Os favoritos de Silvia Penide
Silvia Penide é unha realidade no panorama musical. Esta músico que canta os seus propios temas xa vai polo terceiro disco publicado, “Invisible”, título que non lle fai xustiza xa que a súa capacidade fai dela un fenómeno que destaca entre os demais.

Comezamos a escoitar sobre Silvia Penide (Meicende, 1979) hai uns anos como unha rapaza que cantaba en locais dos arredores da Coruña e que conseguía que a xente lembrase o seu nome e os seus concertos ata o punto de acudir alí onde ela anunciaba as súas actuacións.
Desde aquela ata agora Silvia reafirmou esta e outras virtudes musicais converténdose nunha realidade musical moi a ter en conta, que xa destaca no presente e que, de seguir así, relucirá no futuro. Silvia Penide ten un público fiel e cada vez máis numeroso que segue a súa progresión e que compra aos seus discos que en todos os casos superan o milleiro de vendas e teñen que ser reeditados para satisfacer aos seguidores.
Pero as cousas non se conseguen nun día e diso sabe moito Silvia Penide, que despois de estudar Auxiliar de Enfermería comprendeu que a súa vocación era a de curar, pero usando a música. En 1997 deu o seu primeiro concerto na igrexa da súa localidade natal Meicende. Dese ano é tamén a súa primeira maqueta “Alicerce” á que seguirá “Azul” en 1999. As dúas foron gravadas en Radio Arteixo. No ano 2000 grava “Mundo de cuerdos”, o seu primeiro CD que sae a rúa no seguinte ano mentres segue aumentando as súas actuacións en directo. No 2002 grava o segundo CD “Kilómetros”(Falcatruada) que presenta no 2003 en numerosos concertos por todo o país adiante facendo honra ao título do disco. A finais do ano 2004 presenta o disco de trece temas “Invisible” (Falcatruada), último traballo ata o momento e que segue presentando en concertos que a levaron este ano en xira por Eslovenia e Italia. Actualmente Silvia quere “levar o disco ao maior número posible de persoas” pero non deixa de compoñer novos temas pensando no seu futuro traballo musical así que anda a “darlle forma a novas cancións que me roldan na cabeza”.
Silvia , que ten a súa propia presenza na rede en Silviapenide.com, recomenda visitar estes sitios:
www.tomtrovador.com
Web deste cantautor sevillano con moito éxito en Galicia, que ofrece uns concertos cheos de maxia.
www.luismoro.net
Cantautor coruñes que ten unha axenda repleta de concertos e moita enerxía para enviarlle ó público.
www.superputa.com
Coñecelos e achegarse ó lado máis arriscado do descarado.Dende alí acceso directo ó fotolog de Popita que non ten desperdicio.
www.mozasemozos.org
Web deste colectivo de Bueu que organiza un festival en verán que vos recomendo, ademais de diferentes propostas durante o ano.
www.solidariosenaccion.com
Colectivo lucense con moitas propostas e iniciativas.
www.falcatruada.com
Web da plataforma de servicios galega coa que estou a traballar. Se cantas, se tes un grupo ou inquietude pola música non dubides en visitala. Ademais podemos atopar información sobre a actualidade da música en Galicia.


RSS