culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Lois Gil Magariños

Publicado o 19 Ago 2005

Fundador e alma da Corporación Semiótica Galega, Lois Gil Magariños é un artista e poeta que aposta pola “Arte postal”, termo que el mesmo valora como “arte cordial”. Impresor e profesor nun instituto de Caldas de Reis, Lois ven de coordinar recentemente o proxecto Alfabetos de arte correo no centro de ensino. Gil Magariños propón unhas viaxes diferentes pola rede da súa man.
Gil Magariños rematou recentemente a autoedición de dous cadernos de poemas: “Poesía experimental” e “Coma os barcos cando atracan”, retallos de experimentación poético-visual “que fun argallando nas entre horas, sen ningunha finalidade máis ca de xogar no lecer”.
Desde o seu traballo como profesor no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, mantén nese centro unha dinámica actividade cultural pola que os alumnos participan en distintos proxectos, algúns de corte internacional, como “Alfabetos”, proxecto de arte correo; o Primeiro Festival Escolar de Performances nas aulas, Talleres de Grafoloxía Creativa e de autoedición, abecedarios ilustrados, etc. No futuro está a inauguración o 16 de abril en Lisboa da exposición PSINAIS, na sociedade Guilherme Cossoul, “unha serie de poemas visuais convertidas ad hoc en performances”. Lois Gil Magariños segue a súa actividade creativa sumando páxinas a un futuro libro de autor de debuxos e colaxes e mantén activa a súa rede particular de arte correo “intercambio postal libertario, fóra do comercio, fóra das seleccións, dos curricula, arte igualitarista. Arte postal, arte cordial”

Estas son as cordiais invitacións a navegar que fai Lois Gil Magariños:

www.boek861.com
Referencia para todos aqueles individuos que queiran estar ao tanto do que sucede no microcosmos da creación experimental e da arte postal: poesía visual, performances, ensaios, convocatorias de arte correo… Coordenada por César Reglero, artista correo, poeta visual, performer e grafólogo. Para todos aqueles que queiran introducirse nas formas de creación e intercambio alternativas.

iesaquiscelenis
Teño especial interese en difundir esta web do centro educativo no que traballo xa que nela está aloxada a galería de obras de arte correo MAREA NEGRA, exposición que organizamos con motivo do tráxico fundimento do Prestige. Ten o mérito de ter reunido a artistas e mailartistas dos cinco continentes, máis de 470 obras pertencentes a 260 autores, representando a 36 países. Creo que é unha mostra de referencia xa que leva dous anos itinerando polo noso país, chegando a percorrer máis de 30 centros educativos. Tamén porque en breve aloxaremos aquí a web gallery ALFABETOS e toda a documentación relacionada co proxecto educativo desenvolvido o presente curso.

www.consumehastamorir.com
Unha web moi completa con contidos visuais e artigos arredor, como non, do consumo, capital, ecoloxía… Manipulación e reducción ao absurdo da propaganda do capital. Tratados de humor e política a golpe de tesoira e cola (hoxe, de Photoshop).

incomunidade.blogspot.com
Blog de referencia para quen queira estar ao día do que sucede na poesía galega, voceiro da Sociedade de Instrucçao Guilherme Cossoul, de Lisboa, dirixida na parte literaria por Alberto Miranda e na visual por Sonia Alves, ora embaixada galega no país irmán, ora embaixada portuguesa no aquí. A Cossoul é o Fondo Europeo para a Poesía Galega Contemporánea.

Um Draiga
Tristemente o Sáhara está de actualidade e non precisamente para ben. Máis de trinta anos metidos no puto deserto agardando e logo de anos de espera, de alto o fogo, cando a linguaxe e a acción política ambigua do actual goberno (no que máis dun depositou algunha confianza) minguan arreo a esperanza dunha resolución do conflicto con Marrocos. Esta fiestra de contacto coa xente dos campos, cos amigos, é tan necesaria como a auga, a pesar das súas limitacións e dalgún ruído producido polas feridas abertas no Magreb. Quero tanto á miña xente! Viva o Sáhara Libre.