cadernos de fraseoloxía galega imprescindibles.
http://www.concellodesandias.com
Unha iniciativa exemplar cunha chea de información de todo tipo sobre o Concello de Sandiás. Góstame especialmente o apartado de Lendas.
www.galizaweb.net/historia/index.php
Calquera cousa que procuremos da Historia galega podemos atopala aiquí en forma de ligazós. Traballo titánico…
www.museocastelao.org
A pesares de que a criatura non medrou dende que naceu ven sendo como botar un ollo ás obras completas de Castelao. Coido que habería que darlle pulo entre todos e podería se-la referencia indispensable do futuro.
www.galespa.com.ar/
Artigo ou artigos encol das orixes da Galiza escritos por Marcelino Somoza Sánchez, dentro dun entorno, o de Galicia Espallada, que tamén paga a pena recorrer.
www.karlosnet.com
Xa pra rematar. Pra quen lle goste a cociña é punto de referencia, a pesares da cantidade de publicidade que hai que aturar…


RSS