Os favoritos de Elvira Riveiro
Elvira Riveiro pasou de ter o seu primeiro libro individual publicado a presentar o segundo dous meses despois. Nesta semana fixo público o seu poemario “Arxilosa”. Elvira colaborou con Culturagalega.org durante meses no Inventario Indócil que saíu nesta sección de Fin de Semana.
Membro activo das Redes Escarlata, esta nova voz da poesía ten no seu haber este ano tres publicacións, unha colectiva no volume “Das sonorosas cordas”(Ediciones Eneida, 2005) e o seu primeiro e segundo poemarios individuais, “Andar ao leu”(Deputación de Pontevedra, Col Tambo) e “Arxilosa” (Litoral das Rías, 2005) respectivamente. Con esta rápida e ascendente traxectoria confírmase a súa estable presenza no panorama das letras. Aínda que a poesía de Elvira Riveiro non é só de letras, o seu traballo de experimentación coas imaxes levouna a ter nesta edición de Fin de Semana a súa propia sección “Inventario Indócil” onde semana tras semana e durante meses presentou as súas propostas de poesía visual. Actualmente desenvolve esta faceta a través dun weblog de nome Visualobxectual.diariogratis.com
Ademais da súa actividade poética esta pontevedresa licenciada en filoloxía galego-portuguesa traballa desde hai anos impartindo clases de cerámica a presos no cárcere da Lama. Da súa experiencia co barro saíu a inspiración para este libro “Arxilosa”.
Da súa experiencia na rede saíron estas recomendacións:
Andar21
Revista poética en rede. Poesía galega e internacional, manifestos e moito máis.
Biblioteca Virtual Galega
Noticias do mundo da literatura galega e unha boa nómina de autores/as (aínda que hai ausencias notábeis) galegos/as de todos os tempos xunto cunha mostra da súa obra. Amplo apartado de ligazóns.
Vórtice Argentina
Unha das máis completas de arte correo e poesía visual.
Merzmail
Moi
interesante. Centrada na poesía experimental. Para informarse do que pasa aquí e alén:
Vieiros
Imprescindíbel en galego.
Indymedia
O CMI galego. Para saber desas cousas (e participar se cómpre) que non nos contan nos telexornais.
Rebelión
Información alternativa, desa que moitas veces se silencia.
Dicionario Visual da Construción
Tamén adoito ir á rede para buscar recursos en galego:
programas, dicionarios, etc. Un moi útil é este.
Rei Zentolo
Entre as iniciativas que apostan polo idioma galego e
que son capaces de chegar á poboación nova (a que está máis desgaleguizada) eu destacaría o proxecto de Rei Zentolo
Redes Escarlata
Non podería deixar de mencionar a páxina das Redes Escarlata e a súa bitácora. Hai que vela/lela para crela.


RSS