culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Anxos Sumai

Publicado o 18 Nov 2005

Acaba de chegar de Girona, onde asistiu ao congreso Galeusca de escritores vascos, galegos e cataláns. Anxos Sumai declárase “en tempada de descanso” despois de rematar coas presentacións do seu libro “Melodía de días usados” (Galaxia, 2005) e polo de agora non pensa en volver á rede máis que de visita.

Co seu primeiro libro “Anxos de garda” (A Nosa Terra, 2003) acadou o recoñecemento do Premio da Crítica e o segundo “Melodía de días usados”(Galaxia, 2005) está a ser moi ben recibido polos lectores. Aínda que os dous saíron da rede, da sección que semanalmente foi publicando neste portal, a escritora de Catoira non pensa polo de agora volver a escribir neste medio. “Estou nunha época de descanso – di ela- recargando as pilas, dedicada a lectura e a compartir o tempo cos amigos”. Ante o seu silencio literario declara non sentirse preocupada, “en literatura doulle tanta importancia ao silencio como á palabra”. Ven de chegar de Cataluña, onde asistiu como parte da delegación galega de escritores ao encontro Galeusca. “Girona é moi bonita”, di Anxos da súa experiencia catalá.

Pese a considerarse en descanso editorial Anxos non deixa de escribir e recoñece estar nun proceso de readaptación a outros xéneros despois de case tres anos escribindo ese diario de ficción que foi “Anxos de garda”. Entre os seus proxectos tamén está unha futura adaptación dalgúns textos de “Melodía de días usados” para ser usados como monólogo teatral polo seu amigo o actor Morris. Os seus seguidores, que son moitos, seguro que recibirán a obra con entusiasmo cando estea nos escenarios.

No seu deambular pola rede Anxos recala nestes sitios:

www.estudiosonline.net
Portal sobre arte e muller, no que podes atopar principalmente textos sobre as relacións entre arte e feminismo, e traballos de creación visual. Inclúe tamén enlaces a revistas dixitais e a sitios web de temática afín.

www.blogaliza.org
Despois de tanto tempo escribindo “Anxos de garda” agora quero ser eu a espectadora e convertinme nunha compulsiva lectora de blogs. En blogaliza podo seguir coa lectura daqueles dos que son asidua e coñecer as novidades no mundo das bitácoras galegas.

www.zapatosrojos.com.ar
Portal arxentino de poesía no que entrei por casualidade e que consulto con certa frecuencia. Nel atopei autores que me eran por completo descoñecidos, como a arxentina Graciela Cros e o rumano Dorin Popa. Teñen unha cumprida biblioteca en liña.

www.iberlibro.com
E un enorme catálogo colectivo de máis de 2.200.000 libros novos, antigos, esgotados e de ocasión onde se poden atopar obras de todo tipo. A min interésame sobre todo para localizar e mercar obras descatalogadas.

marmelo.blogspot.com
O blog do escritor portugués Manuel Jorge Marmelo, no que atopo opinión, crítica e tamén unha forma de facer literatura coa vida cotiá que me resulta moi próxima.

www.tnm.go.jp/en/
Páxina do Museo Nacional de Tokío, que me permite facer percorridos virtuais pola arte xaponesa, en espera de poder visitar persoalmente as súas coleccións e mostras temporais. Casualmente nestas datas teñen unha exposición de Hokusai, un dos grandes mestres do gravado que me gusta especialmente.