Os favoritos de… Roberto Vilar
Coñéceno en toda Galicia baixo a aparencia dun dos personaxes máis famosos da televisión, Tonecho, cabeza de familia dun clan familiar que se distingue pola falta de “cabeza” dos seus membros, coñecidos como “Os Tonechos”.

Roberto Vilar (Xove, 1971) é un actor que trunfa actualmente co seu programa propio despois de ter pasado por anteriores traballos de interpretación.
Co seu compañeiro Víctor Fábregas, Tucho na ficción, conforman unha parella escénica de probado éxito televisivo. Crearon as súas personaxes para o programa Luar e co tempo a aceptación do público levounos a ter programa propio na grella autonómica. “O Show dos Tonechos” é o seu proxecto rematado máis recentemente, “chámalle rematado, chámalle manillar de bicicleta”, di Roberto, que tamén asegura que agora mesmo está moi ocupado en ser feliz e non lle queda tempo para outra cousa. E non é de estrañar xa que están a recibir un apoio importante do seu público.
Roberto comezou niso da televisión traballando na parte que non se ve, como técnico operador de cámara, montador de vídeo e axudante de realización, labor que compaxinou durante anos poñéndose diante das cámaras para facer as cámaras ocultas do Supermartes, onde seguro que aprendeu moitas cousas que lle serven na actualidade. No ano 2000 pasou a ser presentador e guionista do programa “Televisión Total” e ao ano seguinte decide formar unha empresa dedicada á elaboración de guións chamada Cabezas Quentes, que entre outros escribe para as series Pequeno Hotel, Terras de Miranda, Con Perdón, Luar, etc. Nestas e noutras series como Pratos Combinados, Rías Baixas, ou Galicia Express tamén estivo Roberto diante das cámaras como actor.
Os sitios web que Roberto recomenda para achegarse a botarlle un ollo son:
www.vertele.com
Para os que lles guste moito a televisión (vaia lástima tamén!) recomendo esta que está bastante ben e ademais segue as audiencias día a día.
Para os que lles guste o mellor baloncesto do mundo (NBA) recomendo a web da cadea de televisión americana ESPN en español, é mellor que a páxina oficial da NBA
Jefe Seatle
O que lle guste a cultura dos indios norteamericanos e queira ser un pouco mellor persoa que teclee Jefe Seatle en Google e que se deixe emborrachar pola sabedoría deste xefe apache.
www.magoxacobe.com
O que queira contratar un bo mago(dos que fan maxia) que vaia a magoxacobe.com
Asociación Down Compostela
O que queira facer este mundo un lugar mais tolerable que visite a páxina da asociación down compostela, que axuda os nenos con síndrome de Down de Santiago. Eso si que é bonito.
Tonechos.com
E por último. o que queira saber algo mais dos Tonechos que non vaia a tonechos.com, porque non é nosa, e dun espabilado que se nos adiantou, fixo ben, que carallo!


RSS