culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Alberto Guitián

Publicado o 12 Ago 2005

Alberto Guitián (Lugo, 1974) pode ser considerado actualmente como un dos principais autores galegos de banda deseñada. Publica semanalmente na revista Mister K (ed. El Jueves) unha serie que con debuxo e guión seus. Gañador de numerosos galardóns polo seu traballo, vive en Barcelona onde tamén fai traballos de deseño gráfico. Alberto consegue reunir un abano de ligazóns rico e variado e mesmo sorprendente para compartir con nós.
Collemos a Alberto traballando nun “libriño” que recollerá as aventuras dos seus personaxes Fito e Pita, e do que xa é posible ver un adianto no recente número 6 de “BD Banda”. Aínda que afincado en Barcelona, Alberto non perde o contacto coa súa terra e tamén contribúe aos novos proxectos de cómic galego como “BD Banda” e “Barsowia”. Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra, Guitián é un prolífico creador de contrastada calidade. Foi monitor nas Semanas de Banda Deseñada. No verán do 2001 coordinou a mostra colectiva “Microclimas” e confundou a galería de arte Wootelo (con sé en Lugo) e mais o colectivo creativo homónimo.
Foi o responsable da publicación do fanzine “Kedeké” a comezos dos anos noventa. Ademais, ten colaborado en publicacións galegas como “O Fanzine das Xornadas”, “Ovo”, “Bambán”, “Golfiño” (segunda etapa) e “Semana de Banda Deseñada”. A súa bedegrafía expándese por cabeceiras de renome galegas, españolas e lusas como “Bíblia”, “TMEO” ou “Mono gráfico”.Gañador de numerosos galardóns nas convocatorias da Xunta de Galicia, tamén foi premiado polo Injuve (Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de España) e no II Salão da Caricatura de Vila Real (Portugal).

Estes son os “guitilinks” que recomenda Alberto:

www.vieiros.com
De visita obrigada para moit@s que vivimos na diáspora.

www.aduaneirossemfronteiras.org
Pop culture meets retranca. Humor gráfico para o debate e a revisión dos nosos santos misterios e os nosos clichés.Un jit.

www.hoogerbrugge.com
www.tokyoplastic.com

Dous sitios de animación de vangarda que me volven tolo.Innovadores, sorprendentes, inclasificabeís……hai que miralos.

www.bluevertigo.com.ar
Estupendo directorio de recursos de deseño gráfico: Tipografías, logotipos, deseños vectoriaís, cliparts, bancos de imaxes, etc.Moi útil.

www.arredemo.info
A rede alternativa de acción cultural que estamos a tecer entre moit@s galeg@s.Pensamento crítico, cibercultura, información, axenda cultural, activismo… O importante é participar.¡Cada día somos máis!

www.agpilustracion.org
Unha mostra da excelente canteira actual de ilustradores/deseñadores galegos.

www.coconino-world.com
Completísimo site francés adicado á BD e a ilustración.Deseño “retro” e infinidade de seccións e contidos.Especialmente recomendable para viaxar un pouco no tempo e (re)descubri-los clásicos.