culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Roberto Leal

Publicado o 05 Ago 2005

Co premio María Casares ao mellor actor protagonista nas mans , pódese dicir que este é un bo ano para o actor e director Roberto Leal (Bos Aires, 1956). Leal ten unha longa traxectoria como actor e director na escena e no audiovisual e non lle resulta nada difícil mergullarse nas novas tecnoloxías para compartir con nós algunhas das súas preferencias.
En xira por España e Portugal coa obra “Historia Natural” de Matarile Teatro e a piques de comezar a viaxar tamén con Factoria Teatro, pola montaxe de “Tío Vania”, Roberto agarda “que non se cumpran as maldicións dos premios” e que lle saia traballo e proxectos para o futuro. O premio polo seu traballo na obra “Indignos” recoñeceu a súa dedicación e esforzo na creación do seu personaxe e veu a reafirmar aLeal como un dos actores a ter máis en conta na escena galega. Comezou a súa formación na Arxentina diplomándose en Formación Actoral e Dirección Teatral pola Universidade Nacional do Centro en 1981. Chegado posteriormente a Galicia a principios dos noventa traballa con diversas compañías de teatro e entra tamén a participar en producións audiovisuais e nalgunhas das máis coñecidas series televisivas da TVG, como A familia Pita, Rías Baixas, Pratos Combinados, Galicia Express, Fíos, As leis de Celavella ou Libro de familia. Entre os seus traballos cinematográficos destaca a curtametraxe “Televapor” (1995) e a s súas participacións en “A los que aman”(1998), de Isabel Coixet e “Sei quen es”(1999), de Patricia Ferreira.
Ademais do seu traballo como actor non é menos destacable a súa dedicación docente e a súa faceta de dirección teatral. Nesta última traballou como director e dramaturgo de “Intermezzo” co Teatro Trebbo en Milán e foi axudante de dirección na montaxe “Valle Inclán 98” do Centro Dramático Galego. Como docente co grupo de Teatro do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago desde hai anos, levou adiante un proxecto de intercambio o pasado ano por estas datas con Polonia, no Czas Teatru, nun proxecto global no que cinco grupos escolares europeos representaban a súa obras na cidade de Opole.

Roberto recomenda visitar:

www.cinenacional.com.ar
Paso por unha época de nostalxia un tanto enfermiza e estou todo o dia nesta páxina arxentina mirando repartos e carteis de peliculas da miña infancia… Na páina estou eu pola miña
participación en “Sei quen es”

www.redteatral.com.ar
Sen ser ningunha marabilla dame a posibilidade a acceder a programas de man, que os tiña de verdade dalgúns musicais feitos en
Arxentina.

www.nuevaera.com.ar
www.eleco.com.ar
Visito as páxinas webs dos diarios Nueva Era e El Eco de tandil, para enterarme de las noticias de mi Tandil (máis ou menos o meu paraiso perdido).

www.radiomitre.com.ar
Escoito Radio Mitre para recuperar certos sons e certas musicas que a veces se necesitan…

www.kazaa.com
Estou todo o dia e a noite co Kazaa aberto baixando cousas imposibles (Sandro, Violeta Rivas, Sandra Mihanovich, Celeste Carballo e demais descoñecidos nestas terras)

www.teatrogalan.com
Como sobremesa a web de Teatro Galán, para ver os prodixios que fai Baltasar Patiño co Photoshop para borrarrme das fotos…je