Os favoritos de Moisés R. Barcia
Saltar as barreiras do idioma para deixar fluír a literatura libremente por riba das diferenzas culturais e lingüísticas é a tarefa principal á que Moisés Rodríguez Barcia (O Morrazo 1971) leva anos dedicando o seu esforzo.

Tradutor de obras tan coñecidas e complicadas como “O señor dos Aneis”, Moisés estende a súa dedicación tamén a outras iniciativas como a crítica literaria, tarefa á que se dedicou desde a desaparecida Guía dos Libros Novos, o Faro das Culturas ou o Cartafol de Libros de Vieiros. Agora prepara unha actividade editorial relacionada coa tradución.
No seu andel de trofeos Barcia pode presumir de ter o Premio de Tradución 2001 da Universidade de Vigo e mais o IV Premio de Tradución Plácido Castro da Asociación de Tradutores Galegos. Ademais da triloxía dos aneis de Tolkien, tamén traduciu para o noso idioma obras tan destacadas coma as “Leccións americanas” de Italo Calvino ou o “Decamerón” de Bocaccio. Ven de publicarse a súa tradución de “O portal dos elfos”(Eds. Xerais), de Herbie Brennan, primeira parte dunha triloxía da que proximamente veremos publicada unha nova entrega tamén traducida por Moisés, que a define como “unha historia para rapaces que mestura a maxia e a tecnoloxía-ficción, que mama moito nos ambientes recreados por Tolkien e Rowling, pero que engade tamén elementos moi actuais e novidosos. Por exemplo: a nai do protagonista vaise divorciar
porque ten unha moza.”
Agora mesmo Rodríguez Barcia está enfrascado no proceso de creación dun proxecto editorial, “Rinoceronte Editora”, que se especializará na tradución para o galego de autores internacionais. Polo de agora el non quere adiantar moita máis información deste proxecto “moi ilusionante e bastante esgotador” do que espera poder falar máis polo miúdo “nun par de meses”. Namentres, a súa actividade tradutora estao levando agora mesmo polas páxinas do Oliver Twist, de Dickens, nun encargo para a editorial Galaxia de vertelo ao galego. O tradutor recoñece deste traballo en particular “un esforzo directamente proporcional ao pracer que produce. Charles Dickens non só é un escritor dunha calidade excepcional, senón tamén un grandísimo humorista.”
Estes son os sitios nos que Barcia recala pola web adiante:
www.macuarium.com
O lugar que deben visitar todos os usuarios de computadores Macintosh. Nos seus foros pódese atopar resposta a calquera problema nun tempo record.
activa.caixagalicia.es
Dos mellores servizos bancarios en internet que coñezo. Só falta que ofrezan a posibilidade de facer transferencias internacionais (de momento hai que facelas por teléfono) e que o galego sexa a lingua por defecto, e non a extravagante opción dalgún que outro usuario.
www.radio.cz/es
A web en español de Radio Praga, imprescindible
para estar ao tanto do que acontece nunha cidade que é a miña segunda casa.
www.vieiros.com/publicacions/veredicion.php?Ed=38
¡O Cartafol, claro! Crítica literaria sen peaxes nin ataduras.
manuelgago.org/blog
Un blog galego que segue a liña dos grandes blogs internacionais, cun ollo posto no local e outro no global, e atendendo ás novidades tecnolóxicas. Agradécese, fronte a tanta prosmeirada intimista que acugula o blogomillo galego.
bretemas.blogspot.com
O mundo da edición contado dende o punto de vista dun dos máis importantes editores da Galiza.
facendoamigos.blogspot.com
Opinións e barra libre sobre literatura nesta taberna cibernética de Jaureguizar.


RSS