culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Pepo Suevos

Publicado o 09 Dec 2005

Pepo Suevos (Ferrol, 1971) é un home grande como un mundo e aínda que de primeiras impresiona moito todos os que o coñecen saben que o máis impresionante de Pepo é o seu bo humor e o gran corazón que ten.

Actor coñecido polo público galego fundamentalmente a través da súa personaxe Metralla na serie “Terras de Miranda”, ten participado en outras moitas producións audiovisuais así como contando contos ou facendo monólogos por toda Galicia. Na súa faceta de contador de contos e de humorista podemos achegarnos máis á persoa que hai detrás das súas personaxes e ver que no interior deste home grande hai unha grn capacidade para facerlle a vida máis alegre aos demais.

Se ben con Metralla conseguiu crear unha personaxe que facilmente conectou co público, Pepo tamén participou en outras moitas series de ficción galegas e nacionais. Tamén está a facerse un sitio na cinematografía, debutou na ópera prima de Jorge Coira “Entre bateas”, xunto a Miguel de Lira e tamén tivo aparicións en “Ilegal”, ”Heroína” e “Camiño de Santiago: a orixe”. Recentemente puidemos velo aparecer nun capítulo de “Hospital central”, en Telecinco e ten pendentes de emisión dúas películas “Máis ca irmáns” de Continental Tv de Ramón Costafreda, con Mabel Rivera, Felix Gómez e Bea Segura e tamén “Chapapote… o no ” de Vaca Films, de Ferrán Llagostera, con Francesc Garrido, Isabel Naveira e Celso Bugallo. Entre os seus proxectos actuais Pepo di estar traballando “nunha nova entrega da serie “Terra de Miranda” de TVG, que me vai ter liado ata o mes de marzo e despois pode ser que haxa algo, pero din que trae mala sorte falar diso, así que…”

Pepo di que o que lle interesa na rede agora mesmo é isto:

www.eldoblaje.com
A dobraxe é un mundo que me apaixona, aínda que non conseguín meterme nel. A páxina é completísima e chea de cousas interesantes.

www.atrapalo.com
Para amigos das ofertas tanto en viaxes como en espectáculos. Raro é o
día no que non aparece un choio.

www.google.es
Para min o mellor buscador.Para os que andamos perdidos nos entramados
da rede, é un referente fundamental.

www.elrellano.com
Unha desas webs onde a xente colga trapalladas, divertida e con moitos
contidos para quen queira entreterse un rato.

www.culturagalega.org
Non é peloteo, pero creo que é a guía máis completa que hai da nosa
profesión en Galicia, aparte de tódo-los servizos que da.