Os favoritos de Henrique Rabuñal
Dramaturgo, narrador e poeta, en definitiva escritor, Henrique Rabuñal (Pastoriza, Arteixo, 1962) é un activo representante da república das letras que exerce a docencia e participa na actividade cultural a través de Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que é vocal e en outras moitas actividades. A través da súa escolla viaxamos por sitios de Internet que tamén debuxan o seu perfil.
Autor de máis de trescentos escritos, cincuenta deles sobre asuntos teatrais nos que está especializado, e con participación en setenta obras colectivas, Henrique Rabuñal Corgo leva adiante unha prolífica actividade literaria e de divulgación e é coordinador do Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía”. “Palabra e patria” (Laiovento, 2005), un ensaio sobre o teatro galego, e o libro de narrativa“Ollos negros” (Espiral Maior, 2004) son as máis recentes da súa obras e na actualidade está a traballar nunha recompilación da súa propia obra poética, nas súas colaboracións no Congreso Manuel María e no congreso sobre Xosé Lois García, así como no libro que a AELG vai sacar sobre Anxel Casal.
Graduado en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago e Diplomado en Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra é profesor de lingua e literatura galegas e participa en congresos e encontros da súa especialidade, ofrece recitais poéticos e da conferencias en diversas universidades e centros culturais de España, Europa e América. Fundou os colectivos galeguistas A Nova Mocidade e Xiada e foi membro do grupo de sociolingüística Iruinean Sortua. No colectivo poético “A illa quente de nengures” comeza a súa andaina literaria que inclúe tres poemarios: Paixom e morte dum condenado (1984), Poemas da luz e da locura (1992) e O tempo demorado nos marmelos (2000). Entre os galardóns que ten recibido está o Premio Carballo Calero de Investigación Lingüístico-Literaria. Henrique Rabuñal foi Director do programa de radio Quinta-Feira e na actualidade é colaborador de Radio Coruña e ten moita obra publicada en numerosos xornais e revistas.
Estas son as recomendacións de Henrique:
bvg.udc.es
Excelente produto da Universidade da Coruña. Moi ben a sección “eventos”, espectacular sección “novidades de autores”, boa idea a sección de novos e boas ligazóns e curiosidades(viaxe virtual, por exemplo). Dá moito de si nas aulas.
busc.usc.es
Aquí busco eu libros e revistas. Haino todo e de todo e de todos e todas. Non atopei nada mellor para saber de libros e de moitos servizos que eu non uso pero o lugar ten.
www.aelg.org
Atoparedes as actividades da AELG. É modesta de momento pero aspira a ir a máis e irá. Como membro da dirección da directiva goréntame falar desta páxina e animarvos a usala e enriquecela.
www.vieiros.com
Un clásico, con moita forza, con clase e pedigrí.
www.galiciadixital.com
Ten mogollón de cousas, moito sobre artistas e autores galegos, bastante sobre cultura, emprego, empresas. Merece unha visitiña, creo. Ligazóns a esgalla.


RSS