Os favoritos de Henrique Alvarellos
Depositario dun legado familiar en forma de empresa editorial de importante fondo de catálogo Henrique Alvarellos (Lugo, 1968) segue adiante co traballo que iniciou o seu pai cunha imprenta reprográfica e posteriormente coa Editorial Alvarellos.

Henrique combina o seu traballo editor coa colaboración como columnista para varios xornais do país, a súa condición de escritor, e exerce tamén como asesor de comunicación.
Exerce de lugués orgulloso da súa cidade, e diso deixou constancia no seu recente libro “Teoría de Lugo” (A Nosa Terra, 2004), e seguirá coa futura publicación dunha guía da cidade de Lugo que se titulará “Descubrir Lugo” e que sacará Edicións do Cumio e será editada en cinco idiomas. “Trátase dunha proposta – explica Henrique- para percorrer Lugo en dous días, e descubrir a súa arqueoloxía romana, a monumentalidade e pegada relixiosa, a gastronomía e a natureza de bosques únicos e paisaxes miñotos que rodean a urbe.” Na súa constante procura de olladas novas que poñan en valor todo aquilo que nos rodea tamén escribiu “Galicia en cen prodixios” (Xerais, 2004), traballo xornalístico-divulgativo que achega datos de moitas das singularidades “prodixiosas” desta terra e que el saca á luz.
Dentro do seu traballo editorial ven de sacar recentemente e con éxito a edición e estudio introdutorio do libro “Viajes y yantares por Galicia” que, recupera, cincuenta anos despois da súa primeira publicación en “Vida Gallega”, 37 artigos gastronómicos e de viaxes escritos por Álvaro Cunqueiro e que permanecían esquecidos. Este libro abre unha nova colección da editorial: “Colección Rescate”, que continuará este ano, con outros libros que recompilan tamén traballos xornalísticos dispersos e esquecidos de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco publicados en “Vida Gallega”, e o próximo día 27 presentará en Vigo, na Penzol o libro “Sesenta gallegos ilustres” de Francisco Fernández del Riego, que recupera artigos esquecidos do autor dos anos 50 e 60 para a revista “Vida Gallega”.
Sobre os sitios web que Henrique Alvarellos adoita visitar, el recoñece que varía “por epocas en función das miñas necesidades” pero asegura ter como “eternos” os dos xornais. A diario consulta El Progreso, La Voz, El Correo, El Mundo e El País nas súas edicións dixitais. Tamén Vieiros, Xornal.com e algún outro cos seus “confidenciais”.
Alén diso Henrique visita e recomenda visitar:
www.lucusaugusti.net
Esta tempada consulto moito esta, que é moi interesante. Nela descóbrense datos e historias romanas de Lugo que pouca xente coñece e que converten á miña cidade natal en todo un prodixio.
http://es.wikipedia.org
O coñecemento como un fluír, como un magma, e sen cancelas… Navegar por esta “enciclopedia libre” ábreme portas ao saber e á información nas que nunca entraría de non manexala. O día que escribo isto, á milla muller agasallárona cunha orquídea. A portada de “wikipedia” aparece hoxe (14/9/05) fermoseada cunha destas flores, e con toda a súa historia e curiosidades… Un nome, o de orquídea, que procede do grego “orchis” que quere dicir “testículo”. As orquídeas conforman a familia máis extensa do reino vexetal: 30.000 especies. En fin… Un agasallo para miña dona.
www.iberlibro.com
Moi útil para alguén coma min, que é unha mestura de xornalista, escritor, editor, bibliófilo, etc… Labores todas que precisan da procura de vellos materiais publicados. Esta páxina é das máis recorrentes para min.
www.segundamano.hispavista.com
www.todocoleccion.net
Tamén outras igual de interesantes.
www.totallyabsurd.com
Aquí un se decata (por se non o sabía xa) de ata qué punto pode chegar a desenvolverse o capitalismo e o ocio unidos. O site en cuestión recolle os inventos máis estraños, inútiles e horteras que o home norteamericano pode artellar. É un bo pasatempo, sen dúbida, que por suposto, ten novidades dabondo que se actualizan cada día.


RSS