culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Verónica Rego

Publicado o 09 Set 2005

Verónica Rego é unha das moitas persoas que traballan no sector cultural pero que non son coñecidas polo público, de feito, o seu traballo é conseguir que sexan outras persoas e os produtos culturais os que sexan coñecidos.

Verónica está ao cargo do departamento de comunicación da Editorial Galaxia e resulta coñecida sobre todo para os xornalistas que cubre a información cultural no país e que atopan nela unha colaboración constante e unha persoa de trato agradable.
No seu currículo figuran seis anos noutra das empresas culturais máis importantes, Sargadelos, para a que traballou como xestora da librería da Galería Sargadelos de Ferrol e como organizadora da Sala de actos culturais. “Case seis anos bebendo e aprendendo da cultura do país, seis anos de formación ideolóxica, laboral, cultural e
sobre todo humana.” Hoxe en Galaxia Verónica goza dun traballo que ela mesma cualifica de “pracer e privilexio” no proxecto editorial de Víctor F. Freixanes continuando no camiño que iniciou en Sargadelos pero ampliándoo con incursións no mundo do audiovisual e das novas tecnoloxías. No futuro, ademais de vivir, pretende seguir “á sombra deste Carballo que é Galaxia que me permite aprender e desenvolver a miña creatividade e sobre todo seguir avanzando no mundo da comunicación nas súas distintas facetas.”

Verónica recomenda facer un percorrido por estas páxinas:

www.rebelion.org
Unha páxina con artigos diferentes de cultura, dereitos humanos, artigos de opinión, ecoloxía. Unha interesante e variopinta miscelanea alternativa

www.greenpeace.es
Eistein dixo que unha persona intelixente resolve os problemas e que un sabio os evita. Greenpeace é unha organización que por si mesma e a través da súa web intenta manternos informados sobre os riscos que corre o planeta e propón alternativas individuais e colectivas para evitalos.

www.derechosparalosanimales.org
Unha web na que se plantexa que tanto o sufrimento coma o disfrute de calquera animal non é nin máis nin menos importante que o goce ou a dor dos homes. Unh páxina que vai por riba da diferencia. Propostas e accións para velar polo respecto aos animais.

www.elpais.es
Un xornal dixital para manterse ao día da noticia de fóra de Galicia e de Galicia no marco de España e Europa

www.lavoz.es
A noticia galega e internacional día a día, feita dende Galicia. Páxinas de opinión abondosas e variadas. Un suplemento cultural interesante.

www.culturagalega.org
O portal do Consello da Cultura Galega é dinámico e ofrece uns amplos espazos para a información diaria, para a opinión para o ocio: música, cine, literatura… Unha ventá aberta ao lecer e á comunicación, ao coñecemento.