Os favoritos de Xurxo Mariño
Ven de sacar un libro “Os dados do reloxeiro” (CCG, 2005) que recolle os artigos de divulgación científica publicados neste portal e que está a ter unha moi boa acollida en todas partes. Xurxo Mariño (Lugo, 1969) é investigador científico e profesor universitario e alén do seu traballo de laboratorio tamén leva a cabo unha importante actividade divulgativa deixando claro que a ciencia é parte inseparable da cultura.
Na presentación do seu libro (que podes descargar da rede na Biblioteca de Culturagalega.org), e nalgún artigo do mesmo, Xurxo Mariño recoñeceu a súa admiración polo labor divulgador do científico Carl Sagan. Nesa liña parece que os seus pasos como investigador van máis alá das paredes do laboratorio do grupo de investigación Neurocom da Universidade da Coruña, onde estudan o sistema nervioso e avanzan en terapias para mellorar o control motor en pacientes con enfermidades coma o Parkinson. Xurxo realizou as súas investigacións posdoutorais no Instituto de Tecnoloxía de Massachussets (MIT) e é coautor de varias publicacións científicas aparecidas en prestixiosas revistas como Nature Neuroscience e Neuron. Actualmente é profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña e imparte clases de fisioloxía na Escola Universitaria de Enfermería de Ferrol.
Entre os seus proxectos máis recentemente rematados, ademais da presentación do libro “Os dados do reloxeiro” está un traballo no que participou con colaboradores da Universidade Tecnolóxica de Berlín e do MIT que consiste na simulación con computadores da actividade dunha parte do cerebro. Ademais diso “Estou comezando varios proxectos no laboratorio Neurocom da Universidade da Coruña. Son proxectos de investigación básica sobre a actividade eléctrica das neuronas que regulan o ciclo sono/vixilia, e tamén das neuronas que dan lugar á visión”, coméntanos Xurxo.
Paralelamente á actividade investigadora fai cousas bastante diversas, como a coordinación de relacións internacionais no programa de doutorado interuniversitario de Neurociencia como de divulgación científica a través de culturagalega.org ou colaborando de maneira esporádica en Tendencias21 e na revista Búsola así como en actividades en centros de ensino secundario. Un dos seus proxectos de futuro dentro do ámbito da divulgación é colaborar cunha sección de ciencia nun programa da Radio Galega no que empezará a oírselle dentro de dúas semanas.
Mariño recomenda visitar e usar os seguintes sitios da rede:
mitworld.mit.edu
Un sitio que ofrece a posibilidade de ver/escoitar conferencias impartidas no MIT por especialistas en todo tipo de temas: política, ciencia, tecnoloxía, etc.
audiovisual.universia.es
Similar ao anterior, con conferencias de todo tipo impartidas en
universidades españolas. De momento non hai moitas, pero é posible que se converta nunha interesante fonte de recursos audiovisuais.
www.michaelbach.de/ot/
Unha páxina divertida de ilusións ópticas, con moitas experiencias para comprender como interpreta o cerebro o mundo visual que nos rodea. Recomendo facer o recorrido pulsando no recadro de arriba que pon “full tour”.
www.driverguide.com
members.driverguide.com/index.php
Para encontrar ese controlador que falta. Para min unha axuda imprescindible.
www.refdesk.com
Un enorme compendio das fontes de información escrita/visual diaria na rede. Para botar unha ollada a cómo vai o mundo hoxe.
www.ratestogo.com
Para encontrar hoteis de calquera parte do mundo a bo prezo.
www.megaupload.com
Moi útil para enviar a través da rede ficheiros de gran tamaño cando non se ten acceso a un servidor de pago.
bbs.keyhole.com/entrance.php
Para utilizar con Google Earth: direccións para achegarse voando a
multitude de sitios no planeta…e fóra del.
www.calicoelectronico.com
Unha serie de animación na rede, para os momentos de relax.
www.escolar.net
Un blog feito por un periodista de Tele5, con interesantes ligazóns e
comentarios a temas de actualidade.


RSS