Os favoritos de David Pintor “Pinto”
É un momento álxido para David Pintor, a súa primeira exposición está sobre as paredes e ven de sacar dous libros á rúa. Aínda así poida que o seu nome non lle soe a moitos pero seguro que iso cambiaría se dixeramos que estamos falando da parte gráfica do dúo Pinto & Chinto.

David Pintor “Pinto” é un ilustrador que leva desde 1993 unindo a súa carreira profesional á de Carlos López publicando humor gráfico no xornal “La Voz de Galicia” como Pinto &Chinto. Pintor ten actualmente colgadas obra súas nas paredes da sala de exposicións do Hotel Sol Meliá de A Coruña no que é a súa primeira exposición de pintura. A mostra está composta por 27 cadros que fan un recorrido a xeito de caderno de viaxes por diversas cidades nas que tiven a sorte de estar: Praga, Amsterdam, Ibiza, Salamanca, A Coruña… Esta mostra estará á vista do público ata o vindeiro venres, 9 de decembro e o ilustrador ten previsto levala a máis sitios e cidades para dar coñecer o seu traballo.
Tamén nestes días a súa obra como parte do binomio Pinto & Chinto está de actualidade xa que veñen de saír do prelo dúas obras ao mesmo tempo e en dúas editoriais distintas que apostan polo traballo destes autores. “Historia de Román o bombeiro” (Editorial Everest Galicia) e “O pequeno da familia fantasma” (Sotelo Blanco Edicións) son os dous libros infantís cos que estes creadores esperan chegar ao público cativo que xa os seguía a través da desaparecida revista”Golfiño”. Este traballo de ilustración de libros tamén está entre os seus proxectos futuros para vindeiras publicacións.
Pinto aconséllanos botarlle un ollo aos seguintes sitios web:
www.circusmuseum.nl
Magnífica páxina onde se pode atopar unha magnífica colección de carteis antigos de circo. Unha verdadeira marabilla gráfica. Máis de 1000 cartelas coa estética de principios do século XX. Imprescindible para cartelistas e ilustradores.
sorrel.humboldt.edu
Curiosa páxina dun profesor da universidade de Humboldt cun arquivo magnífico de imaxes: Máis de 200 cadros, debuxos, e fotos de Van Gogh. Moi curioso tamén un arquivo de máis de 300 imaxes de arte africano, oceánico e indio. Imprescindible para amantes de Van Gogh e da arte tribal africana.
www.annora-spence.com
Esta é a páxina dunha magnífica ilustradora e pintora que me interesa moitísimo polo seu grafismo e a súa visión poética da realidade. Imprescindible para amantes da ilustración.
www.musee-matisse-nice.org
Páxina oficial do museo Mattisse de Niza. Un dos pintores que desde sempre máis me sorprenderon, e ó que volvo cada certo tempo para seguir sorprendéndome.
www.amazon.com
Cando ando á procura por exemplo dun libro de arte dun ilustrador holandés, e despois de percorrer librerías, grandes superficies, casas do libro, librerías de vello… esta é a páxina onde sempre o atopo…


RSS