Os favoritos de Emma Ríos
Na banda deseñada a presenza masculina é moi maioritaria, pero unha artista comeza a despuntar. Emma Ríos, a máis destacada autora galega, conseguiu xa ser convidada a participar nos máis prestixiosos festivais da novena arte europea e enfronta unha chea de proxectos. Detrás desta ascensión encóntrase un esforzo constante por mellorar a súa técnica e a aposta pola autoedición como xeito para se dar a coñecer.
Naceu en Vilagarcía de Arousa non hai aínda trinta anos e comeza a despuntar nun panorama no que é ben difícil facerse un oco, e máis sendo muller. Emma Ríos Maneiro, licenciada en Arquitectura, está a vivir no último ano unha fulgurante ascensión profesional que a levou desde editar hai dous anos as súas propias historias en fotocopias a ser reseñada en publicacións francesas e a estar convidada a algúns dos principais eventos europeos dedicado á novena arte.
“Desde pequena gustoume debuxar”, explica a autora. “Fixen a miña primeira BD aos quince anos e desde entón basicamente non puiden parar”. Só tres anos despois daquela primeira historia, o produto daquela afección aparecía pola primeira vez editado en publicacións afeccionadas. “Empecei a colaborar en fanzines, tiven a sorte de encontrar xente relacionada co tema, e logo decidín que podía facer un propio”. Deste xeito, en 2001 saía o primeiro número “A Prueba de Balas” (APB), unha serie de acción futurista editada en fotocopias que “xurdiu coma adestramento para me meter nunha historia longa, divertirme e aprender”. Distribuíndoo fundamentalmente a escala local na Coruña e nos encontros de BD, a proposta chamou a atención do colectivo Polaqia, que lle propuxo a autora facer unha nova edición xa por imprenta e que incluía ademais unha segunda parte inédita.
A cousa empezou a funcionar, a un nivel bastante minoritario pero abondo para comezar a arrincar. O alcance desta edición chegou moito máis lonxe do que Emma puido soñar. “Bernard Moureau, un dos redactores da revista belga L´Inedit veu a España de vacacións e logo de comprar un APB en Barcelona púxose en contacto comigo. Máis tarde a xente da revista pediume unha mostra do traballo, gustoulles moito e meteron sete páxinas con bosquexos e ilustracións e dúas de BD”, explica a autora. Deuse alén diso a circunstancia de que este número da revista era o dedicado a Festival de BD de Angoulême no 2005, o máis importante de cantos se celebran en Europa.
A pertenza ao xénero feminino nun mundo tan amplamente dominado por homes como é o da BD non lle supuxo especiais problemas para alén dun certo etiquetado. Antes ao contrario, este feito ofreceulle determinadas vantaxes á hora de se dar a coñecer. “É patético mais grazas a ser muller saín en entrevistas televisivas e nunha reportaxe en Rolling Stone, non teño xeito de me quitar o adhesivo de rapaza que debuxa BDs”, apunta.
Alén do seu traballo na BD, Emma Ríos continúa a súa carreira como arquitecta, con éxitos temperán. “Colaborando con Cristina Ansede Viz e Udo Toennissen gañamos o terceiro premio do certame Thyssenkrupp para a construción dun edificio-ponte para a Expo de Zaragoza”, explica. Ademais deste proxecto, colabora no estudo de arquitectura de Alfonso Penela en Vigo e busca de saídas profesionais relacionadas coas súas actividades.
Entre os seus proxectos futuros está un álbum para Francia, aparte diso o “APB files” e o último da serie APB4. “teño moita gana de entrar no mercado francés, e Bruxelas pode ser unha grande oportunidade”.
Emma recomenda visitar estas páxinas da rede:
www.lacarceldepapel.com
O mellor blog de tebeos en castelán que coñezo
.wanadoo.fr/homepage.springer/
Páxina persoal de Springer un autor frances do que ainda non hai nada publicado en castelán que é un dos meus favoritos
www.bdbanda.com
A web de BDbanda
www.redegalega.org/polaquia
A web do colectivo polaqia
www.bones.co.jp
Un dos meus estudios de animación japoneses favoritos que formaron o equipo de cowboy bebop tra-lo éxito da serie
www.studio4c.co.jp
Outro dos mellores estudios de animación de Xapón
www.symmetryclub.com
Páxina persoal dun dos meus ilustradores favoritos: katsuya terada, responsable entre outras moitas cousas dos deseños de Blood.
www.cineasie.com
Páxina sobre o cine asiatico en xeral con especiais segundo directores e actores e moi boas reviews
www.office-kitano.co.jp
Páxina oficial de takeshi kitano
www.zaha-hadid.com
A miña arquitecta favorita


RSS