Os favoritos de Franck Meyer
Coa literatura como material esencial de traballo o xermano-francés de nacemento e galego de adopción Franck Meyer abre espazos literarios desde a súa propia empresa editorial, desde a escrita de poesía, desde a tradución ou desde calquera outra parte. Nacido na fronteira en Alemaña e Francia o seu devir vital profesional situouno a cabalo entre Galicia e Alemaña. Franck comparte con nós os seus sitios favoritos da Internet.

O destino e a casualidade aliáronse para que o alemán Franck Meyer (1968) viñese caer en Galicia co seu proxecto vital e profesional. Alemán de nacemento, Franck chegou a Santiago, como moitos, pola Universidade. Estudantes de Filoloxía Hispánica e Francesa e Ciencias Económicas nesta universidade e na de Tréveris (Alemaña), traballou no Centro de Documentación de Galicia da Universidade de Tréveris e foi coordinador da revista Galicien Magazin, órgano oficial da Sociedade Galego-Alemana. Tradutor, investigador e poeta en lingua galega, Franck enténdese como activista cultural e, despois de pasar pola experiencia laboral de ser editor e xefe de comunicación en Editorial Galaxia, desde o ano 2002 leva o temón da súa propia editorial, francka editora.
Recentemente participou como xurado no certame literario Premio Terra de Melide e agora está traballando na publicación da obra premiada, “Os pecados capitais” de Francisco Vidal. Tamén está preparando unha tradución da novela dun autor galego ao alemán, na súa procura de abrir espazos para a literatura, e non deixa de traballar a súa faceta de escritor xa que “sempre hai algún poema que queira ser escrito”, segundo el. Alén da literatura, acaba de gravar un par de programas de música varia para Radio Ecca (Vigo).
Franck recomenda visitar:
www.lemonde.fr
Información profunda, boa e ben documentada tanto de Francia como do mundo enteiro. Non fai falta dicir que é un dos mellores xornais do mundo.
www.spiegel.de
Probablemente o mellor que hai en canto páxina de noticias do ámbito de lingua alemana. Versión dixital dun magazine político creado en 1948. Ofrece algúns artigos tamén en inglés.
www.laut.de
Páxina con ampla información sobre intérpretes e grupos de música de Alemaña, inclúe reseñas de discos, biografías, entrevistas, fotos etc. (todo en lingua alemana).
www.europa.eu.int
Portal da Unión Europea. Nestes tempos de “crise” da Unión Europea está ben que se coñeza esta páxina web a través da cal se ten acceso a unha chea de documentos de todo tipo en todas as linguas oficiais da Unión. Que ninguén diga que non sabía nada…
www.andelvirtual.com
Para os amigos das literaturas galega e portuguesa a web dunha das librerías dixitais pioneiras de Galicia, con información sobre libros etc.
www.periferica.org
Nada mellor para caracterizar esta revista portuguesa de literatura e cultura que o seu eslógan: Uma aldeia periférica. Uma região periférica. Um país periférico. Uma revista pouco preocupada com isso.


RSS