Os favoritos de Carlos Alberto Alonso
Carlos Alberto Alonso (Ferrol 1970) é un incipiente cineasta de curta pero interesante traxectoria. As súas grandes paixóns polo cine a música quedan reflictidas nestas recomendacións de viaxe pola Internet que nos fai.

Como director ten no seu haber varias producións en diferentes formatos entre os que destaca as “Muxicas”, “The End” ou o videoclip “Superheroe: Blood Filloas”. Polifacético creador, ten traballado como locutor en Radio Fene, como articulista para diversos Fanzines (como 18 rodas, Sintonisón, …), membro do grupo de rock Malpaso e realizador de televisión na TV Local de Narón.
O cineasta ferrolán non dubida en valorar como “un dos momentos máis importantes na miña curta traxectoria coma cineasta” a súa recente achega na longametraxe colectiva “Hai Que Botalos!”, aínda que agora xa está noutra cousa como corresponde ao seu ritmo de actividade. Ademais de seguir movendo a súa recoñecida curtametraxe “As Muxicas” por festivais e mostras, neste momento o collemos na fase de preprodución e busca de financiamento de “Belladona”, unha nova curtametraxe galega feita con bandeira catalá. A historia, que se densenvovle na Galicia dos anos 20 trátase, nas súas propias palabras, dunha “reflexión de tintes shakesperianos e en clave de western crepuscular, sobre a intolerancia no entorno familiar”. No medio desta axitada actividade Carlos Alberto Alonso non deixa de acceder á rede para informarse, informar a outros e seguir ao pé do canón .
Carlos Alberto recomenda visitar:
www.epdlp.com
El poder de la palabra. 2457 textos literarios, biografías e imaxes dos seus autores…. Obras de arte, Arquitectura e un practiquísimo arquivo de musica clásica e bandas sonoras, asiduamente actualizado.
www.boyelliott.com
Músico fenés-ferrolán asentado en Ourense. Sen dubida, unha das grandes promesas do pop-rock galego. O ex-Blood Filloas ofrécenos dende esta elegante web un pormenorizado repaso da súa traxectoria, e a posibilidade de baixarte e gozar dos seus temas.
www.subcin.com
Curiosa web que recompila títulos malditos, obras inacabadas, filmes
perdidos, etc… que os responsábeis do sitio denominan acertadamente “Cinema Subterráneo”.
www.ween.com
Banda dificilmente clasificable e inxustamente descoñecida, cunha paxina web de deseño insólito.
www.stanick.com
Formidable sitio do ilustrador estadounidense, toda unha gozada para os sentidos. Pop en estado de gracia.
www.xoel.com
Páxina web deste magnifico músico e compositor coruñés afincado en Madrid, cerebro de Deluxe e compoñente dos Lovely Luna e da extinta Elephant Band.
www.carlosatanes.com
Sitio oficial deste catalán de orixe galego, un dos únicos (e auténticos) cineastas independentes peninsulares. Na súa web podes -entre outras cousas- seguir a traxectoria do seu derradeiro traballo -a longametraxe de ciencia-ficción “FAQ”- e baixarte as súas enigmáticas e provocadoras curtametraxes. Moi recomendable o seu Blog, coas disertacións filosófico-vitais deste obreiro cultural.
www.saudadedeti.org
Andres Dobarro: Saudade de ti. Merecidísima recuperación da figura do noso Bob Dylan autóctono, do bardo mugardés… Andres Lapique Dobarro.
www.saulbass.net
Dedicada o gran deseñador e descoñecido cineasta (The Quest, Phase IV). Responsable dos mais fabulosos títulos de crédito da historia do cinema.
www.oscempes.com
Os Cempés. Festa rachada con personalidade, os seus directos son demoledores… Absolutamente recomendábeis estes “ferrolterráns”. Opaii!!!!
www.lauraharring.net
Desculpen a frivolidade, este persoal escuro obxecto do desexo débollo ó “Mulholland Drive” de David Lynch. Cada un ten as súas debilidades.


RSS